Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Non só a pel, tamén os ollos sofren os estragos do sol: unhas lentes de sol homologadas, con protección ultravioleta e filtro soar axudan a combatelos
É a único parte do noso corpo que non precisa crema solar e que non se broncea. Así e todo, é máis sensible ao sol ca calquera outra. As radiacións solares, mellor dito, os seus efectos, pódenlles causar aos nosos ollos patoloxías irreversibles. A razón é que os ollos son vinte veces máis sensibles aos raios solares ca a pel. E, a diferenza desta, os ollos non producen melanina, polo que é menor a súa capacidade natural de se protexeren fronte á radiación do sol. Éche ben certo que hai moitas persoas que utilizan lentes de sol habitualmente, pero o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos asegura que tan só un 4% da poboación española é consciente dos danos que o sol pode provocar nos ollos, o que fai que se adquiran numerosos pares de lentes que non cumpren cos estándares de calidade necesarios para evitar os problemas dunha sobreexposición solar. Porque non serve calquera. As lentes deben estar homologadas e cumprir uns estándares mínimos de calidade. Isto é algo que aínda non temos moi claro, xa que se estima que de cada tres pares de gafas de sol vendidas en España durante o ano pasado un non superaba os criterios de calidade esixibles. Aínda que anualmente se vendan no noso país uns 28 millóns de pares de lentes, o problema é que a miúdo se elixen os modelos de moda, os máis baratos ou os que un coida que favorecen esteticamente, e desprézanse criterios esenciais, como a calidade do produto e os riscos que supón usar unhas lentes inadecuadas ou de deficiente calidade.
O ollo humano é un órgano tan fráxil como valioso: máis do 80% da información que recibimos chéganos a través dos ollos. Agora ben, neste conxunto veñen tamén as radiacións solares, e unha prolongada exposición fronte a elas sen a protección axeitada pode causar graves problemas oculares. A diferenza fundamental entre unhas lentes de sol sen a debida homologación e as que si a teñen é que as primeiras só filtran os raios visibles, e non a radiación ultravioleta. Deste xeito, enganan o ollo: a pupila dilata máis ao detectar menos cantidade de luz, pero no ollo entra unha maior cantidade de radiación ultravioleta e infravermella prexudicial, co que se incrementa o risco de lesións oculares. O problema é que a radiación solar se almacena no cristalino e non se elimina. Os ollos teñen capital solar, é dicir, o efecto das radiacións é acumulativo.
De moteiro, de surfista, de aviador, as máis fashion... as gafas de sol representan toda unha expresión de estilo. Non hai problema ningún niso, pero si o hai cando o fabricante crea un complemento estético que carece de garantías e que non cumpre con eses estándares de calidade que tornan as lentes nun elemento de protección para os nosos ollos. Esa falta de protección é, precisamente, a responsable dun número cada vez maior de doenzas oculares, moitas delas graves. Dores intensas de cabeza, conxuntivite e fotofobias anormais (intolerancia e temor á luz) débense á utilización de lentes de sol de mala calidade. A aparición de cataratas prematuras ou da dexeneración macular, enfermidade que afecta ao centro da retina, son outras das lesións oculares que calquera pode sufrir se non protexe os ollos correctamente.
As lentes de filtro cero absorben un 20% da luz solar. O cero utilízase para lugares de pouca luz, para o inverno ou para ceos moi cubertos. En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI