Saltar o menú de navegación e ir ao contido
É fundamental coñecer con antelación as condicións do transporte elixido, comparar entre as ofertas e contratar un seguro se se viaxa fóra de Europa
De todo menos divertido. Esta é a conclusión á que chegan moitos pais cando se enfrontan á preparación dunha viaxe familiar con nenos pequenos. Acabáronse os tempos de mochileiro nos que se podía viaxar practicamente co posto, sen saber onde se ía durmir, onde se comía a horas intempestivas e se trataba de gozar ao máximo das noites nas cidades visitadas. Cando se teñen nenos, as viaxes non encaixan coa improvisación. As tapas a calquera hora, as copas nocturnas e as interminables camiñadas por velo todo deben dar paso a un novo escenario no que serán imprescindibles os xogos e as cancións. O espírito aventureiro debe dar o relevo a unha ordenada planificación, xa que amais de aforrar desgustos pode resultar unha experiencia rendible para o peto, xa que evita o gasto en obxectos esquecidos na casa ou dos que non dispoñen os hoteis nos que a familia se vai aloxar.
A improvisación non ten cabida nas maletas. Unha correcta planificación esixe comparar ofertas entre hoteis (hai moitas promocións tipo 2 x 1 ou nenos gratis), consultar as condicións dos servizos de transporte e subscribir un imprescindible seguro médico se o destino está fóra de Europa. Antes de partir convén coñecer as limitacións dos transportes, os servizos para nenos de que dispoñen os hoteis e as coberturas dos seguros que se deben contratar.
Unha das opcións máis cómodas cando se viaxa con nenos é facelo no transporte particular. Iso proporciona liberdade para elixir as horas do traxecto, os descansos e para poder levar máis equipaxe da que se carga cando se viaxa en transporte público. Non obstante, en moitas ocasións, cómpre recorrer ao tren, ao autocar, ao avión ou mesmo ao barco. Neste caso, antes de partir o máis aconsellable é chamar á empresa que presta o servizo para coñecer a súa política cando se viaxa con nenos.
Na actualidade, en España teñen a consideración de bebés os nenos menores de dous anos, que non precisan viaxar con asento propio en ningún tipo de transporte (autobús ou autocar, avión, tren e barco). Está permitido que os bebés viaxen nos brazos dun adulto. Neste caso non deberán pagar asento aínda que nalgúns medios de transporte como o avión haberá que aboar un seguro especial de voo, que se debe sacar coa tarxeta de embarque. Por iso, é fundamental que á hora de mercar os billetes se informe a compañía de que se vai viaxar cun bebé ou con máis dun. Ao se mercaren os billetes por Internet, as aeroliñas contan cun apartado especial para informar de se se viaxa con ou sen nenos e de que idade.
Non obstante, se así se desexa os pais poden pagar un asento para o bebé. Nese suposto, aplicaráselle a mesma tarifa ca aos nenos, grupo no que entran os cativos de entre dous e doce anos. Este grupo si que debe ter, por lei, o seu propio asento.
En calquera caso, antes de partir, convén informarse das condicións particulares, normas ou regras da compañía que presta o servizo:
Sexa cal sexa a política da aeroliña, o persoal de voo proporciona sempre o cinto de seguridade (especialmente durante o despegue e a aterraxe) para o bebé e o persoal de voo axuda a colocalo. Nas viaxes de longo percorrido, algunhas compañías dispoñen tamén de berces, pero é tamén preciso solicitalas con antelación.
Se finalmente se decide que o bebé viaxe en asento propio, deberá pagar a tarifa correspondente aos nenos de entre 2 e 12 anos e terá dereito a levar equipaxe (ata 20 quilos en liñas aéreas tradicionais en clase turista e 30 quilos se se viaxa en primeira). A tarifa, neste caso, varía en función da compañía e o destino. En voos nacionais xeralmente aplícase un desconto do 50% sobre o prezo do billete de adulto; en voos internacionais a redución pode ser de ata o 33%.
O consello: Un bo consello para cando se viaxa con nenos en avión é intentar reservar os asentos da parte dianteira, inmediatamente detrás da parte "business". Estes asentos ofrecen máis lugar para estirarse e son mais convenientes para ir ao baño ou para erguerse para camiñar co bebé. Cada vez é máis frecuente que as compañías aéreas permitan elixir asento cando se está a facer a reserva, mesmo por Internet. Se non é así, sería aconsellable chegar ao aeroporto cedo co obxectivo de conseguir eses asentos. As compañías aéreas adoitan gardalos para familias con nenos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI