Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Axuda domiciliaria: os mellores coidados, na casa

A axuda domiciliaria ás persoas maiores fai posible que vivan e gocen a vellez na súa propia casa, pero convén contratar persoal titulado e experimentado

  Soidade, tristura, menos cartos ca nunca, deterioración física e enfermidades...: abundan os medos asociados a unha fase tan natural como pouco aceptada do ser humano: o avellentamento. Case por inercia téndese a pensar que malestar, dependencia e abandono veñen nun paquete indivisible así que se superan os 70-75 anos. Pero non sempre é así. Un dos factores que inflúe na calidade de vida é un contorno agradable. Somos animais de costumes: gústanos espertar cada mañá nun cuarto que coñecemos de memoria, vivir no barrio de toda a vida, rodeados das nosas pertenzas e das lembranzas máis queridas. Nos vellos, abandonar o medio habitual pode causar un forte desarraigamento emocional, polo que, en xeral, convén non só atrasalo senón tamén evitalo mentres sexa posible.

O problema maniféstase cando os anciáns se manteñen firmes no seu propósito de non abandonaren a súa casa. Este panorama provoca apresuradas idas e voltas dos familiares e un temor continuado a que caian ou sufran un accidente doméstico. Ante esta situación, os servizos de axuda domiciliaria son unha opción eficaz para os vellos e mais para os familiares que os atenden. En moitos casos, a axuda personalizada dun profesional que asiste ao ancián nas tarefas domésticas, na súa hixiene persoal ou, simplemente, acompañándoo durante unhas horas ao día convértese nunha necesidade esencial. Segundo as proxeccións que se realizan sobre o aumento de poboación, en apenas dez anos o número de maiores de 65 anos medrará máis dun 25%. As necesidades ao respecto, polo tanto, presúmense crecentes.

Aínda que estes servizos os prestan dende hai anos tanto entidades públicas como empresas privadas especializadas neste servizo, non son poucos os que por aforraren uns euriños contratan para coidaren dos seus vellos a particulares que carecen non só da titulación axeitada, senón ás veces mesmo dos mínimos coñecementos para realizaren a tarefa encomendada. Os expertos en saúde de EROSKI CONSUMER aconsellan que sempre que se poida evitar non se cometa o erro de priorizar absolutamente o criterio económico fronte á calidade e seguridade do servizo. Pagar un chisco menos pode saír ben caro. Saber onde hai que acudir para solicitar a axuda domiciliaria pública ou ben, se é preciso, coñecer as pautas que se deben seguir para contratar unha asistencia privada eficaz e non moi cara axuda a conseguir que os maiores se atopen nas mellores mans. A guía práctica Como atender aos maiores (http://mayores.consumer.es/) informa dun modo moi sinxelo e ordenado sobre por que se avellenta, cales son os sinais de alarma ante os que deben reaccionar os familiares, como se debe planificar o coidado da persoa maior e onde e como pedir axuda.

Vivir só e na casa, pero con axuda

  Os servizos de axuda a domicilio non só prestan asistencia nos angueiras cotiás do fogar, tamén impiden situacións de soidade extrema e illamento social. Facer a compra diaria, acudir a unha revisión médica ou a calquera outra xestión é cousa ben distinta se se fai só ou acompañado, sobre todo se se superan os 75 anos e non se goza de boa saúde. Con independencia de que a axuda a domicilio sexa prestada por organismos públicos, empresas privadas ou particulares, os servizos que se ofrecen son moi diversos, e convén coñecelos. A asistencia domiciliaria pode incluír a atención persoal do maior (hixiene, seguimento na alimentación e medicación, e apoio nas horas da comida), e tamén coidados especiais (facer a cama co enfermo encamado, farmacovixilancia, cambio de cueiros...) se o ancián sofre minusvalidez ou enfermidade. Todo iso, amais do apoio nos labores domésticos -limpeza e orde no fogar- e do acompañamento en paseos, lecturas ou merendas.

A axuda domiciliaria préstase por horas: pode supor dende un par de horas cada día ata a asistencia permanente, 24 horas do día os sete días da semana. Se a persoa maior ten sorte e goza da axuda a domicilio ofrecida por entidades públicas, o propio Concello ou o organismo responsable de prestala ocúpase de establecer a duración do servizo e os seus horarios, tras avaliar a situación persoal do solicitante.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto