Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Internet ábrese paso no móbil

O acceso dende os teléfonos móbiles ás redes de datos propiciou un novo xeito de entender a comunicación baseada na comodidade, facilidade de uso e omnipresencia na Rede

  A paisaxe urbana está inzada e tecnoloxía móbil. Absortos cos seus auriculares nas orellas, os adolescentes, a xente nova e os adultos de toda condición, e ata os rapaces e mais os vellos, forman parte dunha estampa clásica nas rúas e nos transportes públicos. O seu ritmo márcao o son que emiten os reprodutores de MP3. Non obstante, agora tómalles o relevo unha nova raza de viandantes e de usuarios do metro e do autobús: os conectados á Rede co teléfono.

O trazo máis salientable desta nova especie é que viaxan sen despegaren a vista da pantalla, xa sexa porque consultan o correo, porque len as novas dos medios online, porque escriben nas redes sociais ou porque realizan calquera outra acción. Malia a non se atoparen xa diante do ordenador, estes usuarios acceden a Internet en calquera intre e dende calquera lugar polas redes celulares.

Móbiles enriquecidos

O modelo de comunicación móbil transfórmase. Para comezar, require dispositivos capaces de navegar pola Rede e de amosar as páxinas web. Son os chamados smartphones, é dicir, teléfonos intelixentes. Entre as súas características, sobresae a súa capacidade para se serviren de aplicacións informáticas que multiplican as súas funcións. Estes programas, creados por desenvolvedores independentes, almacénanse nas tendas que os fabricantes de aparellos abriron en Internet para, dende alí, descargalos no dispositivo.

Cada fabricante ten a súa propia tenda coas máis variadas aplicacións, tanto gratuítas como de pagamento, que converten o móbil nun auténtico ordenador andante. Calendarios, xestores de correo electrónico, prognósticos do tempo, axudas para deixar de fumar ou para controlar a saúde, programas para manexar as páxinas de Twitter e Facebook do usuario... as aplicacións cóntanse por milleiros. E no caso do famoso iPhone de Apple, o apropiado é falar de centos de miles.

O teléfono pasa a converterse na conxunción de todas as ferramentas tecnolóxicas que pode precisar unha persoa: grava e amosa vídeos, almacena e reproduce cancións, permite ler e redactar documentos, lembra as citas e encargos pendentes, posibilita consultar o correo electrónico, fai fotografías, deixa escoitar a radio e ata guía o usuario polas rutas máis rápidas, xa que estes móbiles dispoñen polo xeral de GPS.

Tanto é así que nun prazo de cinco anos falar por teléfono será unha prestación illada en comparación co total das operacións dispoñibles. Nos usuarios que xa contan cun smartphone do tipo Blackberry, iPhone, ou os que funcionan co sistema operativo Android (creado por Google), esta previsión é xa unha realidade.

Xeolocalizados en tempo real

As aplicacións relacionadas coa posición do usuario permiten, sempre que o teléfono inclúa un navegador GPS, situalo con exactitude e combinar as súas coordenadas cos datos dispoñibles na Rede. A partir da devandita posición pódese dar información de calquera servizo próximo que se precise: farmacias, restaurantes, tendas de roupa, museos, paradas de metro, etc.

É o que se coñece como "xeolocalización", e non só é interesante para realizar buscas de servizos, senón que tamén pode xerar un novo negocio publicitario, dado que permite segmentar as ofertas en función do lugar polo que pase o usuario. Se pasa por diante dunha tenda de roupa, podería informalo das ofertas especiais que haxa no interior.

Cando o teléfono incorpore compás, as súas habilidades entrarán case no terreo da ciencia ficción, xa que dará amosado información nunha "realidade aumentada". Esta tecnoloxía implica que se se enfoca a cámara do smartphone cara a un determinado punto, o compás detectará o norte magnético, o GPS fixará a posición e a Rede achegará a información asociada: hoteis, museos, restaurantes, etc. Se move o enfoque, a información da pantalla mudará e aparecerá outra asociada ao novo punto de mira.

Camiño, difícil, ao 4 G

Malia ás infinitas funcionalidades destes aparellos, o camiño que resta por percorrer para que o acceso web dende o móbil sexa xeneralizado non é doado. Os smartphones son nestes momentos demasiado caros para o seu público obxectivo, a xente nova. O smartphone máis barato rolda os 300-400 euros e o máis caro os 700 euros (se están asociados a un contrato, o prezo redúcese de xeito considerable).

Aínda así, os diferentes operadores ofrecen tarifas planas de acceso á Rede cada vez máis baratas. As ofertas varían segundo a compañía e o modelo de teléfono, pero a maioría van dos 12 euros aos 20 euros ao mes. Agora ben, cómpre ler con atención a letra pequena das tarifas planas, posto que en ocasións implican unha cantidade limitada de datos descargados ao mes. Ao se superar, ou ben se reduce de xeito drástico a velocidade de acceso, ou ben se fixa un pagamento adicional por cada megabyte descargado. Por suposto, coas actuais tarifas de roaming convén evitar o acceso á Rede móbil no estranxeiro: sae moi caro.

O ancho de banda que se proporciona, tanto para enviar como para recibir datos, é cada vez maior. O futuro son as redes 4 G, ou LTE, coas que o teléfono sempre estará conectado á Rede, e non só cando o solicite o usuario, cun ancho de banda superior aos 100 megabits por segundo. Con todo, a esta tecnoloxía levaralle un tempo chegar a España, xa que implica numerosos investimentos en infraestruturas. Mentres que xa se aplica nalgúns países escandinavos como Noruega e Suecia, as operadoras de referencia españolas (Telefónica, Vodafone e Orange) alegan que a súa rendibilidade non está asegurada polo momento.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto