Saltar o menú de navegación e ir ao contido
As novas tecnoloxías permiten saír de vacacións sen que cumpra renunciar ás comodidades da era dixital
Pásase de todo á nada, de 100 a cero, sen transición nin preparación ningunha que axude a sobrevivir en vacacións desconectado de Internet boa parte do día. Non todos os internautas e devotos das novas tecnoloxías dan aturado o estrés de permanecer unhas semanas ou un mes sen navegar, xa sexa dende o móbil ou dende o ordenador, e de non consultar o correo electrónico, non mirar as fotografías que os seus contactos colgan no Facebook, non xogar a videoxogos, non escoitar música dende o seu mp3, ou non ver series televisivas polo móbil ou no ordenador. Agora ben, o cambio non ten por que ser tan radical, xa que hai fórmulas para levar a tecnoloxía de viaxe, sempre que se tomen unha serie de precaucións e que se sigan determinados consellos que garanten o bo mantemento dos aparellos.
Seguro que máis de un viu como a beira das praias e unha parte da piscina se enchen de nenos e mozos que xogan coa videoconsola baixo a antuca mentres refrescan os pés na auga. Outra situación que non abraia xa a ninguén é a de atopar veraneantes provistos do teléfono móbil e do ordenador portátil para navegar ou falar mentres ao airiño da brisa. Agora ben, un golpe de mar ou un descoido poden facer que o aparello se estrague sen remedio, xa que a auga salgada é moi daniña en contacto cos dispositivos elaborados con microchips.
Unha situación similar pódese vivir na montaña. É sinxelo realizar unha ruta na que se leve unha mochila cun lector de libros electrónicos, un iPhone ou outro teléfono de similares características, un ordenador portátil lixeiro ou unha videoconsola. Non obstante, convén evitar as caídas e o rozamento brusco da mochila, porque a supervivencia destes aparatos está en xogo. De aí que se recomende utilizar os acolchados máis axeitados para cada tipo de mochila.
As fórmulas máis sinxelas para levar Internet enriba durante unha viaxe ou un traslado, se se desexa gozar das vacacións en áreas próximas a poboacións grandes ou non demasiado remotas, é facelo a través dos teléfonos intelixentes ou 'smartphones' ou das tarxetas 3G que venden os principais operadores de telefonía e que se insiren vía USB nos ordenadores. Caracterízanse por ofreceren conexión e por lles permitiren un acceso web sinxelo aos ordenadores grazas a un proceso chamado 'tethering'.
Así e todo, convén considerar este tipo de acceso como unha solución ocasional, xa que a relación entre o ancho de banda e o prezo que ofrecen é moi mellorable. Noutras palabras, a tarifa é cara e a marxe de datos contratada é limitada se se usa o aparello de xeito intensivo. Mesmo, en ocasións, se se excede o límite, cóbrase o megabyte que se consumira de máis a un prezo abusivo.
Por esta razón, recoméndase descargar todo o que o usuario vaia precisar ao seu propio ordenador ou reprodutor de MP3 antes de saír da casa e usar despois o acceso para necesidades puntuais. En ningún caso sae rendible a súa utilización para ver vídeos ou para escoitar música en streaming. Ademais, en zonas rurais ou afastadas de núcleos turísticos, estes dispositivos teñen moi pouca cobertura.
Outra opción de grande interese é aproveitar as conexións wifi dos hoteis e apartamentos, sobre todo cos portátiles ultralixeiros e cos novos tablet, do estilo do iPad, que se comercializarán estes meses. Ao se seleccionar o aloxamento, dispor de Internet vía wifi é un factor clave que facilita o acceso dende o ordenador propio a todos os servizos que utiliza o usuario.
A alternativa wifi convértese na única viable ao se saír do país, pois daquela as tarxetas 3G e mais os teléfonos entran en "modo roaming" (itinerante), no que as comunicacións e conexións se encarecen considerablemente ante a necesidade de se poñeren de acordo as compañías de diferentes países para concederen o acceso. Aínda que xa se asinaron acordos dentro da Unión Europea sobre prezos controlados para o "roaming" de conversa, non se fixo para o acceso a datos, polo que o servizo aínda é moi caro e pouco recomendable.
Os aparellos informáticos e dixitais actuais están máis preparados ca hai uns anos para saír da casa e levalos de viaxe. Non obstante, non contan con protección abonda como para transportalos e utilizalos durante un tempo prolongado no campo e na praia. En tales ocasións convén ter en conta unha serie de medidas e precaucións.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI