Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Morder as unllas: As unllas, un bocado pouco saudable

Morder as unllas, un hábito frecuente en nenos e adultos, pode xerar danos nos dentes, nas enxivas e nos dedos

  As manías acompañan o ser humano dende os seus primeiros días de vida. Chuchar o dedo polgar, durmir co peluxe favorito ou facelo aferrado a unha manta son xestos cotiáns e instintivos que tranquilizan e consolan aos máis cativos. Así que van medrando, estes costumes comezan a converterse en excentricidades e a maioría abandónaas polo camiño. Agás unha: morder as unllas. Este hábito nace na infancia, en xeral tras a retirada do chupete, e algunhas persoas perpetúano. Estímase que arredor do 25% dos universitarios e do 10% dos adultos maiores de 35 anos continúan no seu empeño por morder as unllas. Ao agardar na cola da panadería, no traxecto en autobús ata o traballo, fronte ao ordenador, ao televisor ou por pura inercia. Calquera momento aprovéitase para pór en práctica este vicio confesable, pero non por iso inofensivo. Os efectos nas unllas e nas mans saltan á vista, pero van alén da estética. Detrás do continuo repique de dentes pódense esconder consecuencias prexudiciais para a saúde. As máis habituais son danos nas unllas e nas pezas dentais. E algo máis perigoso aínda: o risco de contraer infeccións na boca e nos dedos. Os expertos en saúde de EROSKI CONSUMER recomendan a detección na infancia como o remedio máis efectivo. Nos adultos, a forza de vontade, o autocontrol e ata a asistencia psicolóxica son os instrumentos para abandonar este bocado tan pouco saudable.

Máis ca unha manía

  As mans forman parte da tarxeta de presentación das persoas e son, neste caso, proba irrefutable de que quen as estreita sofre onicofaxia. Este é o termo médico que designa o costume de morder e comer as unllas. Catalogado popularmente como manía, tic, acto reflexo ou pura rutina, é en realidade un trastorno nervioso asociado á ansiedade. Quen morde as unllas faino porque pensa que algo pracenteiro como roer unha unlla ou xogar con ela lle vai achegar unha dose de tranquilidade. Por iso, desvían o desasosego cara a esta práctica que por momentos se converte en relaxante e nunha distracción doada.

O costume de morder as unllas aparece a miúdo na infancia, de xeito particular entre os nenos máis nerviosos. O hábito maniféstase a partir dos 3 anos ou tras a retirada do chupete, cando os pequenos alcanzan a suficiente coordinación psicomotriz que require a súa práctica. Os expertos estiman que afecta ao 45% dos nenos, sen diferenzas apreciables entre os sexos. Co paso dos anos, a onicofaxia acábase automatizando de xeito inconsciente e convértese nunha rutina mecánica que se inicia case ante calquera tipo de situación. Pero, por que se fai? O motivo non é outro ca a ansiedade. Cando a persoa non atopou outros mecanismos alternativos para paliar ou, polo menos, controlar este trastorno, o hábito de morder as unllas convértese nunha válvula de escape eficaz, aínda que patolóxica, de reducir a tensión por un momento.

Atallalo dende a infancia

  Para evitar males maiores e para que o ritual de comer ou morder as unllas non acompañe a persoa ao longo da súa vida, o desexable é intentar pórlle fin dende a infancia. Nesta etapa, a responsabilidade de que o neno non siga adiante con este mal costume recae directamente nos pais. A paciencia, determinación e cariño son as mellores armas para atallalo. Cando o neno leve as mans á boca, é aconsellable chamarlle a atención, pero sen darlle demasiada importancia nin convertelo nun drama. De non ser así, é probable que o efecto que se consiga non coincida co desexado.

O problema pódese agravar se se reprende con dureza o neno e se utilizan expresións que poidan resultar ferintes. Por este motivo débese evitar caer no erro de castigalo, de botarlle a culpa ou de increpalo en público.

Consecuencias non só estéticas

  Unllas case inapreciables, dedos cunha característica forma achatada ou cheos de padrastos son os efectos máis visibles que deixa a onicofaxia en quen a pon en práctica. Non obstante, as consecuencias non só se limitan ao plano estético. Morder as unllas carrexa ao mesmo tempo problemas prácticos. Accións como recoller unha moeda do chan, despegar unha bolsa de plástico ou separar fita adhesiva convértense en toda unha fazaña cando non se ten a lonxitude mínima de unlla que requiren. Elementos funcionais á parte, os dentes, as enxivas e as propias unllas poden chegar a sufrir graves danos. O repique constante ao que se someten os incisivos para morder as unllas causa que estas pezas dentais, tanto as superiores como as inferiores, se desgasten, e que a súa forma tenda a recortarse.

Outra consecuencia é que as unllas non medran correctamente se se están rillando deseguido. Orixínanse pequenos traumatismos na parte que se atopa baixo as unllas (leito ungueal) e a longo prazo o seu aspecto altérase. As zonas de pel veciñas tamén sofren os efectos desta práctica. A miúdo, aparecen inflamacións dos dedos e dor aguda. Os populares padrastos e mesmo espullas na pel que rodea as unllas son outros problemas engadidos.

Así e todo, o peor efecto é o alto risco de contraer algún tipo de infección. As bacterias, virus, fungos e cándidas andan polas mans e unllas. Ao longo do día, o acto de morder as unllas implica que os dedos chupen e se introduzan na boca continuamente. É daquela cando a infección salta á boca.

Roer as unllas tamén afecta no plano psicolóxico. É frecuente que este hábito orixine diversas reaccións froito do mal estado no que se atopan as unllas. A máis común é a vergoña ante a posibilidade de que outras persoas observen as unllas comestas, os dedos infectados e feridos.

Para non pór as unllas en perigo

Morder as unllas tórnase un acto reflexo tan instalado na rutina cotiá que é difícil controlar. Agora ben, non ten por que ser unha condena perpetúa. A súa erradicación esixe forza de vontade e autocontrol. A solución definitiva para lle pór fin á onicofaxia procede do campo da psicoloxía, pero para paliar o afán de morder as unllas tamén se poden pór en práctica algúns remedios caseiros. A súa validez aumenta canto maior sexa o empeño e as ganas de cortar co problema.

  •   "Ollos que non ven...": a finalidade deste remedio é pór impedimentos para non levar as unllas á boca. Empréganse dende apósitos ou fitas adhesivas ata unllas de porcelana.
  • Con mal sabor de boca: representa a medida máis clásica e tradicional. Consiste en aplicar sobre as unllas locións e esmaltes específicos (de venda en farmacias) que teñen un sabor amargo, picante ou desagradable. O obxectivo é provocar o rexeitamento da persoa ao levar os dedos á boca. O resultado é similar, iso si, máis rudimentario, se se frega a punta dos dedos con allo cru ou pementa.
  • Coidar delas: amosar interese por ter unhas unllas cun aspecto bonito e coidado é outro dos remedios ao que recorrer. Comezar a cortalas, limalas, pintalas ou facer a manicura é un xeito de rebaixar as ganas de mordelas.
  • Asistencia psicolóxica: cando morder as unllas pasa do anecdótico e xera tal ansiedade que pon en xaque a vida persoal do individuo, o aconsellable é acudir ao psicólogo. Este profesional é quen, por medio de distintas terapias, determina as situacións que desencadean comer as unllas para así controlar o hábito. É frecuente que recomende levar un diario onde anotar as circunstancias que causan este acto para aprender a controlar o impulso.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto