Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Canles de EROSKI CONSUMER
Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada
Ferramentas sociais
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Case a metade dos 200 analizados negouse a elaborar un orzamento previo por escrito, malia estar obrigado pola lei. O prezo medio da man de obra ascende a 46 euros, un 44% máis ca hai cinco anos. Un de cada seis talleres aseguraba realizar gratuitamente unha revisión básica do vehículo
O parque automobilístico representa un dos principais indicadores da riqueza dun país. E éo por dúas razóns: custa moito adquirir un automóbil e custa moito mantelo. Tanto é así que catro de cada dez euros que un condutor debe desembolsar por un coche recalan nos talleres mecánicos. É conveniente que, polo menos unha vez ao ano, os vehículos superen unha revisión. Aconséllano os expertos e mais o sentido común. Por iso, é fundamental que o servizo ofertado sexa de calidade. Non obstante, a información que se lle facilita ao cliente é, cando menos, mellorable e o prezo da man de obra, moi caro.
EROSKI CONSUMER quixo coñecer o servizo que prestan estes establecementos, así como a evolución dos prezos das revisións e das reparacións respecto a un estudo similar realizado no 2005. Para iso, técnicos desta revista visitaron a finais de maio e comezos de xuño, como clientes potenciais, 200 talleres especializados na reparación e mantemento de vehículos en 18 cidades: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Por tipos de locais, analizáronse 65 de mecánica rápida, 64 de marca e 71 independentes (non vinculados a ningunha marca).
Os técnicos achegáronse a cada un dos talleres cun coche utilitario de mediano ou pequeno tamaño (un por cidade) e preguntaron o prezo por unha revisión básica (niveis de aceite, limpaparabrisas e anticonxelante, estado e tensión das correas, estado de pneumáticos, pastillas e discos, gardapós e folguras, amortecedores e liña de tubo de escape) sen cambios de líquidos nin substitucións de pezas. Ademais, consultouse o custo dunha substitución de batería e solicitouse un orzamento por escrito. En todos eles, comprobouse a información que se lle proporcionaba ao usuario (de xeito verbal e mais a exhibida en carteis ou paneis) e se se cumpría coa normativa en materia de exposición de placas-distintivo e información sobre garantías, tarifas e follas de reclamacións.
As principais conclusións resúmense en dous aspectos: por unha banda, un 48% dos talleres analizados negáronse a realizar un orzamento por escrito e, en liñas xerais, a información recibida foi insuficiente: non exhibían as tarifas por man de obra (un 66% dos talleres), non informaban do dereito a recibir un orzamento por escrito (un 62%), nin da garantía con que contan as reparacións (o 59%), nin sequera da existencia do libro de reclamacións (un 47%). Tampouco indicaban o horario de traballo do taller (un 27%), nin tiñan placa-distintivo no exterior (un 12%).
No tocante aos prezos, a tarifa media por man de obra sitúase nos 46 euros (IVE incluído), o cambio da batería do coche, nos 99 euros, e a revisión básica do vehículo, nos 68 euros (aínda que case un de cada seis talleres estudados o facía gratuitamente, sen cobrar nin sequera a man de obra). Por tipos de talleres, os concesionarios ou oficiais de marca son os máis caros, ata un 42% por riba da media.
A Comisión Europea aprobou en maio novas normas de distribución e reparación de automóbiles na UE. Así, a partir do 1 de xuño do 2010, entre outras cousas:
En definitiva, apóstase por fomentar a competencia entre talleres e, deste xeito, rebaixar as tarifas que os consumidores pagan por estes servizos. Ademais, aprobáronse normas relativas á distribución e á venda de vehículos novos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI