Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Mercar un smartphone: Móbiles de última xeración: teléfonos ou miniordenadores?

A crecente complexidade dos dispositivos móbiles esixe dedicarlle un cacho a reflexionar sobre as necesidades de cada usuario antes de se decidir por un modelo concreto

  Non hai dúbida ningunha. O mercado ofrece tantos teléfonos móbiles como prestacións esixen os millóns de usuarios. Agora ben, aínda que a maioría dos cidadáns se conforman cun aparello que lles permita chamar, cada vez son máis os consumidores que reclaman funcións que antes se lle atribuían ao ordenador. O uso do móbil complícase, e con el a decisión que hai que tomar no intre de adquirir un de gama alta, e non só porque sexan caros, senón porque a súa contratación implica a miúdo compromisos de permanencia cun operador que alcanzan os dezaoito meses. Unha compra responsable e atinada esixe pensar moi ben nos usos que se quere facer do novo aparello.

Blackberry, para os amantes do texto

Se a principal función do teléfono é darlle un uso comunicativo, de corte profesional, onde predomine o envío e a recepción de correos electrónicos ou a mensaxería instantánea, os teléfonos Blackberry son a mellor opción. Os motivos son dous: o seu teclado completo QWERTY está expandido e proporciona o espazo suficiente para teclear nun pequeno espazo con rapidez e sen equivocacións. A segunda razón é que a empresa que os vende, a canadense RIM (Reserarch In Motion, ou investigación en movemento), non basea o envío de correos electrónicos nos protocolos de datos das redes de telefonía comúns, como 3G, GSM ou EDGE, senón que conta cos seus propios servidores. Deste xeito, os correos viaxan polas redes xerais de telefonía móbil pero fano cun cifrado especial e diferente ao resto que os protexe mellor de posibles intromisións. Algo fundamental para a protección de información privada, sobre todo no ámbito empresarial, ata tal punto de que algúns gobernos non o ven con bos ollos e planean prohibir estes teléfonos no seu territorio se RIM non comparte con eles o código de acceso aos seus servidores.

No plano económico, as persoas que prefiran a comunicación por texto antes ca por voz tamén ten moito que gañar coas Blackberry. As tarifas de datos que ofrece non limitan o uso da rede e permiten o chat dun xeito sinxelo e áxil e mais o envío de anexos sen límite de peso, aínda que este último punto varía segundo a empresa que provea o acceso, sobre todo no caso de imaxes.

No tocante ao prezo, aínda que as Blackberry son caras, todos os operadores importantes as ofrecen subvencionadas, en ocasións sen ter que aboar unha entrada inicial. Pero convén estudar o plan de datos que o operador ofreza para evitar que os custos de base superen o aceptable e se acabe por pagar facturas excesivas.

Iphone e teléfonos con Android, para o lecer e a navegación web

Para o desenvolvemento dunha actividade non profesional ou que non estea baseada no uso do teclado hai opcións mellores ca a Blackberry. Trátase de modelos que ofrecen unha navegación web superior á dos teléfonos de RIM, malia a que estes melloran ano a ano. Nestes casos, o teléfono que se escolla varía segundo o prezo que se estea disposto a pagar. Por unha banda, atópase o flamante iPhone de Apple, coa súa pantalla táctil e a súa, ata a data, non superada experiencia de usuario na navegación por Internet nun móbil.

A súa pantalla multitáctil, que permite aumentar o tamaño de letras e imaxes ao gusto do usuario, convérteo nun bo candidato para percorrer páxinas web, mirar mapas ou seguir os contactos nas redes sociais. Tamén facilita a lectura de xornais, blogs e correos electrónicos, aínda que á hora de escribir, o seu teclado táctil non é comparable ao das Blackberry.

Por outro lado, Apple conta cunha tenda con centos de miles de aplicacións que enriquecen as funcións do iPhone e que o converten en moito máis ca un teléfono con acceso a Internet. Fan del un navegador GPS, un compás, unha consola de videoxogos, unha axenda de tarefas pendentes... E no último modelo lanzado, o iPhone 4, as súas dúas cámaras dótano de capacidade para gravar vídeos en alta definición e sacar fotografías de calidade máis ca aceptable.

Fronte a este popular modelo postúlase toda unha gama de teléfonos, esteticamente non tan bonitos pero si máis baratos e igual de interesantes en canto á experiencia de usuario e ás aplicacións. Son os móbiles que funcionan co sistema operativo Android, lanzado por Google e adoptado por marcas tan prestixiosas como HTC.

A vantaxe é que a oferta é maior e, polo tanto, pódense atopar teléfonos máis baratos ca o iPhone, e con plans de prezos máis vantaxosos ao contratar unha liña e subvencionar o aparello. A desvantaxe é que Android aínda non está á altura do sistema operativo de iPhone, aínda que en menos dun ano os expertos consideran que ambos os dous sistemas poden igualarse en prestacións. Por outra banda, Android tamén conta cunha importante tenda de aplicacións que dota de numerosas prestacións aos seus móbiles.

Nokia e teléfonos con Windows Mobile, mellor agardar

Nokia é o líder mundial dos teléfonos das gamas media e baixa. Non obstante, na gama alta a súa experiencia non foi boa, xa que o sistema operativo que usa, Symbian, amosouse incompetente para os aparellos de complexidade crecente. Polo de agora, e á espera de que Megoo (a nova proposta de software da empresa finesa) prospere, non é de todo aconsellable adquirir un Nokia de gama alta.

E o mesmo acontece cos teléfonos que funcionan co sistema operativo Windows Mobile. Nos vindeiros meses agárdase ter dispoñible a nova versión WM7. No entanto, é mellor evitar as anteriores versións, xa que se amosaron falidas e non deron feito traballar ningún modelo con eficacia. Un dos seus puntos febles é a excesiva potencia que require este sistema, demasiada para os pequenos procesadores dos móbiles. Non obstante, prevese que con novos chips de maior potencia WM7 responda ben.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto