Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Menús do Nadal sen fronteiras

O 25 de decembro ten un sabor especial que en cada mesa adquire un gusto particular e en cada país un aroma característico

  A estes días do Nadal pónselles música, ás crenzas imaxes e aos momentos sabores, badaladas, candeas, abetos, agasallos... Este conxunto de símbolos compártenos persoas, separadas por milleiros de quilómetros, de credos e situacións distintas, e mesmo antagónicas. As costas do Pacífico estrean os días e en Filipinas son os primeiros en gozar dunha sobremesa típica do Nadal. Chámase 'halo halo' e mestura leite, feixóns vermellos e brancos, nata e tiras de coco, marmelada, garavanzos, anacos de plátano e o ingrediente secreto de cada casa. Aínda que a receita sorprenda, quen a proba afirma sen dubidar que resulta moito máis refrescante ca un xeado, e é que o 25 de decembro en Manila supéranse os 30 graos. Ao norte, e con máis frío, os xaponeses inventaron un pastel de nata e amorodos, branco e vermello para o Nadal, para sumarse a unhas tradicións que lles son moi alleas, pero audiovisualmente moi cotiás.

  Arredor de 130 millóns de chineses celebrarán o Nadal. Aínda que pareza unha cifra considerable, só representa o 10% da poboación do país. A maioría súmase á festa e, como saben que é estranxeira, en Noiteboa cean pizza. Algo máis preto de occidente, na India, o Nadal foi "depositado en herdanza" polos ingleses e, aínda que sen fe cristiá, hoxe non falta nas mesas o púdding, na árbore os regalos de Papá Noel e nas rúas os autos sacramentais. Pero se hai un continente entregado ao Nadal, este é Europa. Cada país, cada rexión, cada comarca, cada familia teñen e salvagardan as súas tradicións, e comparten e legan as súas receitas e costumes arredor da mesa.

No vello continente

En Grecia, a gastronomía é unha arte que en Nadal se multiplica e representa en varios pratos. O menú do 25 de decembro é interminable: entre as moitas e variadas receitas non falta o pavo recheo de castañas e pasas de Corinto, o bacoriño asado a lume lento e mais o roscón de noces e xarope de mel. En Bulgaria tamén o menú é excelso, pero non hai sitio para a carne nin para os lácteos, que se reservan para o día seguinte: froitos secos, albóndegas de verduras, ensaladas e legumes conforman o menú do 25 de decembro. En Polonia agardan a que pasen as festas para comeren carne, e as obleas de pan con debuxos bíblicos anteceden a un menú no que se elaboran sopas de legumes e peixe ao forno. Doces e chocolates poñen o punto final ao encontro familiar que comeza cando se ve a primeira estrela no ceo da Noiteboa.

O valse marca os compases austríacos polo Nadal. As tortas, os pasteis, as caniñas... todo tipo de doces inzan mesas adornadas por composicións artesanais de candeas e follas perennes preparadas durante todo o mes de decembro. As salchichas non faltan na mesa alemá, pero son só un elemento máis: galletas singulares, de múltiples formas e cores, pasteis de xenxibre, mazás recheas e mazapáns sosteñen o peso destas xornadas tan especiais. Nos países escandinavos, o sabor do Nadal é afumado: a miúdo utilízase salmón, arenque, fletán, bacallau ou abadexo sempre secado á sosa e aromatizado con cravo, loureiro e canela. Pero aínda queda apetito para degustar xamón, queixo caseiro e ensaladas de fungos. As sobremesas son vermellas e moradas, de grosellas e arandos.

Á beira do Mediterráneo, Italia exemplifica o sentido familiar das festas. Na súa mesa non falta unha variedade importante de entremeses, os "antipasti", que anteceden o prato de espaguetes con ameixas ou calquera outra suculenta receita tradicional. As lentellas que tanta literatura do Nadal inspiraron resérvanse para a derradeira noite do ano, e os italianos comparten con España a conservación do doce herdado dos árabes, os turróns. No sur de Francia tamén se degustan e elaboran, pero sobre os galos recae o título de ser o país inventor do roscón de Reis. O foie-gras e todo tipo de excelencias procedentes da matanza outonal do porco tampouco faltan. O Nadal abandona o vello continente por Inglaterra e Irlanda. Comparten ambos os dous países o ritual de elaborar en familia e con tempo o pudin de froitas para a sobremesa do xantar do día 25 a base de pasteis salgados e sabedores purés.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto