Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Gregorio Montero, Presidente da Sociedade Española de Ciencias Forestais: "Os nosos bosques están enfermos de colesterol"

 A vida de Gregorio Montero está tinguida de verde. Comezou a traballar no monte aos 14 anos, compaxinou o seu labor como capataz forestal coa obtención do título de enxeñeiro de montes e acadou unha praza como investigador no Instituto de Investigacións Agroalimentarias (INIA). Dezaoito libros publicados e milleiros de árbores plantadas coas súas mans atesouran o coñecemento, teórico e práctico, do actual presidente da Sociedade Española de Ciencias forestais, que defende a explotación sostible como a mellor garantía do seu coidado e pervivencia.

Unha persoa ao longo da súa vida ten que ter un fillo, escribir un libro e plantar unha árbore. Imaxino que na súa vida isto último xa o leva feito.

Si, tiven a sorte de cumprir este dito sobradamente: tiven dous fillos, escribín 18 libros e levo plantadas miles de árbores.

Por que hai que querer as árbores e os montes?

Porque son a nosa propia vida. As árbores son o noso alicerce; se as plantas deixasen de funcionar, todo deixaría de funcionar. A cadea trófica racha e todo remata. Os expertos din que o ecosistema é a última unidade independente que se dá retrocreado e a última unidade de vida autónoma na terra neste sentido. Dende logo, sen as plantas non podemos vivir.

Coida que as queremos ou que lles prestamos atención abonda?

Só se lles presta a debida atención cando se albisca que algo está en perigo. Cando hai unha ameaza, como agora co cambio climático, é cando a sociedade reacciona.

E agora estáselles a prestar atención?

Si, debido sobre todo ao cambio climático, que parece que podería perturbar nalgunha medida o patrimonio forestal, a natureza en xeral e algunhas árbores en particular, sobre todo as zonas máis áridas de España. Comprobouse que as árbores son vítimas do cambio climático, pero tamén que forman parte da solución para controlalo. Practicamente o 20% de todo o CO2 que emite España fíxano e absórbeno as árbores. Ademais, os produtos das árbores, como a madeira, que todos utilizamos, tamén é CO2 sacado do circuíto. E se non se recicla da maneira axeitada, o CO2 da madeira volve á atmosfera. É o ciclo do carbono.

É evidente que as árbores teñen un valor ecolóxico e un valor paisaxístico, pero tamén económico.

Si, o valor económico é relevante. Somos un país con máis importancia forestal da que en ocasións se cre. En España cortamos das nosas fragas arredor de 17 millóns de metros cúbicos e consumimos 32 millóns. Poderiamos ser autosuficientes, pero non o facemos porque debido á nosa topografía, a madeira é cara de obter nalgunhas zonas, e porque España é un crisol da biodiversidade. Temos máis da metade da diversidade de toda Europa. E é certo, e témolo que respectar. Tamén é certo que nalgúns bosques sería bo cortar máis porque están superados de existencias; a acumulación de biomasa, a acumulación de matogueira... Dise que as fragas españolas están enfermas de colesterol, pola acumulación de biomasa e pola falta de limpeza.

Como sandaría a ese enfermo de colesterol?

Teriamos que tomar conciencia: os nosos montes están cargados de biomasa, están porcos por falta de intervención, que se deriva en boa medida de que non hai un interese económico, e os nosos montes por esa mesma causa arden moi a miúdo e cada ano hai incendios incontrolados, por máis que España teña un dos mellores servizos contra incendios. Somos o país que máis medios dedica ao control de incendios, mesmo por riba dos EEUU, e iso supón un gran gasto. Por iso se propugna que haxa máis prevención e menos extinción.

Poderíase traballar e explotar o sector forestal ao tempo que se protexería e se garantiría un menor número de incendios?

Si, hai que facelo. Neste sector, no naturalismo, apenas quedan conservacionistas que non admitan ou aproben a intervención regulada, graduada, sostible... cando hai anos había moitos que negaban isto.

Vostede fala de protección. A superficie protexida en España é abonda ou é excesiva?

  Os máis produtivistas din que temos demasiada, os máis conservacionistas din que é pobre. O 20% da superficie da UE declarada na Rede Natura 2000 está en España. Isto débese a que temos máis riqueza paisaxística, biolóxica ou xeolóxica ca Finlandia ou Suecia. O único inconveniente para os propietarios é que a medida que vas facendo das fragas un ben xeral ou un ben público, o propietario particular atópase con máis limitacións para obter os seus produtos e os seus custos de explotación serán maiores. Haberá que chegar a un entendemento entre as dúas partes. O 70% da propiedade forestal é privada en España, os concellos son propietarios de arredor dun 28% e o Estado e as comunidades autónomas teñen un 6%, e estas propiedades forestais privadas teñen menos intervención do que parece.

España é un país pobre en arbores?

Non. Agora non, antes si. España foi un país agrícola, é un país vello e como país mediterráneo que somos, con luz e auga, cando a hai, a agricultura ten a súa importancia. E o home necesitou da agricultura para o seu sustento e de aí que fixera todo canto puido por tornar os montes en solo cultivable. E iso foi así en toda a economía de mantemento ata hai ben pouco. O pastoreo, os incendios e mais a agricultura foron os tres eixes de ataque á superficie forestal. No século XIX créase a administración forestal como unha resposta liberal da época do que hai que facer, porque a xente está moi sensibilizada. Lembremos as palabras de Ramón y Cajal: "Repoboemos os nosos bosques e as nosas mentes". A partir de aí créanse servizos para o repoboación, e repobóanse os mosteiros, as terras da igrexa e moitas terras públicas. Fíxose un labor estupendo. De feito, a mellora foi notable e a natureza está hoxe infinitamente mellor ca a mediados do século XIX.

Malia á contaminación actual?

Si, si, malia a ela. Daquela non había nada que contaminar, ese era o problema. Agora temos problemas coa calidade dos alimentos, pero antes non había alimentos.

Fan falta máis árbores?

Si, precisamos, podemos e deberiamos ter máis árbores. Hai unha gran cantidade de terras que poderían e deberían ser repoboadas, o problema é que moitas delas son privadas. Hai que chegar a un acordo cos propietarios e ter así a autorización a cambio de algo para repoboar.

Vostede é dos que pide, como Groucho Marx, "máis madeira".

Si, pero non só para obter madeira. Tamén pola purificación do aire, da auga, polo mantemento das paisaxes, a biodiversidade, etc.

Precísase unha educación máis verde?

  Hai xente que é moi pouco verde e xente que co seu desexo de seguir unha educación verde pode estar limitando unhas actuacións que poderían ser beneficiosas. Para nós, o verde case nunca sobra. Agora ben, temos que ter coidado de non pasarnos, porque hai certa tendencia a ser verde porque iso vende. Así e todo, a realidade é un pouco distinta. Hai hipocrisía neste tema. Parece que todo é verde, cando hai cousas que son castañas. É o que pasa co concepto mesmo de sostibilidade: agora todo é sostible, o significado desta palabra desvalorizouse, perdeu todo o prestixio. O sostible é a intersección da base ecolóxica, económica e social. Se non se cumpre iso non será sostible. É un concepto moi restritivo do que se abusa porque o verde agora é negocio.

O sector no que vostede traballa ofrece a posibilidade de facer algo sostible.

Si, a nosa filosofía é que intervimos na natureza para quitarlle á natureza aquilo que lle sobra. Este é o lema da intervención forestal: aproveitar conservando. A nosa é unha sociedade conservacionista, naturalista, que defende a intervención. Pensamos que a técnica ten ferramentas e métodos abondos para dar aproveitado e conservado. En países como o noso, vellos, onde o home leva 3.000 anos facendo lumes e labrando terras, somos moitos os que dicimos que a non intervención non garante a conservación. A técnica da que falo baséase en adiantarnos á natureza. Cando unha árbore vella morre deixa un gran burato e alí nacen 300 arboriñas, pero cando chegan aos 100 anos, xa só queda unha e no entanto fóronse eliminando as outras árbores. Se nós non o facemos farao unha treboada, derrubaranse e quedarán no territorio e apodrecerán... O que facemos nós é que xusto antes de que vaian morrer collemos o paíño e levámolo e graduamos esa densidade un pouco artificiosamente.

Como é a relación cos movementos ecoloxistas?

Hai un tempo sufrimos unha época de desencontros, pero agora a nosa Sociedade fala moito con Greenpeace, con Ecoloxistas en Acción, con Adena. Temos practicamente os mesmos postulados.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto