Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Mitos e lendas sobre o mel

Aínda que é un produto que destaca pola súa achega enerxética, algunhas das súas propiedades beneficiosas son, segundo consenso científico, infundadas

  A variedade de meles é tan ampla como todas as propiedades que se lle atribúen. Xa dende a súa orixe, con independencia de que sexan máis ou menos "industriais" ou "naturais" pódense constatar importantes diferenzas na súa composición. Agora ben, moitas das súas aplicacións terapéuticas, tan asentadas entre a poboación xeral, non teñen un soporte científico que avale a devandita efectividade, segundo a opinión das autoridades sanitarias en materia de alimentación, nutrición e saúde. En esencia, o mel é un alimento rico en azucres sinxelos que achegan enerxía "rápida" a través do seu consumo. Con independencia deste feito, o resto do seu valor nutricional é bastante limitado, xa que a achega doutros nutrientes (antioxidantes, vitaminas, minerais, etc.), aínda que presentes, é escaso. Noutras palabras, acadar cifras significativas destes nutrientes a partir do consumo de mel implica realizar inxestións superiores ás recomendadas, sobre todo de se ter en conta o seu posible efecto sobre o aumento de peso.

Calorías e poucos nutrientes máis

  As calidades nutricionais dos distintos meles poden ser moi diferentes ao seren varios os factores que inflúen no resultado final, como son as condicións meteorolóxicas (temperatura, humidade relativa, etc.), as distintas especies vexetais nas que as abellas recollen o néctar, os encimas que lle achegan as propias abellas ao néctar durante o seu transporte, o tempo de maduración, etc. Esta variabilidade ponse de manifesto ao se consultaren as propiedades do mel nas distintas táboas de composición de alimentos, nas que se observa unha variación importante nos datos, non tanto na achega calorífica, pero si na concentración dos diversos nutrientes, vitaminas, minerais, etc. O mel é un alimento enerxético, rico en hidratos de carbono, en especial glicosa (31%) e frutosa (39%), e cunha achega escasa de minerais e vitaminas. Nalgúns tipos de mel, rexístrase tamén unha achega significativa de substancias de carácter bacteriostático con potencial para limitar o crecemento de bacterias, así como algúns compostos con propiedades antioxidantes. No tocante á achega nutricional hai que ter en conta as porcións habituais de consumo. Quen pretenda obter unha cantidade significativa de vitaminas e minerais mediante a inxestión deste alimento deberá realizar un consumo moi superior ao recomendado, con independencia do tipo de mel elixido. Iso si, tamén se incrementaría de xeito substancial a achega de calorías.

Calidade, seguridade e conservación

  As calidades organolépticas enténdense como criterios utilizados para clasificar un mel en función da súa calidade: a cor (que pode variar dende tons esbrancuxados a outros máis escuros, incluídas tonalidades amarelas, de cor ámbar e castañas), o sabor e o aroma (variables en función do tipo de flor, da rexión xeográfica e do clima) e a fluidez (en relación coa súa composición química e co seu contido acuoso).

Ademais, a calidade do mel en esencia mídese por tres aspectos: ausencia de corpos estraños (restos de cera, principalmente), que a cristalización sexa fina e, sobre todo, a frescura do mel. Dende un punto de vista hixiénico o mel, como produto de orixe animal, ten unha flora microbiana característica. En esencia, está composta por microorganismos do xénero Bacillus e, aínda que en meles frescos é posible atopar formas vexetativas, estas non son patoxénicas. Ademais, o risco de contaminacións producidas durante o proceso de extracción e manipulación pode ser a orixe dunha contaminación microbiana indesexada, ata o punto de que, en ocasións, se detectaron meles con bacterias patóxenas como Staphylococcus aureus, Bacillus cereus e ata Clostridium botulinum, e se identificou o mel como unha posible causa de botulismo infantil. O consenso actual neste sentido coincide en non lles proporcionar ningún tipo de mel aos nenos menores dun ano, nin sequera para adozar o chupete. O motivo é que o tracto gastrointestinal non ácido dos bebés favorece a xerminación de esporas do Clostridium botulinum e a produción da súa toxina, provocando o botulismo no lactante.

  No tocante á súa alteración co paso do tempo, os riscos máis frecuentes dos meles durante o seu almacenamento débense ao crecemento de mofos ou fermentos. Para evitar esta situación, a temperatura óptima de almacenamento do mel debe estar entre os 18°C e 24°C, e a humidade relativa non debe ser superior ao 18%. Se se supera este valor poden aparecer procesos fermentativos.

Mel e saúde

Entre a poboación xeral é habitual facer descansar sobre o mel unha serie de beneficios e propiedades que achega o seu consumo. EROSKI CONSUMER analizou cales son mitos e cales son realidades:

  • Mel e obesidade. A substitución doutros edulcorantes con calorías como o azucre de mesa polo mel non ten moito sentido dende o punto de vista calorífico. Ao se comparar o valor enerxético de 100 g dun e foutro alimento -375 kcal para o azucre e 309 para o mel- evidénciase que a diferenza non é moi importante, máxime cando o consumo de ambas os dous se refiren a unhas cantidades de entre 5 a 10 gramos que se usan para adozar unha infusión, un iogur, etc. Nestes casos as diferenzas entre o uso dunha ou doutra opción traduciríanse en diferenzas pouco relevantes, de 3 a 7 kcal.
  •   Mel e diabete. Polo seu contido en frutosa, o mel recoméndase con frecuencia entre a poboación diabética, xa que non provoca picos tan elevados como os que propiciaría o consumo da mesma cantidade de glicosa na glicemia (concentración de glicosa libre en sangue). Malia ser certo, a Asociación Americana de Diabete é tallante no que atinxe ao uso da frutosa ou de alimentos que a conteñen como edulcorante. Nunha investigación publicada no 2002 na revista Diabetes Care, e co fin de establecer criterios e recomendacións baseados na evidencia para a poboación diabética, advírtese de que abusar da frutosa (á marxe da que forma parte natural de froitas e hortalizas) pode aumentar os niveis de colesterol en pacientes diabéticos, e os niveis de colesterol e triglicéridos en suxeitos sans. En calquera dos dous casos anteriores, obesidade e diabete, substituír o azucre de mesa polo mel co fin de atopar unha serie de vantaxes nutricionais (diminución do valor calorífico ou dos picos de glicemia) resulta unha medida de escaso valor de este cambio non se acompañar doutras estratexias cun maior peso específico nas devanditas patoloxías. En ambos os dous supostos, a redución da inxestión calorífica e de azucres simples (sexan os que sexan) debe ser unha consigna prioritaria. Mel incluído.
  • Mel e mellora do sistema inmune. A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA nas súas siglas en inglés), máxima autoridade no que atinxe á legalidade nas declaracións sobre saúde a través do consumo de alimentos, declara que non hai evidencia científica abonda como para lle poder atribuír ao mel a propiedade de mellorar o sistema inmune. De feito, afirma: "A relación causa-efecto entre o consumo de mel en panal e a devandita declaración non foi establecida".
  • Mel e efecto laxante. Un alto contido de frutosa no mel podería ter segundo diversos estudos un lixeiro efecto laxante debido á súa absorción incompleta. De novo, a cantidade de consumo suxerida para lograr este efecto rolda os 100 g, é dicir, atópase moi por riba das recomendacións no que ao consumo de hidratos de carbono simples se refire.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto