Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

O móbil, a nova VISA?

Os pagamentos co móbil, habituais en países de Asia e de África, non tiveron o mesmo desenvolvemento en Europa e nos Estados Unidos

  Kim non saca moedas para pagar o aparcamento, senón que preme un botón do seu móbil. O mesmo fai no autobús, no quiosco, na máquina de cafés da súa oficina e en moitos outros lugares. Ata utiliza o seu móbil para lle transferir a asignación semanal ao seu fillo ou para lle facer un empréstito a un amigo. Esta é unha estampa habitual en Xapón e en Corea, pero tamén na India e en zonas de África onde as infraestruturas de telefonía celular son máis fiables ca as terrestres. En Europa, pola contra, os sistemas de pagamento ou transferencias monetarias co teléfono non funcionaron ata a data polas súas elevadas custas e pola complexidade do protocolo. Non obstante, a progresiva popularización dos aparellos con acceso web e o uso de servizos como PayPal poden revolucionar o panorama.

Nesta carreira de fondo hai un feito revelador que indica cara a onde se orienta o futuro: o operador de telecomunicacións dun cliente ten máis datos sobre o usuario ca o seu propio banco. En consecuencia, na era da información o operador pode ofrecer mellores servizos, prestacións que de facto xa se ofertan en moitos países. O costume de manter unha conta no banco non é global, é sobre todo occidental. En Oriente desenvolveron outros métodos para pagar a crédito diferentes gastos, entre os que se atopa o uso do teléfono móbil.

O banco de oriente

En Xapón e en Corea o uso das tarxetas de crédito non se popularizou tanto como en Europa, se cadra porque os bancos desenvolven funcións diferentes. Tanto é así que o principal banco xaponés é o organismo encargado dos correos postais, que se dedicaba tradicionalmente a enviar cartos por carta. Agora o seu papel adóptano os grandes operadores, como NTT DoCoMo ou SK Telecom. Xaponeses e coreanos usan o móbil para realizar todo tipo de pagamentos a través do uso das súas tarxetas de prepagamento ou as súas facturas como crédito. O operador responde do pagamento por eles ata que cobra, ou ben descóntaselle da tarxeta de prepagamento. Actúa como banco crediticio.

Na India e en África os operadores telefónicos son o único banco para millóns de persoas que viven en zonas de difícil acceso ou en condicións de extrema pobreza. Esta situación fai que ningún banco do mundo lles conceda un crédito, pero si poden recibir un empréstito de pequenas cantidades a través do operador. Tamén poden intercambiar diñeiro cos seus familiares ou socios a través dunha estrutura fiable e estable, con niveis de seguridade aceptables. Paradoxalmente, dende hai uns anos o móbil é a tarxeta de crédito do terceiro mundo: quen pode pagar un, merece un mínimo aval.

Difícil camiño en Europa

Non acontece o mesmo en Europa nin nos Estados Unidos, onde os sistemas para pagar polo móbil resultaron ata a data un fracaso polas súas cargas e pola súa complexidade. O feito de que interviñesen demasiados actores no pagamento -o usuario, o banco, o operador, a empresa que achega a plataforma, etc. - encarece o sistema. Ademais, como se trata dun abono a crédito cómpre compensar a alza dos cartos cun xuro que acababa pagando o usuario final. Isto fixo que sistemas como Mobipay apenas levantasen o voo en España, porque o simple acto de tomar un café na oficina e de pagalo co móbil implicaba un aparatoso proceso de mensaxes SMS con códigos secretos de ida e volta que xa o quixesen para si os axentes do CSID. Ademais, usar Mobipay era máis caro que usar a tarxeta de crédito.

Os SMS premium, unha experiencia de éxito

Non obstante, son moitos os usuarios que puideron experimentar pagamentos co móbil sen se decataren. As mensaxes SMS a números de catro cifras que se mandaban ata hai pouco a algúns concursos televisivos e mais a diferentes organismos por causas humanitarias, coñecidos como SMS Premium, tiñan un prezo extra destinado a realizar pagamentos ou doazóns. Hoxe os números para este fin están regulados por lei e deben ter cinco ou seis cifras e comezar por 280.

Máis doado ca un "smartphone"

Non obstante, a chegada de Internet aos móbiles podería mudar o panorama actual. Dende hai máis dun lustro a banca on line está moi desenvolvida, sobre todo no apartado de usabilidade web, e os clientes con contas apenas teñen que pisar as oficinas do seu banco para realizar operacións. Dende a Rede manexan a súa armazón financeira e mercan, venden ou realizan transferencias en segundos.

En consecuencia, dende un móbil con acceso a Internet, o manexo das contas é inmediato. Canto máis se popularizan os "smartphones" -os móbiles con acceso web e sistema operativo complexo- máis se utilizan aplicacións móbiles para efectuar pagamentos e transferencias. O acceso é rápido e sen cargas extra que fagan que o pagamento sexa caro. Por outra banda, métodos como a aplicación PayPal para móbiles facilitan o pagamento e a transferencia.

Un fenómeno que chamou nos últimos meses a atención dos analistas financeiros e mais tecnolóxicos é que grazas a PayPal se disparou en Estados Unidos o fluxo de pequenas cantidades prestadas entre usuarios, amais do pagamento de servizos a través deste método. Diarios como The New York Times comezan a especular con que o móbil pode substituír nun futuro á tarxeta VISA como sistema de crédito persoal. Nos Estados Unidos, se non se posúe unha tarxeta de crédito non se pode contratar practicamente ningún servizo.

Converter o móbil nun datáfono

Agora ben, o manexo de contas vía portais bancarios enfróntase ao inconveniente da usabilidade no móbil: hai que teclear números persoais sobre a marcha e nun teclado minúsculo, porque así o esixen os protocolos de seguridade. O sistema, en consecuencia, perde automatismo.

Unha posible solución son os lectores de tarxetas que se poden inserir no móbil, de xeito que se pode pasar unha tarxeta de crédito polo lector, e o teléfono funcionaría como datáfono ou ben como emisor do pagamento fixado. Hai un programa capaz de converter o iPhone nun lector de tarxetas que xa funciona nos Estados Unidos cun certo éxito, sobre todo nos comercios máis elitistas. Chámase Square e está financiado polos creadores de Twitter, que ven no pagamento por móbil unha fonte de futuro negocio.

Consellos para non pagar de máis a través do móbil

  • Comprobar a quen e por que se paga. Pode parecer que doar un euro e vinte e cinco céntimos é pouca cousa, pero se se suman todos os usuarios que doan, a cantidade chega a ser moi grande.
  • Asegurarse de que a aplicación para o pagamento por móbil, en función de cada sistema operativo, é a correcta. Poderíanse dar casos de aplicacións preparadas para extraer os contrasinais bancarios do usuario con fins delituosos.
  • Procurar teclear con discreción e sen que terceiras persoas teñan acceso visual á pantalla.
  • Non gardar as claves en ningunha nota ou documento no móbil.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto