Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

O canon compensatorio, pagar polo dereito a copiar

Ideado nos 60 para compensar aos autores de obras musicais, rexurdiu con tinguiduras renovadoras ante o boom da era dixital

  Unha das moitas diferenzas entre Estados Unidos e a maioría dos países europeos é que mentres no primeiro non existe o dereito a facer copias privadas de obras con dereitos de propiedade intelectual, nos segundos si. É o que se chama o "dereito á copia privada", é dicir, sacar, de modo legal, unha obra do seu formato e rexistrala noutro distinto, sempre que non se teña ánimo de lucro. Ata que se actualizou a Lei de propiedade intelectual, era legal gravar un disco de vinilo nunha cinta de casete, ou fotocopiar unha páxina dun libro, se o resultado da copia era para uso privado e o orixinal se obtivera de xeito lícito. Iso si, iso implicaba que tanto o disco gravado como o libro copiado debían ser propiedade do copiador.

A orixe do canon

Co auxe nos anos 60 e 70 das cintas de casete virxes fíxose moi difícil controlar a orixe dunha copia e polo tanto comprobar a súa legalidade. Ademais, establecela en función da propiedade do orixinal resultaba controvertido. Do mesmo xeito que non é posible prohibirlles ás persoas que se presten ou regalen libros e discos, tampouco é lícito intentar controlar o que posteriormente se fai coas devanditas obras, sen violar a intimidade dos individuos.

Pero dalgún xeito había que compensar o autor dunha obra das perdas económicas que lle ocasionaba a difusión das súas creacións mediante copias privadas. Un músico podía facerse moi famoso se as súas fans gravaban os seus discos nas súas cintas. Agora ben, se non pasaban pola tenda a compralos, dificilmente podería manterse o negocio.

Para intentar solucionar o problema, en Europa creouse a figura do canon compensatorio, aínda que a España chegou tarde: contemplouse por primeira vez na Lei de propiedade intelectual de 1987 e comezouse a aplicar a partir de 1996. En Estados Unidos, en cambio, negouse o dereito á copia privada e polo tanto non houbo necesidade de establecer un canon. Alí esta figura non existe, pero realizar unha copia dunha obra con dereitos intelectuais pode carrexar multas e mesmo pena de cárcere.

Como funciona o canon?

  O canon é un sobreprezo (recarga no prezo habitual) que se lles aplica a determinados obxectos que participan na realización de copias privadas. No seu día, as cintas de casete incluían ese sobreprezo, que se pagaba ao longo de toda a cadea de consumo e que ía parar ás entidades de xestión de dereitos de autor. Estas distribuían o recadado entre os seus asociados. Coa aparición no mercado dos discos ópticos virxes (CD, DVD...) e dos discos duros, o canon dispúxose para adaptarse ao novo formato. Fíxoo, por lei, no 2003. Foi daquela cando xurdiron as primeiras polémicas.

Os formatos da discordia

A gran capacidade de almacenar rexistros e a súa versatilidade foron as características dos soportes de almacenamento dixital que máis controversia crearon. Como medir o canon para discos capaces de almacenar cen, mesmo mil veces máis ca unha cinta de casete? Daquela, debíase aplicar un canon mil veces superior?

E, sobre todo, como se podía saber que o gravado nun disco dixital era material con dereitos de autor? A diferenza das cintas de casete, os discos teñen un rexistro de usos moito máis amplo: dende os xulgados (que gravan os xuízos en DVD) ata as empresas que xestionan datos (que gardan soportes ópticos e dixitais), veríanse obrigados a pagar cantidades nada desprezables por algo que non son copias privadas senón datos propios.

Ante a imposibilidade de distinguir entre a copia privada e a que non o é, fixouse unha contía en relación á duración máxima das gravacións e en setembro do 2003 a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) comezou a aplicar o cobramento do canon sobre formatos de almacenamento dixital, sen distinción e, ademais, con carácter, retroactivo dende o ano 1999. En teoría, o canon debíaselle cobrar ao fabricante dos soportes, pero ante a falta de datos consideráronse responsables solidarios as tendas e as cadeas de distribución e solicitóuselles a eles os cartos.

A polémica

Naceron entón asociacións de rexeitamento ao canon, tanto de fabricantes como de tendas, distribuidores de material informático e usuarios. Pedían a paralización do canon indiscriminado, xa que todos os axentes implicados se consideraban inxustamente afectados, e todos os axentes implicados se uniron na plataforma "Todoscontraelcanon". Dende esta algúns afectados preitearon contra a recadación retroactiva do canon por parte das entidades de xestión e mais contra a súa redacción, que consideran que non discrimina entre o que son copias para uso privado de obras con dereitos e o que é material de traballo destinado a uso profesional, sen prexuízo ningún para os autores de obras intelectuais.

A persistencia no preito dunha tenda de informática de Barcelona levou o asunto ata o alto tribunal da Unión Europea, a quen lle pediu consello un xulgado da cidade condal. O resultado da consulta chegou en outubro pasado coa emisión dunha sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza na que ditaminaba que a actual aplicación do canon en España é discriminatoria e inxusta coas persoas xurídicas.

Se o tribunal barcelonés se acolle á sentenza europea, o canon aplicado tanto sobre tendas de informática como sobre profesionais será considerado ilícito e, xa que logo, haberá que modificar a lei para que non afecte ás persoas xurídicas. Estímase que durante todos estes anos se poden recadar arredor de 90 millóns de euros para tal efecto, pero non está clara a posibilidade de que os afectados poidan reclamar o que xa pagaron en concepto de canon.

Non obstante, a sentenza do tribunal europeo avalaba o canon sobre particulares por entender que o seu destino principal serían as copias privadas, e fai fincapé na necesidade de resarcir as perdas dos autores por estas. Xa sexa en formato CD, DVD, reprodutores de MP3 ou teléfonos móbiles, o alto tribunal considera que a transmisión de obras con dereitos mediante estas vías implica importantes perdas para os seus propietarios.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto