Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O calzado debe ser cómodo, funcional e levar un tacón de non máis de catro centímetros. Camiñar con comodidade e coidar a columna, evitar lumbalxias e artroses vertebrais, os obxectivos
Nin o corazón, nin o cerebro: no relativo á mecánica, o elemento máis complexo do corpo humano é o pé. Ou o que vén sendo o mesmo, unha excelsa obra de enxeñería composta por 26 ósos, 33 articulacións, 19 músculos e máis de 100 tendóns que o converten nun todoterreo que se dá adaptado a calquera superficie que pise e capaz de percorrer miles de quilómetros ao longo da nosa vida. Ao cabo do día, unha persoa dá de media entre 8.000 e 10.000 pasos, o que nun ano supón máis de 3 millóns de pasos. Pois ben, a maneira de dar eses pasos ten unha grande importancia para a saúde. Porque alén de nos servir para nos movermos dun lugar a outro, os pés soportan o peso do corpo e fano de xeito que constitúen o seu principal punto de apoio. Ninguén podería discutir, chegados aquí, que os pés merecen un pouco máis de atención da que reciben, e non só no verán, para poder lucir sandalias ou chancletas, senón todo o ano. A Asociación Española de Medicina e Cirurxía do Pé asegura que un 70% da poboación padece en España algunha enfermidade podal, prognóstico que amplían os laboratorios Cinfa, que estiman que o 85% dos españois sofre polo menos unha vez na vida problemas nos pés. Un calzado axeitado é o primeiro paso para evitalos.
Deixamos ás veces que a mera estética, seguir os patróns da moda e o prezo competitivo pesen demasiado na compra do calzado, e esquecemos dous aspectos esenciais, moi obvios: a funcionalidade, é dicir, que sirvan para o propósito pensado, xa que non é o mesmo un zapato de chuvia ca un para o bo tempo; e a comodidade, é dicir, que sexan bos de levar e que non fagan dano. Rozaduras, unlleiros, xoanetes e calosidades son as repercusións máis comúns e visibles de calzar un zapato inadecuado. Pero non só sofren os pés: a columna, a cadeira, os xeonllos e mais as articulacións padecen tanto ou máis ca os pés as consecuencias de utilizar calzado moi axustado, pequeno, con tacóns elevados ou de mala calidade.
"Encántanme os tacóns, síntome máis segura e máis atractiva levándoos". Si, o zapato, amais da súa función primaria, cumpre outras funcións, de carácter estético e simbólico, se ben case o mesmo se pode dicir de boa parte dos artigos de consumo. E o tacón alto é o exemplo por antonomasia, malia prexudicar a saúde de quen o calza con frecuencia. A distribución do peso cambia: canto máis alto é o tacón, máis se carga a zona dianteira. Ademais, é frecuente que o zapato de tacón alto sexa aberto e de empeña baixa, o que fai que moitas mulleres elixan un talle máis pequeno do habitual co fin de que "non baile" o pé. O zapato fíxase mellor, sen dúbida, pero ao apertar tanto aumenta a presión que reciben os pés. Esta irregular distribución dos esforzos do pé orixina, ademais, unha sobrecarga no antepé, ao que hai que engadir unlleiros, xoanetes e dores na planta do pé. Pero, aínda así, o prexuízo máis grave causado polos zapatos de moito tacón é que os xeonllos e as cadeiras se articulan en semiflexión e cando se intenta manter estática a columna prodúcese unha forte lordose (excesiva curvatura de corpo) que derivará co paso do tempo en lumbalxias e artroses vertebrais. Tampouco no outro extremo, os zapatos de todo planos, está a solución. As hoxe case imprescindibles bailarinas propician cambras, dores musculares e contracturas pola súa nula elevación sobre o chan.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI