Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Economía Doméstica

Λ

Matricularse nunha academia: Academias sen trampas

Os estudantes deben comprobar que o centro de formación cumpre coa normativa aplicable a estes servizos

  Sol, praia, montaña... ou academias. Para milleiros de estudantes que fixeron unha desfeita nos exames de xuño, as clases continúan no verán. As academias e os centros de ensinanzas non reguladas (sen validez oficial) achegan unha formación complementaria para os alumnos, aínda que non sempre se cumpren as expectativas. Déixanse de impartir os cursos, incúmprense as condicións do contrato ou rexístranse atrasos na entrega do material didáctico. Para acceder a unha academia con todas as garantías e evitar fraudes, o usuario debe valorar polo miúdo a oferta dispoñible e comprobar que se cumpren todos os requisitos esixidos a estes centros.

Sector en auxe

Máis de 520.000 estudantes asistiron o pasado ano en España a cursos de ensinanzas non reguladas, estudos impartidos en centros de formación privados que non conducen á obtención dun título con valor académico oficial. As principais áreas de aprendizaxe polas que optan os usuarios destes servizos académicos son: idiomas, informática, preparación de oposicións e clases de apoio ao ensino regulado. Segundo a enquisa sobre o Gasto dos Fogares en Educación, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística, este sector move arredor de 300 millóns de euros anuais en España, cun gasto medio por alumno de 607 euros.

O número destes centros e academias é cada vez maior. O incremento está propiciado, entre outros motivos, polo auxe que experimentou na última década a formación a distancia e on line, unha alternativa pola que unha proporción crecente de estudantes se decanta na actualidade. E aínda que os cursos e ensinanzas que se imparten nestes centros cumpren axeitadamente coas expectativas dos alumnos, en ocasións os estudantes son vítimas de irregularidades e de situacións non desexadas con respecto á prestación destes servizos. Así o constata o balance de consultas e reclamacións nas organizacións de consumidores. Nestas asociacións, as queixas polo incumprimento das normas que protexen o consumidor no sector case se duplicaron nos últimos anos.

Ante este incremento, o Instituto Nacional de Consumo puxo en marcha no 2009 a Campaña Nacional de Centros de Ensinanzas non reguladas. Nela participaron seis comunidades co obxectivo de controlar os aspectos relevantes das actividades desenvolvidas nas academias, que repercuten nos dereitos dos consumidores e usuarios. En especial, analizaron a información, publicidade e condicións de contratación. Outras autonomías, como Andalucía, iniciaron a súa propia campaña rexional no 2008. Os datos revelaron que catro de cada dez academias non oficiais vulneraban a normativa de protección ao consumidor na comunidade andaluza.

Tal como informa a Unión de Consumidores de Asturias, as principais queixas e reclamacións dos usuarios de academias privadas de ensino refírense aos seguintes aspectos: negativa a rescindir o contrato, incumprimento das condicións contratadas, publicidade enganosa, atraso na entrega de material didáctico e modalidade de pagamento abusiva.

Normativa e dereitos dos usuarios

  Tras as fraudes en diferentes academias de idiomas acontecidas nos primeiros anos desta década, cos conseguintes danos ocasionados aos alumnos, o Instituto Nacional de Consumo e as comunidades autónomas aprobaron no 2004 un modelo de Decreto para regular os centros privados de ensino non regulado. Este documento protexe os dereitos á información e os dereitos económicos dos usuarios. As diferentes autonomías adoptárono en anos posteriores e redactaron unha regulación específica para o seu ámbito de influencia. Nesta normativa dan resposta aos principais problemas que se lles presentan aos estudantes.

Distintas organizacións de centros de formación e de academias privadas, pola súa banda, redactaron tamén códigos éticos de comportamento, esixibles aos seus asociados para garantir os dereitos dos consumidores. En xeral, estes códigos reflicten unha normativa similar á ditada polas comunidades. En ambos os dous casos, os aspectos que se salientan están relacionados cos seguintes ámbitos:

Oferta, promoción e publicidade: os cursos que se imparten en academias e centros de formación privados son ensinanzas non reguladas. Os centros están obrigados a informar diso e a non confundir os cidadáns mediante a publicidade na que inclúan a súa oferta formativa. Deben evitar utilizar termos ou denominacións confusas. Mentres, os estudantes deben desconfiar das academias que, nas súas promocións, inclúan números de rexistro, autorizacións ou referencias a normativa de autoridades administrativas que induzan a pensar que os estudos teñen algún recoñecemento oficial.

Información ao estudante: un xeito eficaz de evitar futuras sorpresas ou desacordos coa formación recibida é informarse exhaustivamente de todo o concernente ao centro e ao curso. As academias de ensinanzas non reguladas están obrigadas a expor a información do centro nun taboleiro de anuncios visible ao público. Xunto aos datos identificativos do titular da academia deben figurar, entre outros, a relación de cursos que se imparten, as condicións de pagamento, o horario de atención e se se recoñece o dereito de desistimento ou se a empresa está adherida ao sistema arbitral de consumo.

  No tocante á súa oferta, a academia ten o deber de lles facilitar aos estudantes folletos informativos. É conveniente conservar estes documentos ata a finalización do curso, xa que a información contida neles, aínda que non se inclúa no contrato, é vinculante se se quere presentar unha reclamación. Velaquí o que debe detallar o folleto:

  • Datos identificativos do centro e do seu titular.
  • Prestacións pedagóxicas ou características do ensino (debe constar que non é oficial).
  • Programa detallado do curso, con datas de inicio e finalización, número de horas lectivas, horario e lugar onde se vai impartir e material necesario para o seu desenvolvemento.
  • Número mínimo e máximo de alumnos por clase.
  • Titulación académica ou cualificación profesional acreditada dos profesores.
  • Prezo do curso no que se detalle o custo de matrícula ou inscrición e do material didáctico, e mais o importe de cada mensualidade ou período de facturación pactado. Esta información debe incluír ademais a modalidade de pagamento.
  • Datos da compañía aseguradora ou da entidade financeira nos casos na que a academia teña concertado un seguro ou aval para garantir as cantidades anticipadas.
  • Especificar se hai dereito de desistimento e os seus prazos e condicións.

Modalidade de pagamento: "O peche dunha academia deixa os seus alumnos sen clases e con 1.600 euros de débeda". Comunicados coma este, aínda frecuentes entre as asociacións e organizacións de consumidores, deberían alertar os futuros alumnos para que estuden con detemento as modalidades de pagamento que ofrece cada centro formativo e as garantías que o avalan. As recomendacións oficiais sempre sinalan elixir unha academia que permita a opción de pagamento mensual.

Se se pacta o pagamento anticipado do curso, o centro debe aclarar se este será ao contado ou aprazado. Neste caso, os centros están obrigados a indicar o importe, o número das cotas en que se divide o prezo total e a súa data de vencemento. Cando se prevé unha fórmula de financiamento para a modalidade de pagamento a prazos, o estudante pode escoller a entidade financeira que desexe, non está obrigado a subscribila co propio centro nin coa entidade que este recomende.

Consellos para os estudantes

  • Non atender só á publicidade do curso. Hai que informarse con anterioridade e polo miúdo sobre o contido, as horas lectivas, o número máximo e mínimo de alumnos e a formación do profesorado. Se despois de informarse non se está convencido da calidade da formación, pódense valorar ofertas alternativas.
  • O contido da publicidade e dos folletos informativos do curso son vinculantes se os usuarios necesitan cursar unha queixa ou reclamación.
  • Os códigos éticos que deben respectar os asociados dalgunhas organizacións, como a Confederación Española de Centros de Formación e Academias privadas ou a Federación Española de Centros de Ensino de Idiomas, son unha garantía adicional para o estudante. É preferible buscar academias entre os seus membros.
  • As condicións de pagamento deben ser negociables. Para evitar posibles problemas en caso de que deixe de se impartir o curso, convén optar por unha academia que permita o pagamento mensual fronte a outra que esixa o pagamento previo da totalidade do curso.
  • Se o estudante opta polo financiamento xestionado pola academia para aboar o custo da formación, recoméndase que esixa que o contrato de crédito estea vinculado á execución do propio curso. Deste xeito, no caso de que se interrompa antes de finalizar, o crédito non continuaría pendente de pagamento.
  • Cando opte por unha entidade bancaria, é conveniente valorar distintas opcións e cadansúas condicións particulares para elixir a que máis se axuste aos intereses do alumno.
  • O estudante debe conservar unha copia do contrato asinado e de todos os documentos, facturas ou recibos vinculados a este.
  • En ocasións, os contratos co centro de formación asínanse nun lugar diferente, como no domicilio do alumno. Se é así, debe recibir o contrato e un documento de revogación que lle permita finalizalo nun prazo de sete días sen alegar causa ningunha.
  • Se a publicidade ou folleto do curso fai referencia á realización de prácticas ou á incorporación a unha bolsa de emprego, hai que comprobar a súa veracidade e esixir información sobre os acordos coas empresas onde se realizan as prácticas ou a actividade laboral.
  • Verificar se a convocatoria de oposición está vixente nos cursos destinados á súa preparación.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto