Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Economía Doméstica

Λ

Aforrar en calefacción, sen perder calor

É posible reducir o gasto en quentar o fogar se se elixe o sistema máis axeitado e se emprega de xeito eficiente

  Co inverno xa ben entrado, son moitos os fogares que poñen en marcha os seus distintos sistemas de calefacción para aturar o mellor posible estes duros meses de frío. Aínda que a crise se sinta próxima, ninguén escatima en conseguir a calor necesaria para a súa casa, un dos principais gastos das familias españolas: segundo datos do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), case a metade da enerxía que consumen se usa para quentar as súas vivendas. Non obstante, tamén é posible aforrar neste gasto, unha práctica moi agradecida cos tempos de inestabilidade económica que corren. Os sistemas de calefacción dispoñibles no mercado son moi variados, non só polo xeito de xerar a enerxía para climatizar unha vivenda, senón que tamén se distinguen polo seu custo, adaptabilidade e pola eficiencia enerxética que levan consigo. Para aforrar uns cantos euros cómpre facer un uso correcto dos calefactores. Para iso, a primeira cuestión sobre a que cómpre reflexionar é: como elixir o sistema máis axeitado para o peto?

Sistemas de calefacción

Individual ou colectiva? É sen dúbida, a gran diferenza que distingue un sistema doutro. O tipo de instalación pode ser individual, para un único fogar, ou colectiva, cando é compartida por toda unha comunidade de veciños.

Calefacción central

Dende o punto de vista económico e enerxético, a calefacción central colectiva é un sistema moito máis eficiente ca os individuais. Non obstante, a maioría dos fogares españois ten calefacción por elementos independentes, é dicir, conta con estufas, radiadores e convectores eléctricos, bombas de calor e outros equipos sen conexión ningunha cos dos seus veciños. A diferenza doutros países europeos, só un 10% das vivendas españolas teñen unha instalación centralizada, que lle dá calor a todo un conxunto de fogares, dun mesmo bloque ou comunidade, segundo datos do IDAE. Este tipo de sistema conta con vantaxes fronte aos individuais: o rendemento das caldeiras grandes é maior ca o das pequenas e, xa que logo, o consumo de enerxía é inferior, pódese acceder a tarifas máis económicas para os combustibles e o custo da instalación colectiva é inferior á suma dos custos das instalacións individuais.

En xeral, os sistemas de calefacción central máis utilizados compóñense de caldeiras estándar (de entre 4 e 400 kw de potencia) e utilizan combustibles líquidos ou gasosos. Así e todo, existen no mercado outros modelos de caldeiras con rendementos superiores, como son as caldeiras de baixa temperatura e as caldeiras de condensación. Estes dous últimos tipos de caldeiras son máis caros ca os convencionais (ata o dobre de prezo), pero poden producir aforros superiores ao 25% no consumo cotián, polo que é posible recuperar o sobrecusto en poucos anos.

Calefacción individual

Cando un fogar non dispón dun sistema centralizado, pódese decantar por distintos tipos de sistemas de calefacción, moi variados entre si.

  • Caldeiras de gas natural: é o tipo de calefacción máis utilizado nas vivendas españolas. Como método individual, é un dos máis baratos. O custo da instalación para unha vivenda duns 100 metros cadrados oscila entre os 3.000 e os 4.000 euros se se recorre a unha caldeira estándar. Son máis caras as caldeiras de condensación (parten dos 5.000-6.000 euros para o fogar do exemplo anterior). Agora ben, son máis eficaces e ecolóxicas. A súa duración é maior, co que a longo prazo pódese rendibilizar con creces o seu custo. No tocante á súa factura mensual, convén saber que é bastante máis cara ca nos sistemas comunitarios. Unha vivenda de 100 metros cadrados pode pagar máis de 150 euros ao mes na tempada de inverno. Para instalalo, este sistema pódese compor por radiadores de aluminio ou de ferro fundido. Os de aluminio son máis baratos e quecen moito máis axiña. Pola súa banda, os de ferro manteñen a calor durante moito máis tempo unha vez apagado o sistema.
  • Caldeiras de gasóleo: É un sistema máis caro ca o de gas natural, xa que necesita, amais da instalación de radiadores, unha cheminea e un depósito de gasóleo. Son aconsellables para vivendas grandes, por exemplo rústicas ou de campo. O custo da instalación rolda os 6.000 euros. Unha vivenda de 300 metros cadrados pode pagar máis de 200 euros mensuais con este tipo de sistema.
  •   Radiadores eléctricos: son os máis rendibles para fogares cun consumo de calefacción medio ou baixo. O seu custo é tamén moi alcanzable (pódense conseguir estufas ou radiadores eléctricos dende 100 euros). Algo máis sofisticados son os acumuladores de calor eléctricos, que teñen como peculiaridade que consumen enerxía eléctrica para producir e almacenar calor durante a noite. Estes aparellos van expulsando calor a medida que as necesidades do ambiente do fogar o van requirindo. Hai dous tipos: estáticos (que se instalan nun lugar concreto da casa e non se poden mover polas distintas estanzas) ou dinámicos (que poden trasladarse). O seu custo, en calquera caso, é moi elevado con respecto aos aparellos eléctricos tradicionais: poden conseguirse no mercado dende 2.000 euros. Grazas aos acumuladores pódese aproveitar a tarifa nocturna e aforrar máis do 60% en consumo eléctrico. Non obstante, o kw/h consumido durante o día leva unha recarga con respecto á tarifa convencional, o que invita a valorar coidadosamente a idoneidade de optar por este sistema.
  •   Estufas de butano: é un dos métodos máis tradicionais, pero que actualmente se instala nunha porcentaxe moi reducida de vivendas (basicamente rurais). O seu custo é dos máis baratos (as estufas pódense conseguir dende 30 euros e as bombonas de butano custan na actualidade 13,19 euros). A súa contaminación é das máis altas e a súa eficiencia enerxética das máis baixas. Só son recomendables para quentar espazos reducidos. Entre as súas desvantaxes convén mencionar que unha vez apagada a estufa, a sensación de calor desaparece decontado.
  •   Bombas de calor: Trátase de sistemas mixtos, capaces de dar calor no inverno e frío no verán. A súa peculiaridade é que contan cun climatizador que absorbe o aire, o filtra e o devolve frío ou quente, segundo as necesidades. Permiten manter unha temperatura constante na vivenda. O habitual é que se trate de equipos independentes, aínda que son moito máis recomendables os sistemas centralizados, nos que a calor transferida pola bomba é distribuída por unha rede de condutos de aire e reixas ou difusores (o máis usual) ou mediante tubos con auga quente a través dos cales se fai pasar aire. A vantaxe do sistema é a súa alta eficiencia: por cada kw/h de electricidade consumida transfírense entre 2 e 4 kw/h de calor. O seu inconveniente é que cando as temperaturas son moi baixas funcionan peor, ao teren dificultades para captar a calor do ambiente exterior. Algúns equipos, nese caso, recorren a resistencias eléctricas de apoio. O custo do aparello parte dos 1.000 euros, aínda que a instalación pode elevarse ata os 3.000 ou os 6.000 euros.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto