Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

^

Zapatos: deixan pegada na nosa saúde

O calzado debe ser cómodo, funcional e levar un tacón de non máis de catro centímetros. Camiñar con comodidade e coidar a columna, evitar lumbalxias e artroses vertebrais, os obxectivos

Os zapatos fetén

Amais de reparar no prezo e mais no deseño, cómpre tomar en consideración o tacón do calzado elixido. En realidade, abonda con se asegurar de que ten entre 2 e 4 centímetros, e de que, se o imos usar a miúdo ou durante moitas horas, non supere os 6 centímetros. A forma é outro dos elementos clave do zapato, xa que é a forma a que se debe adaptar á forma do pé e non ao revés. Se o pé non entra con facilidade no zapato, zapatilla ou bota, hai que descartar a súa compra. A sola e o contraforte, situados na parte posterior do zapato, tamén se deben ter en conta antes de elixir un calzado ou outro. A sola será resistente pero flexible, para permitir o correcto movemento de todas as articulacións do pé. O coiro e o caucho sintético son os materiais máis axeitados. O contraforte débese fabricar cun material menos flexible, para que suxeite ben o talón e para que proporcione a altura xusta: por baixo da articulación do nocello. E son importantes os amallós? Pois si, son convenientes, así como as presillas, lazadas ou fibelas na empeña, xa que, amais de amarraren mellor o pé, se adaptan con maior facilidade aos distintos tipos de pé. Non convén atar os amallós moi forte, xa que iso preme en exceso o pé e pode dificultar a circulación do sangue. Pero cómpre saber tamén que un exceso de folgura ao amalloar o calzado fai que, dun modo inconsciente, tendamos a suxeitar o zapato coas dedas e sobrecarguemos así a parte dianteira do pé.

De tendas, mellor ao final do día

É despois de acumular toda a actividade dunha xornada cando o pé se atopa máis dilatado, con maior volume. E é por iso que as horas finais do día son as máis adecuadas para probarmos os zapatos na tenda. Convén facelo co tipo de calcetín ou media co que se van usar. É moi normal que un pé sexa máis grande ca o outro, e por iso hai que probar os dous zapatos e non só un, como adoitamos facer. Se o talón queda ben calzado, o dedo gordo non monta nos demais e hai polo menos un centímetro de separación entre este e a costura do interior do zapato, ese modelo superaría a proba ergonómica.

Calzado infantil

  Os pés dos nenos precisan especial coidado e atención para asegurar un crecemento axeitado, para previr lesións e para reducir o risco de malformacións futuras. Ademais, un bo calzado contribúe a que a estrutura ósea se manteña equilibrada cando cheguen a adultos. Os pais non saben se o zapato é do tamaño adecuado cando o neno aínda non fala, e o seu pé medra de 7 a 8 milímetros cada tres meses. Se o neno adoita quitar o zapato ou chora a miúdo ao levalos postos, sinal de que lle mancan. Pódese comprobar se ten nos pés marcas de calcetíns, costuras ou fibelas, ou a pel colorada por presións inadecuadas. De ser o caso, habería que mudarlle os zapatiños ou zapatillas. Non sempre é fiable se guiar polos talles, xa que varían dunha marca a outra e tamén entre estilos de calzado.

Pés, para que vos quero?

Son os grandes esquecidos do corpo humano. Non se coidan como merecen e, por se fose pouco, en ocasións martirizámolos cun calzado inadecuado. Velaquí os problemas máis comúns que sofren os nosos pés, segundo o tipo de calzado:

  •   Bailarinas e zapatos extra planos: Teñen solas finas e flexibles que non proporcionan o soporte axeitado para o pé nin amortecen eficazmente o impacto das pisadas. O seu uso frecuente pode producir dor no tendón de Aquiles, contracturas, cambras e dor no arco plantar e no talón. É aconsellable non empregar este calzado para camiñar moito: mellor calzar un zapato con tacón de entre 2 e 4 cm. Non está de máis incorporar soletas específicas para absorber o impacto da pisada.
  •   Zapatos puntiagudos: A punteira estreita oprime os dedos, co risco de montaren uns sobre outros. A opresión empurra os bordos das uñas cara ao interior da pel e así aparecen a uñas encarnadas ou unlleiros. Co tempo, esa presión xera unha protuberancia ósea, o dedo de martelo.
  •   Tacóns altos: Dor nas plantas dos pés, nos dedos, xoanetes, calosidades, problemas lumbares... Os zapatos de tacón alto causan moitos e importantes problemas. Se ademais teñen tacóns finos, impiden que a pisada sexa firme e propician escordaduras no nocello e caídas, xa que o tacón se introduce máis facilmente no pavimento. O mellor é que non superen os 4 cm, pero se non nos resistimos a levalos, que non superen os 6-8 cm. Non se deben usar a miúdo e cómpre procurar utilizar unha almofada de xel ou de silicona para aliviar a presión na planta.
  •   Plataformas: Aínda que pola súa aparencia poida parecer o contrario, este tipo de sola non está preparada para absorber os impactos da pisada, de xeito que provocará dor nos xeonllos, na cadeira e nos cadrís.
  •   Zapatillas deportivas: Están deseñadas para facer deporte e son adecuadas para este uso, pero non para outros. Se se abusa das deportivas, os pés sométense a unha excesiva calor e humidade, o que causa hipersudoración, que, á súa vez, pode desencadear a aparición de fungos e infeccións. Convén alternar diferentes tipos de calzado e utilizar calcetíns de fibras naturais.
  •   Chanclas ou sandalias de dedo: O seu inconveniente é que apenas amortecen o impacto debido a que as súas solas son brandas, carecen de tacón e o o pé non está suxeito. Poden ocasionar escordaduras de nocello, rozaduras e bochas nos espazos entre dedos. Outro problema é que a pel dos talóns seca, morre e aumenta a presenza de calos nesa zona. Para evitar a súa aparición, convén utilizar as confeccionadas con material suave e cunha sola ríxida e consistente.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto