Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Miquel Bonet, experto en recursos humanos: "Mentir ou esaxerar no currículo é o primeiro mecanismo de descarte nunha entrevista de traballo"

 A participación en 5.000 entrevistas de traballo é todo un aval para falar con coñecemento de causa da busca de emprego. Esta é unha das liñas do extenso currículo de Miquel Bonet. Responsable comercial, seleccionador de persoal, avogado, profesor universitario, apaixonado do fútbol e do Barça, cooperante..., a vitalidade que desprende a traxectoria deste manresano de 63 anos reflíctese na énfase coa que defende que mentir ou esaxerar é o mellor xeito de non conseguir un posto de traballo.

Vostede asegura que buscar traballo é unha cuestión de método, que se aprende. Cales son as leccións básicas na busca de emprego?

A clave é saber o que se busca e, se non, saber o que non se busca. O peor para buscar traballo é a dispersión, por iso a clave é coñecerte a ti mesmo.

E, cando se teñen dúbidas, como se evita esta dispersión?

Buscar a vida significa entender que cada un é hábil e válido para determinadas cousas. Se descartamos as que non somos, atoparémonos máis preto do noso obxectivo.

Este consello serve para todas as persoas?

Hai sensibles diferenzas. Eu definiría catro grandes grupos de buscadores de emprego: os mozos que se asoman ao mercado de traballo por primeira vez, as persoas que, cunha experiencia laboral de determinados anos tamén se asoman ao mercado laboral por primeira vez (son moitos os que con 40 e 50 anos xamais buscaron emprego). Outra realidade é o mundo da muller e unha cuarta a dos inmigrantes.

Que claves, polo tanto, deben seguir os que se identifiquen con estes catro perfís para buscar traballo?

O colectivo máis difícil é o das persoas que buscan traballo e superaron os 45-50 anos. A parte positiva é que achegan unha experiencia persoal ao mundo de traballo. O meu consello é que busquen algo congruente co que fixeron ata agora e que aprendan o mínimo para adaptarse, e que non desesperen, porque alguén nalgún lugar está agardando por eles.

Pero iso é certo?

Desde logo. É moi difícil que as grandes empresas busquen este perfil concreto. Agora ben, as pemes si demandan persoas competentes, que non lles causen problemas, con capacidade de adaptación e cunha experiencia que se converta nun valor engadido de coñecemento que poida achegar á súa organización. E a súa adaptación debe centrarse na informática e mais nos idiomas, o mesmo ca as mulleres.

E as persoas inmigrantes?

No tocante aos inmigrantes, dáse o caso de que poden ser moi bos na súa especialidade, pero ocupan postos que ninguén quere, traballos relacionados coa man de obra e non co traballo intelectual. Por iso neles é determinante a actitude, máis aínda ca para o resto. No tocante aos mozos, as claves son compromiso e interese.

Idades e situacións persoais á parte, que é o que buscan as empresas para calquera traballo?

As empresas buscan catro grandes cousas: talante, ganas, actitude e saber facer.

E estes catro requisitos significan que unha persoa, ao chegar a un novo traballo, debe estar preparada para aturar, por dicilo en termos coloquiais, "o que non está escrito"?

Rotundamente si. Debe haber unha disposición á tolerancia.

Ata onde hai que aturar?

Ata onde faga falta, dentro dos mínimos requiribles da urbanidade e da boa convivencia. Nestes momentos hai diferentes xeracións traballando: os veteranos, os que naceron nos anos 50; a xeración baby boom, de arredor de 30-40 anos, que son os que toman as decisións nas empresas, e mais a xeración Nintendo, mozos de 18-20 anos, que naceron coas máquinas. Esta última xeración perdeu a idea de compensación polo esforzo debido ao exceso de protección ao que lles sometemos por parte das familias, da sociedade... Na empresa privada, se queres triunfar deberás esforzarte. Só é mellor quen traballa máis.

A clave non é tanto a inspiración, senón a transpiración.

Sen dúbida ningunha. Quen logra o traballo é o axeitado para ese posto, e o mellor éo moitas veces máis por actitude ca por coñecemento. Polo tanto, se ti buscas traballo débeste crear o traballo de buscar traballo.

Con 4,6 millóns de parados en España, mantén esa máxima de que "se non estás a gusto co traballo no que te atopas, mellor buscar outro"?

Si. Creo que se xa tes un traballo hai que intentar conservalo, esta é unha actitude prudente e práctica, pero por riba de todo está a liberdade individual e non se pode ser escravo dun traballo que non gusta, porque non se traballa ben.

A teor da baixa produtividade que hai en España, parece que non hai moitas persoas felices no seu traballo.

Velaquí o problema. Pero a produción é baixa porque á maioría das persoas que están en empregos de moitos anos non lles gusta o labor que desempeñan, non o desenvolven a gusto e non producen. Hai que recuperar o gusto de facer ben as cousas. Aquilo que ten valor engadido é valorado pola xente, compras onde che tratan ben e máis que polo prezo pola experiencia que reporta un bo trato. Ademais, outro dos grandes problemas da baixa produtividade en España é que hai mandos intermedios pouco adecuados, pouco formados e con pouca cultura de sacrificio e de esforzo. Pero non nos trabuquemos. O traballo non é unha cuestión de presenza, senón de resultados.

Vostede realizou milleiros de entrevistas de traballo. Cales son os principais erros que atopou?

O principal é a falta de naturalidade. O meu primeiro consello para realizar unha entrevista é ser natural e deixarse coñecer, hai que amosarse aberto. Non hai entrevistados bos e malos, hainos adecuados e non adecuados, en función do tipo de empresa.

A comunicación é fundamental.

É determinante. É a competencia clave na busca de emprego. Agora ben, na comunicación é tan importante falar como escoitar.

E como se aprende?

Son competencias tanxenciais. Hai que xestionar a timidez a través de pequenas cousas, como cursos, atención profesional específica e proporse a superación de pequenos retos.

Universidades e centros de FP deberían impartir formación teórica para a busca de emprego?

Si, é moi necesaria a creación dunha materia que sexa "Buscar emprego", aínda que algo se leva feito. Unha parte positiva do Plan Bolonia é que se prioriza moito o traballo práctico que, en definitiva, é comunicación.

Nunha entrevista de traballo, cunha duración que no mellor dos casos non pasa da media hora, pódese saber se unha persoa é adecuada ou non para un traballo?

Si. Pódese saber sobre todo se non é a adecuada. Na nosa mentalidade como entrevistadores tratamos de buscar se a persoa non é a adecuada, o que gusta é que xurdan dúbidas. A entrevista é a ferramenta para coñecer a persoa e a través das olladas cáptase a comunicación non verbal e sobre todo a súa actitude e a súa disposición fronte ao posto.

Valórase máis a ambición e a competitividade ou téñense en conta outros valores máis positivos como a empatía e a honestidade?

  Valórase todo. A ambición regulada é boa, eu parto da base de que non todo o mundo ten o mesmo grao de ambición, depende do posto de traballo. Unha persoa que se dedica á venda ten que ser moi ambiciosa, vai ligado ao posto. Os factores emocionais, como a empatía, a comunicación, a xestión de conflitos, a negociación, ten que ver co contexto do posto de traballo no que se vai mover o candidato. Para un torneiro, que sexa o máis simpático non ten relevancia ningunha, nin para un fresador.

E entre dous candidatos co mesmo nivel, que determina a elección dun ou doutro?

Sempre a actitude.

Mentir ou esaxerar é unha tendencia habitual. Pasa factura ou paga a pena arriscarse?

A falta de honestidade é o primeiro mecanismo de descarte. Non hai que dicir nunca o que non se poida probar.

Aínda que o candidato esaxere e non minta?

A naturalidade non é esaxerar, hai que venderse sen esaxerar e sen mentir.

Como se debe preparar, estruturar e presentar un currículo vitae?

A estrutura sempre ten que ser a mesma, a excepción dos currículos regulados, que son os da UE ou os especiais. O currículo normal debe constar de catro partes; a primeira versa sobre ti mesmo, son datos persoais (nome, enderezo, correo electrónico e como localizarte); a segunda componse dos datos académicos, hai que amosalos sempre cronoloxicamente de maior a menor, sempre é máis importante o último que se fixo. A continuación hai que indicar o que se chaman competencias tanxenciais, aquilo que se fixo á marxe dos estudos académicos, como seminarios. E despois hai que especificar a experiencia profesional, e o último é o que debe aparecer antes. No cuarto apartado hai que incluír as áreas de interese e os hobbies. Para min este é un apartado moi importante, porque di en que che gustaría traballar e onde te sentes cómodo.

Pero, iso valórase realmente?

Si. Moito. Unha persoa que corre maratóns xa che di que é unha persoa disciplinada, cunha capacidade de sacrificio innata, que ten un gran método, que é unha persoa ambiciosa, que non se rende e que ten obxectivos.

Como debe ser a presentación do currículo?

Ningún currículo debe ter máis de dúas follas. Debe ser moi doado de ler, non enviar papeis de cores, nun só idioma, moi limpo, que lle chegue á persoa axeitada.

Fotos, si ou non?

Si, debe amosarse na parte da dereita e sorrindo. Ninguén quere a alguén con cara triste ou de susto.

A onde se envía?

A onde o pidan, pero nunca hai que facer envíos masivos.

Que papel xoga nestes momentos Internet na busca de emprego?

Un moi importante. Hai que facer moito networking e traballar a partir das redes sociais. É fundamental que cando ti buscas traballo, todo o mundo saiba que estás a buscar traballo e que tipo de traballo persegues.

Unha vez seleccionado, que aparencia debe ter a persoa?

Debe vestirse de acordo ao traballo para o que foi seleccionado. En xeral non fai falta ir con gravata. Agora ben, nun home si é adecuado acudir sempre con chaqueta, salvo que a entrevista sexa para traballar nun establecemento de comida rápida, por exemplo. A gravata é só para o sector financeiro e seguros. Ao igual ca a muller, que debe levar a roupa axeitada. É moi importante acudir sempre limpo, co cabelo despexado, de maneira que se vexa moi ben a cara.

Como hai que reaccionar ante preguntas delicadas, persoais?

O mellor é dar respostas que vaian "pola tanxente". Por exemplo, se preguntan: vas ser nai proximamente?, respóndese: "non o sei, non o falamos". O importante é non romper o fío comunicacional.

Ante a pregunta de "Vostede vive para traballar ou traballa para vivir?", que respondemos?

As dúas cousas. Eu diría que o traballo é un medio que che permite vivir mellor.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto