Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Máis ca o deseño e o peso do dispositivo, os factores que determinan a eficacia dun navegador GPS son a cobertura, o tamaño da pantalla, o tipo de ancoraxes e a conectividade
Quen se acorda do compás! Este pequeno e eficaz dispositivo pasou a ser historia, e o culpable non é outro que outro ben novo que responde ás siglas de GPS. A revolución tecnolóxica vivida nos últimos anos permite que nestes intres nos poidamos beneficiar da localización de satélites para coñecermos a posición exacta na que nos atopamos e o percorrido que debemos seguir ata alcanzar o destino desexado, xa sexa a pé ou dende un vehículo. A súa comodidade, efectividade e a popularización que experimentaron os prezos contribúen a que un número crecente de condutores se animen a instalar este aparello no seu vehículo.
Agora ben, as prestacións e a utilidade dos GPS non son uniformes. O mercado ofrece unha ampla gama, incluída a específica para os profesionais da estrada, con prezos moi superiores aos que paga a pena pagar por un dispositivo similar para turismos. Neste apartado convén especificar que aínda que se poden atopar GPS a partir de 100 euros, o prezo dos máis demandados rolda os 200 euros. Trátase dos seguintes: Garmin Nüvi 200, Tomtom One e Navman S50. Hai que ter en conta que adquirir un destes aparellos a un prezo elevado, que se achegue aos 600-700 euros ou máis, pode resultar frustrante, xa que a infinidade de opcións que ofrecen non farán máis que dificultar o seu uso. Tampouco convén escatimar en exceso: se se adquire un modelo inferior ás necesidades do condutor, é moi posible que o substitúa por outro máis moderno en poucos meses ou mesmo semanas. Por estas razóns é moi importante coñecer aqueles factores que determinan o modelo concreto para cada usuario. Un obxectivo ao que só se chegará mediante a elaboración dun mini cuestionario que o vendedor deberá contestar polo miúdo.
Antes de debullar os parámetros que definen o navegador, é imprescindible coñecer en que consisten e como traballan estes aparellos. Aínda que se coñecen popularmente como GPS, esta é unha acepción equivocada, pois GPS é unha tecnoloxía de posicionamento ("Global Positioning System" ou Sistema de Posicionamento Global) que define en cada momento a posición sobre a Terra dun dispositivo capaz de captar os sinais de diversos satélites que lle dan volta ao noso planeta. E estes dispositivos son os navegadores GPS, que teñen como principal función determinar o tempo que transcorre en chegarlles os sinais dos satélites, calcular a súa posición e traducila aos mapas que se lle amosan ao usuario. A partir destas funcións básicas, engádense outras adicionais que axudan a que o seu uso sexa máis sinxelo e a que nos guíen cara ao noso destino cunha precisión case exacta. Ambas as dúas características, comodidade no seu uso e precisión, son fundamentais, non só porque supoñen un aforro do noso tempo, senón porque contribúen a que o condutor estorbe menos ao resto de condutores.
Velaquí os aspectos máis importantes que cómpre ter en conta antes de tomar a decisión final sobre un modelo concreto:
A ancoraxe: O GPS débese ancorar con forza no cadro de instrumentos ou no cristal do coche, de xeito que non se poida soltar durante a marcha e entorpecer a condución. Hai ancoraxes de fábrica que non ofrecen a fiabilidade desexada, polo que algúns usuarios optan por comprar unha ancoraxe complementaria, co conseguinte gasto extra. Outras ancoraxes son moi sólidas, pero resultan moi complicadas de montar e desmontar. Por iso, convén estudar na tenda a ancoraxe e comprobar que é sólida e mais sinxela de usar.
Rañura para tarxetas SD: A información dos mapas, así como a súa actualización, pódese introducir no navegador mediante un cable ou ben por tarxetas de memoria SD. É recomendable que o dispositivo conte cunha rañura para ler as tarxetas porque facilita o proceso de actualización.
Os mapas e a súa actualización: Os navegadores inclúen de fábrica unha serie de mapas básicos que conteñen información sobre o trazado das estradas e rúas das poboacións. En moitas ocasións, carecen de detalles sobre puntos de interese para o condutor, como as gasolineiras. De non se actualizaren estes mapas, non só será imposible obter esta información a través do dispositivo, senón que o navegador tampouco indicará os posibles cambios que se realizasen na ruta, xa sexa novas estradas, desvíos ou rúas. Aínda que os foros e comunidades en Internet que ofrecen as actualizacións gratuítas son moi diversos, o modo máis común de obtelas é a través da páxina do fabricante e logo de pagamento. Polo tanto, canto máis precisos e detallados sexan os mapas que acompañen ao navegador de serie, mellor. En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI