Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Oh, verde Nadal!

Celebrar o nadal de xeito ecolóxico contribúe a preservar a natureza e permite que as familias poidan aforrar cartos

  En contra do que se di nos mentideiros máis recorrentes nestas datas, as festas do Nadal non teñen por que ser sinónimo de gasto sen xeito. Asumir unha serie de pautas de consumo ecolóxicas non só permitirá reducirmos o noso impacto na natureza, senón que tamén se vai traducir nun importante aforro para o noso peto.

Un primeiro paso no consumo ecolóxico e económico polo Nadal consiste en evitar o gasto compulsivo e en realizar unha lista sobre os produtos necesarios que de verdade se vaian utilizar. No momento da compra, sempre que se poida, hai que rexeitar as bolsas de plástico de usar e tirar ou ben aproveitalas ao máximo e usalas dun xeito continuado. Por outra banda, nos desprazamentos, utilizar o transporte público ou compartir o vehículo axuda a mitigar a contaminación causada polo uso do vehículo privado.

No apartado de alimentación, as copiosas comidas e ceas do Nadal non só lles poden pasar factura aos nosos petos e estómagos, senón tamén ao medio natural: segundo Ecoloxistas en Acción, nestas datas guíndase ata un 40% dos alimentos producidos e xéranse dous quilos de lixo ao día, dos que a metade son envoltorios e embalaxes. Co fin de evitar no posible o impacto ambiental e de aforrar cartos é preferible consumir produtos frescos e de tempada.

Regalos ecolóxicos para nenos e maiores

  Os 'nenos' son os destinatarios estrela dos regalos. A Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFJ) estima que nestas datas se mercan o 75% dos xoguetes que se venden durante todo o ano. Por iso, unha boa opción é a adquisición dos xoguetes ecolóxicos, elaborados respectando o medio natural, e cargados de valores educativos para os máis pequenos.

Agora ben, se a opción final é un xoguete convencional, débense seleccionar aqueles que estimulen a creatividade do menor e que non conteñan valores sexistas, bélicos ou discriminatorios. O seu impacto ambiental reducirase se se seguen os seguintes consellos: elixir produtos locais, que non requiran unha embalaxe excesiva, que non requiran pilas e que se atopen elaborados con materiais non contaminantes e reciclables. Non hai que esquecer que a imaxinación, o cariño e a compañía doutros nenos e dos propios adultos son regalos inmellorables que os máis pequenos sempre agradecen.

No tocante aos maiores, estes teñen á súa disposición unha variedade cada vez maior de produtos ecolóxicos. O padal pódese agradar grazas a un longo listado de alimentos ecolóxicos, mesmo de tipo "delicatessen" para os máis sibaritas. As persoas que prefiran viaxar gozarán do ecoturismo, cunha oferta cada vez maior, dende casas rurais a hoteis ecolóxicos. Os amantes das dúas rodas poden elixir, amais das clásicas bicicletas, entre unha ampla gama de motocicletas ecolóxicas, bicicletas pregables ou eléctricas, mentres que os máis caseiros poden decorar a súa casa con todo tipo de complementos e mobles ecolóxicos de distintas composicións, tamaños e prezos.

A 'roupa e os complementos' son outra opción que goza dunha gran popularidade, tamén cunha gran variedade ecolóxica. A ecorroupa, tanto a elaborada con produtos naturais e sostibles, como a reciclada, pode adquirirse en diversas tendas especializadas ou de Comercio Xusto. Os produtores de colonias e cosméticos ecolóxicos tamén ofrecen unha ampla variedade con todo tipo de elementos e esencias naturais, non tóxicas e respectuosas co medio. Os complementos tamén poden ser ecolóxicos e, nalgúns casos, rechamantes e orixinais.

Os máis afeccionados á 'tecnoloxía' teñen no mercado unha morea de produtos elaborados con materiais reciclables e outros reciclados que se caracterizan por consumiren pouca electricidade grazas aos seus sistemas de eficiencia enerxética. Neste sentido, para os máis concienciados co aforro no fogar, un bo regalo pode ser un contador intelixente que avisa en todo momento do consumo eléctrico.

Son cada vez máis numerosos os produtos que levan instalados paneis solares para se autoabasteceren de enerxía, dende radios ata mochilas ou cargadores para aparellos electrónicos. Outro curioso agasallo pode ser unhas pilas que se recargan directamente mediante conexión USB, ou libros e películas de natureza ou contido ambiental, con temas moi variados e actuais, como o cambio climático, ou, por que non, atreverse cunha subscrición a unha asociación ecoloxista.

Máis responsabilidade require o regalo dunha mascota, por iso se recomenda a adopción. A protectora de animais El Refugio estima que máis de 250.000 animais se poderían regalar durante o Nadal en España.

Símbolos do Nadal

'Árbore de Nadal' natural ou artificial: velaquí a cuestión. Ambas as dúas teñen as súas vantaxes e os seus inconvenientes ambientais. En calquera caso, unha utilización responsable axudará a reducir o seu impacto. Se se elixe unha árbore natural, convén conseguila con raíces e con terrón abondo (terra adherida), regala e arredala da calefacción para mantela con vida ata devolvela a un punto de recollida tras o período festivo. Pola súa banda, unha árbore artificial de boa calidade e elaborada con materiais respectuosos co ambiente pode durar moitos anos.

No tocante aos 'adornos de Nadal', unha opción é elaboralos na casa a partir de materiais reciclados. Os pequenos da casa poden así gozar desta distracción que serve ademais de estímulo para protexer o medio.

As 'luces do Nadal' pódense dosificar mediante temporizadores e lámpadas de baixo consumo. Á hora de enviar tarxetas de felicitación, os máis tradicionais pódense decantar por exemplares elaborados con materiais reciclados e de carácter solidario, mentres que os usuarios de Internet poden utilizar o correo electrónico ou as felicitacións virtuais.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto