Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Navegar pola Rede dende o televisor: Cando vai chegar a tele 2.0?

As propostas para facer da pantalla do televisor a porta de Internet son aínda moi limitadas

  Chámeselle "Web TV" ou "Tele 2.0", o invento semella a estas alturas algo "natural": unir o televisor do salón co ordenador do despacho e navegar tranquilamente cun mando a distancia sen se mover do sofá. Este sería o xeito máis cómodo de ter todos os contidos da Rede á man mentres se está na posición máis relaxada. Así e todo, esta unión tardará en chegar a España e polo de agora só existen unhas cantas iniciativas en Estados Unidos que xa calaron entre os usuarios con éxito.

É un matrimonio de conveniencia que tamén obtén o visto bo dende o ámbito económico, xa que o negocio publicitario que podería resultar sería enorme. Como mostra abonda explicar que a publicidade televisiva xera en Estados Unidos máis de 70.000 millóns de dólares ao ano. Se estes se multiplican polos 4.000 millóns de espectadores potenciais que tería unha futura "Tele 2.0", amais de engadir a posible segmentación por gustos, idades, países, etc., queda claro que hai base para un negocio moi próspero e que lles pode interesar a moitas empresas. Por que daquela non choven propostas nesta dirección dende todos os recantos do planeta?

Só para os grandes

O problema reside na universalidade do proxecto, porque ao falarmos de unir televisor e Rede non se poden limitar os proxectos a un determinado modelo de televisor ou a certa rexión da Rede, senón que cómpre abordalos na súa totalidade para que de verdade poidan ser rendibles. Unha proposta de tales dimensións nin pode limitar os contidos nin debe discriminalos en razón do tipo de televisor que usen. Debe ofrecer o todo e para todo, e isto é algo que moi poucas empresas están en condicións de conseguir.

No argot da economía tecnolóxica dise que "hai moi poucos actores con músculo financeiro para logralo", en referencia aos xigantes do sector: Google, Apple ou Sony. De feito, son estas empresas as que participan nas experiencias que hai na actualidade, cada unha ao seu xeito. Google e Sony, xunto con outras empresas, apostaron por lanzar un sistema operativo para centros multimedia chamado Google TV, mentres que Apple optou polo seu dispositivo Apple TV, que funciona dun modo similar ao iPod, o iPhone e o iPad en relación ás tendas de descarga de música e aplicacións iTunes Store. A elas únese un proxecto pioneiro e exitoso que se ben non é exactamente unha "Tele 2.0", non hai dúbida de que é o que mellor chegou aos usuarios.

Google TV: fusión total

Google e Sony son os que máis apostaron co seu proxecto Google TV pola fusión entre o televisor e a Rede. Non se trata dun aparello en concreto, senón dun proxecto no que Google puxo o software e Sony o hardware, é dicir a caixa que organiza os contidos e o televisor adaptado, chamado Sony Internet Tv Disc Player. O desenvolvemento de Google baséase no mesmo sistema operativo que goberna numerosos teléfonos móbiles de última xeración, Android. Trátase dun sistema moi espallado, o que permite que se adapte ben a outros fabricantes de apellos que se queiran unir ao club.

Ademais, a ferramenta que emprega Google TV para atopar os contidos desexados é o navegador Chrome, un desenvolvemento da casa que combina ben con Android. Como resultado, se se dispón dun teléfono con este sistema operativo, pódese usar como mando a distancia e teclado. Pola súa banda, a caixa deseñada por Sony vai conectada ao televisor e mais á rede mediante cable. Entre as vantaxes do sistema salientan a súa navegación sen límites por calquera contido e a reprodución de vídeos de Youtube en formato flash grazas á colaboración da empresa Adobe, propietaria da tecnoloxía, no proxecto. Isto é algo que non se pode facer na tableta iPad de Apple, por exemplo. Os usuarios poden ver series ou películas, xa sexa alugadas nos servizos dispoñibles ou ben doutras páxinas web que as ofrezan en aberto, ler os medios on line e os blogs ou participar nas redes sociais. A cambio Google TV financia o proxecto inserindo publicidade contextual na pantalla.

Polo momento a experiencia, que leva uns poucos meses en funcionamento nos Estados Unidos, tivo un éxito variable segundo o tipo de público. Os analistas destacaron as súas vantaxes, pero tamén que o sistema funciona aínda de modo moi lento e torpe, con demasiados erros. Ademais, xa carrexan cunha demanda do lobby de cadeas de cable, moi importante naquel país, que os acusa de piratería e competencia desleal por dar acceso a contidos que en teoría son pechados.

Apple TV

Apple insiste dende hai tempo nun modelo de contidos televisivos vía Internet, pero sempre segundo o seu modelo pechado e baixo o seu estrito control, tal como aconteceu coa música no iPod, as aplicacións no iPhone ou os contidos xornalísticos no iPad. Preferiu non se asociar con ninguén e seguir co seu desenvolvemento de 2007 Apple TV, que xa tivo un antecesor en 1995 chamado Apple interactive Television Box.

Apple TV é unha caixa negra e lixeira co grosor dun paquete de tabaco e o dobre de ancho, o que quere dicir que entra nunha man. Conéctase á Rede por un lado e ao ordenador -sempre un Mac- ou ao televisor por outro, aínda que tamén se pode conectar ao iPad ou emitir os contidos sen fíos. Estes contidos, que só se poden adquirir vía Apple TV, conséguense dunha tenda on line e destacan as películas e as series. Tamén permite ver vídeos de Youtube e fotografías de Flickr, aínda que non deixa navegar con liberdade.

Netflix

Netflix non é ningún desenvolvemento específico, senón máis ben unha plataforma de aluguer de vídeos en streaming e baixo demanda na Rede que conseguiu destacarse sobre outros servizos similares cos que compite. Nos Estados Unidos ten un grande éxito polos seus prezos competitivos e a súa ampla oferta. Non obstante, aínda que se anuncia periodicamente, a súa chegada a Europa demórase. Na actualidade tamén ofrece en streaming programas de televisión en colaboración coas súas produtoras, polo que comeza a parecerse máis a unha "Tele 2.0" ca Apple TV.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto