Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Fernando Lalana, escritor: "Dicir que os libros son caros é unha mala escusa dos que non queren ler"

 Sincero e directo. Así é Fernando Lalana nas súas obras e nas súas respostas. Foi actor afeccionado e escribiu unha decena de obras de teatro, "pero sempre por encargo". A literatura xuvenil é máis rendible e el quería ser escritor. Aínda así, propuxéronlle escribir sobre vampiros e rexeitou a oferta porque considera que a ficción, que non a fantasía "é a literatura por excelencia". Cre que todas as historias xa están escritas e, polo tanto, solo se pode aspirar a darlles unha nova volta de rosca. En tempos de crise lamenta que esta atenace as editoriais e desmente que se lea menos porque o prezo dos libros sexa alto. "O acceso á cultura non depende en absoluto do custo, é unha cuestión de prioridades". Por se acaso, algunhas das súas obras se poden ler na Rede gratuitamente -por tempo limitado, iso si- e desvelou a fórmula para enganchar. "Hai que escribir boas historias, atractivas, divertidas, interesantes e sorprendentes". A crítica recoñeceulle que non se trabuca demasiado. Entre os numerosos galardóns que recibiu destacan o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1991) e o Premio Cervantes Chico (2010), en recoñecemento á súa traxectoria literaria.

Escribiu máis de cen libros, como conseguiu non repetir argumento?

É doado. A capacidade de imaxinar estimúlase co uso. Cantas máis ideas tes, máis ideas se che ocorren.

Nunca sufriu o temido "medo á páxina en branco" que parece axexar aos creadores?

Considero que é un conto inventado polos que escriben sen seren realmente escritores. O escritor de verdade prepara primeiro os libros con sumo coidado e, cando senta a escribir, xa sabe todo o que que quere contar. É imposible quedar en branco.

Vostede segue unha rutina ao escribir?

Eu non escribo todos os días, aínda que procuro que me apeteza a miúdo e teño preferencia por escribir de noite. Cando inicio un novo libro, márcome unha data aproximada de finalización e trato de cumprir comigo mesmo.

Asegura que a crise atenaza as editoriais. Non son bos momentos para se dedicar á literatura ou é a ocasión perfecta para innovar?

Houbo poucos bos momentos en España nos últimos cincuenta anos para dedicarse á literatura. No noso país sempre se leu pouco e publicouse en exceso. A maioría dos nosos escritores non son profesionais da literatura, senón que viven doutro traballo máis estable. Innovar sempre é bo e, ante a escaseza de lectores actual, hai quen pensa que a solución está en ofrecer novos soportes, pero creo que o importante é o contido. Hai que escribir boas historias, atractivas, divertidas, interesantes e sorprendentes. Non creo que os lectores acepten ler o contrario só porque llelo ofrezamos nun soporte máis moderno.

As sagas son un medio para enganchar e manter as ventas?

As sagas teñen unha tradición literaria moi antiga, sobre todo en certos xéneros. Pero refírome ás sagas: series de novelas que se poden ler, e mercar, de modo independente, cos mesmos personaxes protagonistas. Aí non entran as triloxías e similares, historias interminables que continúan en varios tomos. Para saber como remata un libro, debes mercar o seguinte. Se a obra non ten o éxito que a editorial esperaba, se cadra nin se publica a continuación e quedas sen saber o final.

Algúns dos seus libros están ao alcance de todos os lectores. Pódense descargar gratuitamente e por tempo limitado na súa páxina web. O acceso á cultura depende demasiado do custo?

Non depende en absoluto do custo, é unha cuestión de prioridades. Obxectivamente, os libros son o ocio máis barato, en relación co tempo de diversión que proporcionan. Para ler gratis, sempre tivemos a opción das bibliotecas públicas. Dicir que os libros son caros é unha mala escusa dos que non queren ler. Se os libros custasen a metade do seu prezo actual, o número de lectores sería o mesmo.

Bibliotecas e librerías non son daquela inimigos?

Eu penso que hai lectores de biblioteca pública e lectores que prefiren facer a súa propia biblioteca e, polo tanto, mercan libros de cando en vez. Ambos os dous tipos de lectores merécenme a mesma gratitude e respecto. Non considero que a crise cambiase substancialmente os costumes duns e doutros.

Caeu na tentación de escribir sobre vampiros ou propuxéronllo?

Eu non leo nin escribo fantasía, senón ficción, que para min é a literatura por excelencia. Dende hai varios anos o xénero fantástico está de moda, pero a moda pasará e volverá o que nunca marchou: historias que non aconteceron, pero que puideron suceder. Unha editorial propúxome escribir de vampiros e díxenlles que non de moi malos modos.

A literatura infantil e xuvenil é un novo filón?

Foi un novo filón, un invento das editoriais que chegou a España hai uns trinta anos. Cando eu era adolescente, vendíanse contos infantís, a maioría adaptacións de clásicos, e libros de literatura xeral. Os poucos lectores novos daquela rebuscabamos nas bibliotecas para atoparmos obras literarias acordes á nosa idade, pero non había coleccións con obras editadas e seleccionadas para os adolescentes.

Que diferenza un conto para nenos dunha novela para mozos?

A literatura infantil, os contos, é un xénero literario independente, coas súas características propias, condicionadas polas carencias e polos gustos dos nenos. Require unha determinada técnica e destreza do escritor. A novela xuvenil, tal como eu a entendo, é unha mera clasificación comercial. Non hai nada substancial, literario, que diferencie a literatura xuvenil da literatura xeral. Unha novela xuvenil é unha novela para adultos que, ademais, resulta atractiva e alcanzable tamén para adolescentes.

Que debe ter un libro de literatura xuvenil para triunfar?

  Sorpresas. Hai que sorprender o lector con aquilo que non agardaba, que non imaxinaba, que nunca antes atopara. Dun lector adulto e formado pódese esperar que goce só coa beleza da palabra, coa exquisitez da prosa. Pero a un rapaz de trece anos hai que deixalo coa boca aberta en cada páxina ou, polo menos, intentalo.

Como se dá mantido ao día dos gustos literarios da xente nova?

Eu escribo sempre sobre o que me gusta a min. Escribo para min. Hai cousas que sempre funcionan, como a aventura, o misterio, o medo, a amizade, o amor ou o heroísmo. A miña fonte de inspiración é a da maioría dos escritores: os libros doutros. Todas as historias xa están escritas, dun modo ou doutro. Só se pode aspirar a darlles unha nova volta de rosca.

Os pais deben elixir as primeiras lecturas dos seus fillos ou hai que deixar que eles mesmos descubran os seus gustos?

Como en todo, hai que darlles a probar para que eles decidan que lles gusta máis e que menos, ata que adquiran un criterio propio.

Nalgunha ocasión, tamén lle recoñeceron o bo facer no teatro. Pensou algunha vez en orientar a súa carreira cara a este xénero?

Comecei a facer teatro moito antes que a publicar libros, pero o meu primeiro premio, o Grande Angular polo libro "O Zulo", inclinou a balanza pola literatura. O teatro converteuse daquela na miña grande afección durante máis de vinte anos. Como autor escribín nove ou dez obras, das cales cinco se converteron en libros con posterioridade á súa estrea, pero vivir de escribir teatro, que me gustaría moito, é bastante máis difícil que vivir da literatura xuvenil.

Canto le un escritor?

Eu, polo menos, leo bastante. Non tanto como me gustaría, pero un libro por semana é o mínimo. A escribir apréndese lendo e, cando xa se domina o oficio, hai que seguir lendo porque é o xeito de alimentar a cabeza, de pór en marcha o cerebro.

Un dos seus libros máis coñecidos, "Morrerás en Charafinas", adaptouse ao cinema. É adecuada esta práctica para atraer os lectores?

O número de obras literarias que se adaptan ao cinema é ínfimo en comparación con todo o que se publica, así que producir películas para aumentar o número de lectores me parecería pouco razoable. Pero o certo é que, en xeral, o interese do público polos libros que se levan á pantalla multiplícase enormemente e as súas vendas dispáranse.

É afeccionado ás plumas estilográficas. Pódoo imaxinar escribindo os seus libros cunha?

Descubrín as bondades de escribir con pluma cando me tiven que enfrontar a longas sesións de dedicatorias nos meus primeiros libros. Dende hai máis de vinte anos, todo o que escribo á man escríboo con pluma, pero os orixinais trabálloos dende hai un cuarto de século na pantalla do ordenador.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto