Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Ramón Núñez, divulgador científico: "Hoxe por hoxe, ningún cidadán pode vivir de costas á ciencia"

 Nin fórmulas, nin leis, nin números, nin intelixencias privilexiadas... A ciencia precisa, por riba de todo, curiosidade. Ramón Nuñez, director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña, lévao pregoando décadas. Asegura que os medos e suores fríos que xeran en moita xente a física, a química ou as matemáticas son infundados. O primeiro apelido que acompaña a ciencia non é "difícil", senón "divertido". E o segundo, "imprescindible". Hoxe por hoxe, non se pode vivir de costas á ciencia", alerta.

Como se pode ensinar a gozar de fórmulas químicas, de operacións matemáticas, de familias biolóxicas ou de leis físicas?

É evidente que hai cousas na Ciencia que son máis conceptuais, máis abstractas e en xeral máis duras ca outras. O problema do ensino das ciencias a mediados do séc. XX era que a química en moitos casos se reducía a estudar a formulación química, a física reducíase a estudar e aprender fórmulas para aplicar leis co fin de resolver problemas teóricos. Ou sexa, as matemáticas reducíanse moitas veces a saber de memoria unha serie de demostracións de teoremas que resultaban moi arduos. Pero moitos descubrimos, defendemos e seguimos a defender que a química é moito máis ca a formulación, que se pode saber moitísima química e non saber nada de formulación, que a física ten tamén unhas compoñentes moi útiles para comprendermos o mundo real e que a matemática ten conexión con moitas facetas da vida.

É preciso, polo tanto, amosar esa vinculación da Ciencia coa vida cotiá?

Si, iso é imprescindible, porque nos descubrirá facetas da Ciencia máis divertidas, que permiten participar máis a persoa. Vincular a Ciencia á vida cotiá non só fai que as cousas sexan máis doadas senón máis atractivas e máis útiles para os cidadáns.

Considera que esa transformación se produciu?

Ese cambio estase a dar moi devagar. Os museos, planetarios, os centros de Ciencia, en xeral, contribúen moito a este fin, axudan a ensinar esa parte atractiva da Ciencia. Tamén hai xente que se laia e que di que non toda a Ciencia é iso, e é certo, pero iso tamén é, e esa si é unha parte imprescindible porque é a que eu necesito para que á xente lle guste a Ciencia. E despois aos que lles guste xa chegarán ás partes máis difíciles.

Que fai falta para gozar da Ciencia, aptitude ou actitude?

Fai falta actitude. Nacemos con curiosidade, que é o primeiro ingrediente que necesita a Ciencia. O importante é non deixar de se preguntar cousas, ese é o auténtico xermolo da Ciencia e en xeral de toda a sabedoría. O que temos que garantir é que a escola non castre esa actitude e que esa curiosidade e afán de preguntar do neno a siga conservando toda a vida e que a escola llo potencie, proporcionándolle a satisfacción de andar os camiños que conducen á busca de respostas.

Pero insístese moito na aptitude. Para moitas persoas, ciencia é sinónima de dificultade.

Para min non é así. Eu asocio Ciencia a diversión, a tecnoloxía, a innovación, a progreso, a racionalidade. A min non me resultou máis difícil a Ciencia ca a Filosofía e dende logo menos ca outras facetas da cultura que igual me esixen unha maior repetición memorística. Agora ben, en boa medida é certo que a Ciencia segue arrastrando ese sambenito, pero pola falta de información. Non é correcta a idea que ten a xente da Ciencia, porque a vincula ao coñecemento de datos sobre a Ciencia. Iso é como se ao pensar na música a xente entendese que a música é saber a vida de Johan Sebastián Bach, saber cantas sonatas escribiu e quen foron os seus discípulos. Iso é saber sobre historia da música, pero se non escoitou nada, non sabe de música. En Ciencia é o mesmo.

A Ciencia, daquela, hai que experimentala.

Hai. Podemos dicir que temos cultura científica cando usamos a ciencia para algo das nosas vidas, xa sexa para tomar unha decisión sobre o réxime alimenticio que vou seguir este mes ou para tomar unha decisión sobre que teléfono móbil vou mercar ou para entender por que teño que facer un alto na inxestión deste medicamento. Se me serve para algo é que teño cultura científica.

E esa cultura científica, tal e como vostede a entende, está espallada na sociedade?

  En fin, vaise espallando aos poucos. Hai un punto de partida moi importante, ligado á definición de educación científica curricular. Cando lle preguntan que espera do ensino das ciencias aos adolescentes, o profesorado pódeche contar anécdotas: que saiban o Principio de Arquímedes, que saiban a fórmula da auga, que saiban que leis propuxo Newton... A min gustaríame máis que a primeira resposta fose: ter un espírito crítico, ter curiosidade, que se saiban expresar con gráficas, que saiban facer interpolacións, que saiban distinguir o que é unha observación dunha interpretación..., ese tipo de habilidades e aptitudes propias da Ciencia que considero que son as que serven para estruturar a cultura científica. É moito máis importante aprender a clasificar que aprender clasificacións.

Á Ciencia fáltalle capacidade de sedución?

Á Ciencia non, pero se cadra aos científicos e aos divulgadores si que nos falta. De non ser así, a Ciencia estaría aínda máis presente en todas as expresións da vida cotiá, nas películas de cine, nas obras de teatro, nas novelas de moda... Por que hai máis películas sobre feitos bélicos ou literatura ca sobre Ciencia? Porque aínda non está suficientemente de moda.

Se estivese de moda conseguiríase perderlle o medo á Ciencia?

Si, se estivese máis de moda considerariámolo como algo habitual. A literatura non dá medo, aínda que hai obras da Literatura que si poderían dar medo: hai persoas que non deron lido o Ulises de Joyce. Agora, isto non quere dicir que a literatura che deba pór medo. Hai literatura máis erudita e máis difícil, máis filosófica e máis complexa, e o mesmo poderiamos dicir da música. Agora ben, a ninguén se lle ocorre dicir que a música sexa difícil ou estraña para a xente. Coa Ciencia acontece o mesmo.

Que ferramentas serían necesarias para que a sociedade vexa máis atractiva a Ciencia?

  Preocuparse do cliente, satisfacer a demanda e a curiosidade da persoa coa que te queres comunicar. Cando cheguei á gardería fixen unha pregunta: "por que os cans erguen a pata para mexar?" E unha señorita retrucoume: "a túa pregunta non é importante"; atopeime cunha institución, que era a escola, que me dixo: "es parvo, esa pregunta non é importante, o importante é saber os cabos de España e a lista dos Reis Godos e os planetas do sistema solar...". E fíxenlles caso, aprendín todo isto porque me dixeron que era importante. Así seguín aprendendo cousas ata os 63 anos que teño e aínda non sei por que os cans levantan a pata para mexar. Mentres teñamos unha escola que nos siga dicindo que as preguntas dos alumnos non son importantes...

Iso segue igual?

Eu coido que dende que eu daba clases, hai máis de 30 anos, algo cambiaría, pero non moito.

Daquela a clave radica nun cambio do sistema educativo.

Si, esa é a base. Ten que pór a educación científica en mans de persoas ás que lles guste a Ciencia, experimentar, vivila, que saia do Mundial de fútbol de Sudáfrica e teña ganas de levar o balón á clase para ver como bota e canto pesa e como voa, e comparalo con outras pelotas de ping pong, de golf. Que se pregunte por que se fan tantas pelotas diferentes, e por que son distintas as de cesta punta e as de pa, cantos botes dá unha pelota se a deixamos caer dende unha altura dun metro... Preguntas, curiosidade e experimentar. Pero preguntas destas que non veñen nos libros.

A sociedade non mira para a Ciencia ou é a Ciencia a que non mira para a sociedade?

A Ciencia sae da sociedade. A única Ciencia que existe é a que sae dos seres humanos, a Ciencia é un produto da intelixencia humana, polo tanto é unha creación do home homo sapiens. Así e todo, hai un grupo de persoas, que moitas veces mesmo se din intelectuais, que esqueceron por completo que a Ciencia é unha compoñente imprescindible da cultura, sobre todo da cultura dos nosos días. Recoñecémolos como intelectuais ou persoas da cultura e presentámolos publicamente como modelos da cultura cando non o son. En moitos casos son analfabetos científicos. É, precisamente, ese culto que se lles fai aos intelectuais o que lle pode permitir a moitos cidadáns dicir que de costas á Ciencia tamén se pode vivir. E iso, hoxe por hoxe, é falso.

Que remedio pode poñer, á parte da educación?

O fundamental é a educación científica dende os 3 anos ata os 13-14 anos. Esta é a etapa que máis hai que coidar. Despois hai outra serie de accións válidas, como a aprendizaxe a través dos museos, os centros de Ciencia, os planetarios, os acuarios, os xardíns botánicos..., esas institucións que de facto serven de punto de encontro entre o gran público e a Ciencia. Tamén habería que incluír as revistas de divulgación científica... É todo un colectivo que traballa por achegarlles a Ciencia aos cidadáns.

De feito, vostede publicou que a Ciencia está detrás de cousas tan cotiás como a cociña, da que vostede é afeccionado.

Si, na cociña hai moitísima ciencia, e non só en nutrición ou na fisioloxía do gusto. É como os moteiros, que sen moitos seren conscientes, saben unha morea de tecnoloxía.

Precisamente, somos unha sociedade máis tecnolóxica, pero somos unha sociedade máis científica?

Nalgúns casos si, por exemplo, penso que a sociedade é cada vez máis escéptica, e eu sono tamén. Aos horóscopos cada vez fáiselles menos caso, e ás fantasías e aos curandeiros... Iso diminúe e iso é un síntoma de que a Ciencia progresa. E a tecnoloxía obríganos a saber escoller unha nova impresora, un escáner, un teléfono móbil. Os mozos saben moito e como lles imos dicir que non saben Ciencia! A xente sabe máis Ciencia do que pensan os profesores de Ciencia, aínda que non é o que eles lles preguntan.

Como cualificaría daquela o coñecemento científico medio do noso país?

Progresa axeitadamente. Son optimista.

Outro dos grandes nomes da divulgación científica en España, como é José Manuel Sánchez Ron, comentaba que en ocasións se sentira como un predicador no deserto e, particularmente, nos gobernos e institucións. Comparte esa sensación?

En boa medida si, aínda que hei de dicir que o 2007, ano da Ciencia, serviu para pór en marcha en España unhas cantas cousas que van na dirección axeitada. Creáronse novos programas para apoiar iniciativas de divulgación científica e púxose en marcha o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía. Se ollamos para o panorama español, o feito de que nos últimos 25 anos se crearan unha vintena de museos, planetarios e centros de divulgación científica é un indicador da cultura científica do país.

É unha evidencia que a aplicación dos coñecementos científicos redundou nunha mellora substancial da calidade de vida das persoas. Pero, en que medida lle pode axudar ao cidadán de a pé ter un maior coñecemento científico?

Contéstolle cun exemplo. Eu sufro de xaquecas e canto máis sei desta enfermidade máis precaucións tomo, achégome ao tratamento máis axeitado, fíxome en distintas variables relacionadas coas miñas horas de sono, ritmo de vida... e iso condúceme a ter menos episodios de crise, a que estes duren menos e a que ao final atopara o mellor tratamento. Podemos dicir o mesmo do uso do automóbil ou dunha crema para o sol.

En que parámetros teriamos que movernos para dicir que unha persoa ten un nivel de coñecemento científico adecuado?

Unha persoa ten cultura científica cando se atopa en equilibrio co seu contorno natural e mais tecnolóxico. No natural, trátase de non lle facer dano ao teu medio e que o teu medio non che faga dano a ti. No tocante ao teu contorno tecnolóxico trátase de saber usar as ferramentas que tes ao teu redor e non sentirte ameazado polas máquinas, polos novos descubrimentos, polos novos produtos e integralos no esquema da túa cabeza para entender o mundo. A cultura científica tamén implica que un se faga preguntas sobre a onde vai e de onde vén.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto