Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Economía Doméstica

Λ

Aforro enerxético: Electricidade: menos vatios e máis conciencia

Os consumidores poden asumir uns doados consellos para reduciren a súa factura eléctrica e concienciarse do grave impacto ambiental que ten o gasto de enerxía

  O prezo da tarifa eléctrica subiu un 10% con respecto ao 2010 e non será a última vez que aumente. Os consumidores poden reducir a súa factura cuns cantos consellos para gastaren menos enerxía. O peto agradecerao, e tamén o medio natural.

En primeiro lugar, débese asumir unha máxima que parece moi obvia pero que non o é: o xeito máis (eco)lóxica de aforrar enerxía é non consumila ou, polo menos, facelo de maneira sensata. Non é estraño ver cuartos coas luces acesas sen ninguén dentro, ou estar en camiseta no inverno ou con xersei no verán polo uso esaxerado da calefacción e do aire acondicionado.

Os electrodomésticos producen o maior gasto nos fogares españois: poden supor ata o 65% da factura eléctrica. Agora ben, non todos gastan igual. Os frigoríficos e conxeladores requiren case o 19% da electricidade consumida, segundo o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Por iso, é recomendable ter un do tamaño apropiado, e coas etiquetas de eficiencia enerxética máis aforradoras, as de tipo A ou superior.

Se un consumidor substitúe un frigorífico de clase C por outra etiquetaxe como A+, o aforro estimado na nova factura eléctrica será de 3,72 euros ao mes (44,64 euros ao ano). No caso dunha lavadora será de dous euros, dun lavalouza de 2,42 euros, e dunha secadora de 4,61 euros.

  Os electrodomésticos máis eficientes son máis caros, pero son un investimento que se amortiza en menos de catro anos. Despois da súa vida media (dez anos), acádase un aforro dun 74,7% do consumo eléctrico total con respecto ao consumo dun electrodoméstico non eficiente. As administracións adoitan ofrecer Plans Renove con axudas para subvencionar a compra destes aparellos menos desbaldidores.

Para reducir o consumo enerxético, por exemplo do frigorífico, pódese situar nun lugar fresco e ventilado, manter limpa a súa parte traseira ou desconxelar antes de que a capa de xeo alcance tres milímetros de espesor. Abrilo o menos posible e cambiar as gomas das súas portas se non pechan ben, evitar introducir alimentos quentes, desconxelar os alimentos no frigorífico para obter ganancias gratuítas de frío e manter a temperatura do frigorífico entre 3 ºC e 5 ºC e o conxelador entre -18 ºC e -15 ºC son algúns consellos fundamentais para reducir a cantidade de enerxía que consume un frigorífico.

Chupópteros de enerxía

  • Televisor: Tras o frigorífico, o televisor é o electrodoméstico que máis enerxía consume. Os televisores planos, que cada ano se usan máis, son uns grandes "vampiros enerxéticos": en modo "stand by" "chupan" enerxía as 24 horas do día, aínda que estean apagados, e isto equivale ata o 15% do seu gasto en funcionamento. Por iso, ao igual que para o resto de pequenos e de grandes aparellos electrónicos, cun uso que se triplicou nos fogares nas últimas tres décadas, os consumidores deben seguir os mesmos consellos: elixir os máis eficientes, evitar o stand by ou apagalos se non se van usar.
  • Ordenador: No tocante aos ordenadores, pódese facer un uso máis ecolóxico deles: apagar o monitor se non se vai usar en máis de 20 minutos e todo o PC se é que non se vai empregar máis de dúas horas. As novas tecnoloxías poden axudar a gastar menos electricidade, como os contadores intelixentes, que informan polo miúdo do consumo eléctrico en tempo real.
  • Lavadora: A lavadora é o seguinte na listaxe dos que máis consumen. Entre o 80% e o 90% da electricidade destínana a quentar a auga. Amais de utilizar os modelos máis eficiente, é mellor recorrer aos programas en frío ou de menor temperatura posible, que adoitan ser os máis apropiados para a maioría das coadas. Outros consellos importantes son aproveitar ao máximo a súa capacidade ou, cando menos, usar programas de media carga, centrifugar e secar a roupa ao sol para evitar a secadora, usar descalcificantes e manter limpo o filtro. En caso de ter unha secadora, que sexa tamén das máis eficientes, utilizala só cando non quede outro remedio, aproveitar ao máximo a súa capacidade e cos programas máis axeitados.
  • Lavalouza: O lavalouza é outro electrodoméstico cada vez máis habitual nos fogares españois: unha cuarta parte dispón dun. Aínda que require o 2% do gasto eléctrico, é máis económico que lavar os pratos a man con auga quente, sempre que se sigan os mesmos consellos ca coas lavadoras.
  • Cociña: O cociñado de alimentos tamén leva unha boa parte da enerxía, a xeito de electricidade ou de gas natural (11%). Para reducir o seu consumo, pódese cociñar con recipientes que teñan o fondo maior ca o lume, tapar as potas, utilizar fornos de clase A e abrir a súa porta o xusto preciso, usar a pota exprés, de se usaren placas eléctricas, desconectalas uns minutos antes da cocción, e se a cociña é a gas, reducir o lume ao ferver o alimento.
  •   Pequenos electrodomésticos: Os pequenos electrodomésticos que producen calor (o ferro de pasar, a torradora ou o secador do pelo) dan lugar a consumos importantes. Convén reducir no posible o seu uso e aproveitalos ao máximo. No tocante a aparellos como abrelatas, espremedores ou teléfonos, pódense utilizar os manuais sen electricidade para lograr a mesma función. Así e todo, algúns destes aparellos son recomendables. Un microondas aforra tempo e entre un 60% e 70% de enerxía fronte a un forno convencional. E unha maquiniña eléctrica é mellor ca as de usar e guindar no que atinxe ao uso de auga quente e residuos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto