Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Para atrasarmos a demencia é clave mantermos o cerebro e o corpo activo e coidarmos a dieta
Non lembrar que se fixo pola mañá, repetir as mesmas cousas moi a miúdo sen lembrar contalas, ter decontino palabras na punta da lingua sen que acaben de saír, non saber que día é nin como descubrilo e despistarse e perderse na rúa son os indicios máis comúns de que algo non funciona ben na memoria e no cerebro. Cando a memoria recente comeza a fallar saltan todas as alarmas ante o temor de comezar un camiño sen retorno: o desenvolvemento da enfermidade de Alzheimer ou outras demencias. Agora ben, unha demencia non só implica a perda de memoria, senón que tamén comporta outros síntomas cognitivos asociados, como desorientarse, amosar dificultades para o razoamento e incapacidade para levar unha vida autónoma.
A demencia afecta no noso país ao 10% das persoas de máis de 65 anos e ao 30% dos maiores de 85 anos. Noutras palabras, unha de cada 10 persoas de máis de 65 anos e unha de cada 3 de máis de 85 anos padécena, segundo información da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN). Aínda que este problema de saúde é máis frecuente entre os maiores, a idade en si mesma non ten porqué incidir no desenvolvemento da demencia, se ben diminúe a axilidade humana para lembrar e aprender. Unha proba de que ser maior non é a causa única da demencia é que, en ocasións, esta desenvólvese antes. É o caso da demencia máis común, o Alzheimer. A súa aparición despois dos 65 anos, tamén pode debutar moito antes (a marca de aparición temperá é de 30 anos, aínda que se consideran casos excepcionais).
A demencia máis frecuente é a enfermidade de Alzheimer (afecta a 70 de cada 100 maiores de 65 anos con demencia), seguida da demencia por lesións vasculares (consecuencia de infartos e hemorraxias cerebrais), da demencia dos corpos de Lewy ("prima irmá" da demencia asociada á enfermidade de Párkinson) e das dexeneracións frontotemporais. Todas elas, salvo a demencia por lesións vasculares, son enfermidades neurodexenerativas, froito do desgaste das células cerebrais (neuronas).
A demencia asóciase ao concepto de reserva cerebral, que é a capacidade que o cerebro ten para compensar ou enfrontarse á presenza dunha enfermidade. A forma máis efectiva de atrasar a demencia é mellorar a capacidade de reserva cerebral, un obxectivo que se pode acadar a través de distintos mecanismos.
Polo de agora, non hai tratamento ningún que permita previr a enfermidade de Alzheimer ou as demencias. Os fármacos dispoñibles no mercado para tratar o Alzheimer son o donepezilo, a rivastigmina, a galantamina e a memantina. Este arsenal terapéutico ten unha eficacia demostrada pequena pero importante, xa que pode dar estabilizado os síntomas da enfermidade durante un ano con seguridade ou mesmo dous, tal e como explican os expertos.
Outro tratamento que se aplica na actualidade para retardar o avance destas patoloxías é a estimulación ou rehabilitación cognitiva. Aplicada nos casos leves ou moderados da enfermidade de Alzheimer, axuda a manter as funcións cognitivas e consegue un efecto similar ao dos fármacos. Non obstante, debe quedar claro que calquera prórroga ante esta enfermidade pode considerarse un éxito. O desexable, segundo os especialistas, é ensaiar estes fármacos en persoas que teñen Alzheimer moi inicial, sen demencia. Atrasar dous anos o inicio da demencia significa prolongar dous anos a autonomía dunha persoa, na que pode organizar a súa vida, pór en orde os seus papeis, elaborar un documento de vontades anticipadas...
O segredo para que estas estratexias terapéuticas funcionen é que a enfermidade de Alzheimer se detecte de xeito precoz. Para iso, cómpre acudir ao médico ao se detectaren fallos reiterados da memoria recente. Non obstante, non se debe coller medo por non lembrar un dato concreto (un número de teléfono, o nome dunha persoa, etcétera) ou se alguén se dirixe a un cuarto da casa e non lembra o motivo. Hoxe é posible estudar se estes lapsus de memoria coinciden cun patrón típico de Alzheimer medindo o metabolismo cerebral cunha técnica de imaxe, realizando unha tomografía por emisión de positróns ou un PET ou comprobando se as proteínas Tau e beta-amiloide da enfermidade de Alzheimer están alteradas. Xa que logo, acudir axiña ao médico para confirmalo ou descartalo é outra das claves para poder tratar e, polo tanto, retardar esta demencia.
Cuns hábitos sinxelos e saudables é posible contribuír a conservarmos a memoria:
Todo o que é bo para o corazón, éo para o cerebro. Por iso, convén controlar a hipertensión, o colesterol, a diabete, a obesidade e o tabaquismo.
Cómpre evitar os alimentos, como as graxas saturadas, que producen o chamado colesterol malo: obstrúen as arterias e impiden que o osíxeno chegue ao cerebro. Hai que tomar verduras e froitas frescas (sobre todo cítricos). Tamén son bos os froitos secos, a pasta, os legumes e alimentos que conteñan magnesio, iodo e fósforo. Fonte: Pablo Martínez-Lage, do Centro de Investigación de Terapias avanzadas (CITA) de San Sebastián, e coordinador do Grupo de Estudo de Conduta e Demencia da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN)
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI