Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Naiara Cambas, directora de Investigación Social da Fundación Científica da AECC: "A sociedade coñece que alimentos evitar para a hipertensión pero non os que preveñen o cancro"

  Cada ano diagnostícanse en España máis de 160.000 casos de cancro. As previsións para o futuro son aínda máis terroríficas. Estímase que para os vindeiros cinco anos superen os 200.000. Malia a crueza dos datos, Naiara Cambas, Directora de Investigación Social da Fundación Científica da Asociación Española contra o Cancro (AECC) prefire falar en positivo: os casos aumentan, pero tamén as cifras de supervivencia entre os enfermos. E o que é aínda máis esperanzador, segundo a OMS, o 40% dos casos pódense previr. O cambio cara a hábitos de vida máis saudables implicaría que preto de 75.000 casos de cancro non se chegasen a desenvolver.

Un recente informe realizado pola AECC revelou que a maioría das persoas melloraría os seus hábitos se tivese máis información sobre a relación entre alimentación e cancro. Sábese pouco dos alimentos protectores fronte ao cancro, e menos aínda dos promotores da enfermidade. Para previr distintos tipos de cancro, incluído o colorrectal (o de maior incidencia en España), requírense poucos cambios: comer acotío froitas e verduras, facer exercicio e evitar o consumo de tabaco e alcohol.

Acaban de publicar un informe 'Mitos da alimentación e o cancro. Todo o que deberías saber'. Que hai de certo nas seguintes afirmacións? A alimentación inflúe un 100% no desenvolvemento dun cancro.

Está 100% demostrado que a alimentación por exceso, é dicir, "pasarse" coas calorías, graxas saturadas, graxas trans, azucres, e tamén por defecto (fibra, antioxidantes) inflúe no desenvolvemento e mais na prevención do cancro. Non obstante, a alimentación non é o único factor; tamén afectan outros como o tabaco, o alcohol, o sedentarismo e mesmo a xenética.

O aceite de oliva e mais o brócoli preveñen a aparición do cancro, mito ou realidade?

Ambos os dous alimentos, aceite e crucíferas (brócoli, repolo, coles e coliflor) conteñen substancias que axudan ao organismo a defenderse das células canceríxenas. Isto non significa que se os comemos a miúdo, mesmo acotío, esteamos absolutamente protexidos, pero si contribuímos a reducir a probabilidade de desenvolver determinados tumores. Ao salientarmos as propiedades protectoras dun alimento sempre temos que falar no contexto duns hábitos de vida e de alimentación saudables, xa que ningún alimento ten por si só a capacidade de previr ou reducir o cancro.

As froitas e verduras son alimentos protectores, verdade ou mentira?

Absolutamente certo. Os seus compoñentes, minerais, fibra, vitaminas e substancias bioactivas como os antioxidantes son imprescindibles para o correcto funcionamento do organismo e protectores fronte ao cancro e outras enfermidades como as cardiovasculares. A OMS e o Instituto Americano para a Investigación do Cancro (AICR) recomendan, para conseguir os seus efectos protectores, un consumo igual ou superior a 600 gramos diarios de froitas, hortalizas e verduras.

Pero séguense as recomendacións de consumo destes alimentos?

Non sempre. Segundo o informe, só un 40% dos enquisados come dúas ou máis pezas de froita ao día, fronte a outro 40% que o fai algúns días, e os outros, que o fan só ocasionalmente. Coas verduras acontece algo semellante, só un 35% toma verduras segundo as recomendacións.

Cal ou cales son os alimentos que cre a xente que axudan a previr o cancro?

Curiosamente, a maioría coñece os alimentos que son máis ou menos axeitados en caso de hipertensión (non ao sal), colesterol (non ás graxas) e obesidade (evitar alimentos con alto potencial enerxético, de graxas e de azucres), mentres que pouco saben de alimentos protectores fronte ao cancro. No noso informe, entre os que responderon, o 30% mencionaron as verduras e o 35% as froitas.

E sobre os alimentos promotores do cancro, que se sabe?

Sábese ben pouco. Afortunadamente, os poucos que coñecen esta cuestión están no certo porque mencionan o alcohol, as graxas... Outros alimentos como o leite enteiro, os queixos, a manteiga ou as bebidas azucradas non se contemplan como promotores, aínda que en exceso poderían selo. Non se ten asumida a relación entre obesidade e cancro, pero existe. Non tanto pola obesidade en si mesma, senón polos malos hábitos que conduciron a ela, como o exceso de calorías, graxas e azucres, e a falta de exercicio.

Daquela, un neno que toma decote bolería industrial e alimentos cunha alta porcentaxe de graxas saturadas e de graxas trans ten máis posibilidades de sufrir cancro?

  As dietas que inclúan o consumo frecuente de graxas (saturadas e trans) e de azucres vincúlanse a unha maior probabilidade de sufrir un cancro na idade adulta. A educación en bos hábitos dende a infancia é fundamental, e o mellor xeito de que se aprenda é poñelos en práctica entre toda a familia.

Que prácticas dietéticas ou culinarias son tan nocivas como para prescindir delas?

Non convén comer a miúdo alimentos cociñados directamente sobre o lume, en concreto as partes carbonizadas, que son as potencialmente canceríxenas; o queimado do pan torrado ou dos alimentos asados á grella ou tipo churrasco. Hai que evitar utilizar o aceite moi usado da frixideira e filtralo tras o seu uso. Deste xeito, evítase que os restos de fariñas ou do pan relado se carbonicen.

As bagas goji teñen unha grande aceptación entre os consumidores, en parte polas súas aparentes (aínda que infundadas) propiedades curativas. Chéganlles consultas sobre estes e outros alimentos 'supostamente milagreiros'?

Cando algo se pon de moda, un bo número de persoas cre nas súas propiedades, pero non fai o mesmo co máis sinxelo, certo e demostrado: alimentación sa, variada e equilibrada. A mensaxe da asociación está enfocada neste sentido, sen entrar ao detalle de modas pasaxeiras sobre alimentos.

Ata que punto a sociedade é consciente do vínculo que existe entre a alimentación e a saúde?

Curiosamente vese unha asociación maior en positivo, entre a alimentación sa e equilibrada e a prevención de enfermidades, pero non se é tan consciente de que unha mala alimentación inflúe de xeito negativo.

E a nosa sociedade está concienciada abondo da importancia de levar unha dieta saudable?

Temos interiorizado que queremos seguir unha dieta equilibrada e en boa medida coidamos que o estamos facendo ben, mais, ao entrar en detalle (consumo de froitas, verduras...), queda moito por mellorar. O informe revelounos que nove de cada dez persoas estarían dispostas a mudar os seus hábitos de vida se tivesen máis información sobre alimentación e cancro.

Estámonos afastando da dieta mediterránea entendida como unha dieta promotora de saúde?

Os cambios no estilo de vida, os horarios, as modas alimentarias inflúen neste distanciamento. Os expertos insisten en que deberiamos reducir o consumo de carnes, graxas e doces a prol doutros alimentos como peixes, legumes, carnes magras, froitas e hortalizas. A inactividade física causa preto de dous millóns de mortes no mundo ao ano segundo a OMS. Preocupa saber que tres cuartas partes dos entrevistados declararon non realizar actividade física con regularidade.

Se a dieta mediterránea parece ser a panacea contra o cancro, por que outras sociedades como a chinesa teñen baixos índices de cancro?

No desenvolvemento do cancro inflúen moitas variables. A alimentación é unha delas, á que se suma a xenética, o contorno, a cultura, etc. Está demostrado que a dieta mediterránea é promotora de saúde. Esta concepción de entender a alimentación e o estilo de vida é abonda como para defender a dieta mediterránea por si mesma, sen necesidade de introducir alimentos doutras culturas (como puidese ser a soia, típica da cultura chinesa) como medida preventiva de enfermidades.

Existen as dietas anticancro? Se é así propóñame varias e para todas as idades.

Serve a mesma para todos, está baseada na dieta mediterránea. Os conceptos xerais son comúns a todas as persoas, aínda que se deben adaptar as cantidades ás particularidades individuais. O segredo está en seguir unha alimentación baseada en froitas, hortalizas e verduras, legumes e alimentos integrais. Todo iso combinado cun estilo de vida responsable e activo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto