Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

O outro Nadal: Doces especiais para persoas especiais

As persoas que sofren diabete, celiaquía, obesidade, colesterol alto ou alerxias alimentarias, deben ler con detemento as etiquetas dos doces máis tradicionais, como turróns, mazapáns e guirlaches

  Nesta época do ano, medra o número de pacientes que acoden ás consultas para aclarar as súas dúbidas sobre os menús do Nadal. A alimentación típica destes días festivos, na que non faltan comidas copiosas e enerxéticas, bebidas alcohólicas e doces (turróns, mazapáns, polvoróns, guirlaches, etc.) obriga a quen segue unha dieta especial a reformularse moitas das receitas tradicionais. De feito, as persoas con diabete, obesidade, celiaquía, alerxias alimentarias ou quen ten o colesterol ou os triglicéridos altos, por citar algunhas enfermidades que esixen unha dieta máis controlada, non o teñen doado por estas datas: demasiadas tentacións xuntas en ben pouco tempo.

Segundo a Sociedade Española de Hipertensión e a Liga Española para a Loita contra a Hipertensión Arterial (SEH-LELHA), o Nadal e mais os días previos a estas festividades nos que se descoida a dieta poden pasar unha factura de ata tres quilos de aumento de graxa corporal. En persoas con problemas de hipertensión, obesidade, diabete ou hipercolesterolemia isto supón un gran problema polo aumento do risco cardiovascular que estas enfermidades comportan.

Non obstante, a industria alimentaria faise eco destes problemas de saúde e das súas necesidades nutricionais especiais, e cada ano ofrece novos produtos cunha selección de ingredientes aptos para estes trastornos. Os doces e turróns sen azucre engadido, baixos en graxas, sen graxas trans ou sen glute son unha mostra. Ao mesmo tempo, no momento de cociñar é determinante saber adaptar as receitas dos menús do Nadal e traducilas noutras máis saudables co fin de que poidan saborealas todos os comensais sen preocupacións engadidas.

Diabete e obesidade: doces e turróns sen azucres

Os turróns clásicos, os mazapáns e os guirlaches elabóranse con mel, azucres e améndoas. A esta mestura pódenselle engadir outros ingredientes (clara e xema de ovo, froitos secos, pastas de froitas, chocolate, cacao, nata, fariñas, cereais inchados, licores, etc.), amais de auga e aditivos autorizados. Estes produtos tradicionais teñen o denominador común de ter moito azucre e abundante graxa, por iso son tan enerxéticos. Ante a particular composición destes doces, a resposta dos fabricantes á demanda de persoas que por problemas de saúde deben coidar a súa dieta non se fixo agardar. Xorden produtos aos que se lles eliminou ou reduciu substancialmente a cantidade de azucres engadidos, ou nos que se substituíron por outros compoñentes que achegan o sabor doce pero non as calorías. Nacen co obxectivo primeiro de satisfaceren o gusto de persoas que deben, por saúde, limitar a inxestión de azucre, como é o caso de quen sofre diabete, obesidade e sobrepeso ou hipertrigliceridemia (triglicéridos elevados).

  Co fin de evitar a confusión dos consumidores, a industria alimentaria debe adecuar as declaracións nutricionais e de propiedades saudables dos seus produtos á nova regulamentación. Así, se os doces van acompañados da mensaxe 'baixo contido en azucre', será porque non conteñen máis de 5 g de azucre por 100 g. Unha ollada xeral a distintas marcas de turróns concibidos como máis saudables polo seu menor contido en azucres permite comprobar que moitos deles conteñen entre 1,5 e 5 gramos de azucres por 100 gramos (entre 7 e 30 veces menos azucres -aínda que non menos calorías- ca as versións orixinais), polo que poderían entrar dentro desta última denominación (baixo contido en azucres).

Os turróns e demais doces de Nadal 'sen azucre' serán só os produtos cun máximo de 0,5 g de azucre por 100 g. Distínguense dos produtos 'sen azucres engadidos' porque non inclúen ningún monosacárido (glicosa, xarope de glicosa, frutosa, xarope de frutosa) nin disacárido (sacarosa e lactosa son os máis comúns), nin ningún alimento utilizado polas súas propiedades edulcorantes, como puidese ser o mel. Para acadar a redución de azucres, os fabricantes recorren ao uso de edulcorantes sen calorías (sacarina, aspartame, ciclamato, acesulfame) ou de edulcorantes do tipo poliois ou azucres alcohol (sorbitol, maltitol, xilitol...).

A precisión nesta definición permitiu que na declaración "sen azucres engadidos" non caiba a posibilidade que se daba outros anos de que un turrón "sen azucre" non levase azucre engadido pero si frutosa, substancia da que hai que limitar o consumo en caso de obesidade, diabete tipo II (na maioría dos casos asociada ao exceso de peso) e hipertrigliceridemia. Ter coñecemento destes datos resúltalle útil ao consumidor para saber que cantidade de azucres e de calorías está a comer.

TáBOA COMPARATIVA

Calorías dos doces de Nadal... Calorías doutros alimentos...
Alimento Calorías Alimento Calorías
Porción pequena de turrón (duro, brando, guirlache...) (25 g) 120 Unha lata de refresco (330 ml) 130
Porción mediana de turrón (40 g) 190 Un croissant (unidade normal, 65 g) 234
Un polvorón (35 g) 160 Un donut (unidade comercial, 45-50 g) 228
Un mazapán (25-40 g) 120 - 190 Unha madalena (unidade comercial, 30-40 g) 164
Dous bombóns pequeños (12 g) 55 Bocadillo de embutido (40 g pan y 25 g embutido) 190
Dous bombóns grandes (30 g) 137 Unha ou dúas pastillas chocolate (20 g) 104
Tres figos secos (50 g) ou 6 ameixas secas (60 g) 100 Flocos de millo (porción pequena de cine) 214

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto