Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Hipertensión arterial, isquemia cerebral e aumento do risco de sufrir un ataque cardíaco son algunhas das consecuencias de abusar deste condimento
A primeira medida para reducirmos o consumo de sal pode ser "cortarse" co saleiro no momento de aliñar e condimentar a comida. Claro que conscientes de que máis do 70% do condimento que inxerimos procede de alimentos xa procesados fóra do fogar resulta insuficiente afastar unicamente o saleiro da mesa.
O sal, tanto o de orixe mariña como o que provén de depósitos subterráneos, contén sodio e cloro. E o sodio que achega un consumo excesivo de sal é precisamente o culpable de todos os males asociados.
A maioría dos alimentos frescos non o conteñen, aínda que as vísceras ou o marisco o proporcionan de maneira natural. A comida xa procesada incorpora sal para realzar o sabor dos alimentos e para conservalos. Non obstante, a industria alimentaria engádelles tamén aos seus produtos outras substancias que conteñen sodio, como os aditivos, os espesantes, xelificantes ou edulcorantes. Antes de mercarmos estes alimentos xa elaborados, que non só se reducen a produtos precociñados, senón que tamén inclúen calquera alimento que non sexa fresco, convén comprobar canto sal conteñen. Algo moi sinxelo de facer se este dato figurase na súa lista de ingredientes ou na información nutricional. Agora ben, é habitual que as etiquetaxes non inclúan a cantidade de sodio ou sal que achega un produto, xa que aínda non existe obriga de informar diso, salvo cando os alimentos pertencen á categoría "baixo en sal".
Os alimentos considerados altos en sodio son os que rexistran máis de 500 mg por cada 100 g de alimento ou, o que é o mesmo, un 1,3% de sal. Polo tanto, quen se vexa obrigado a seguir unha dieta baixa en sodio debe evitar consumir de xeito continuado alimentos precociñados, embutidos e calquera modalidade de comida rápida. Esta moderación faise extensible ás persoas sas para evitar futuros problemas de saúde.
Unha recente análise comparativa de EROSKI CONSUMER comprobou a cantidade de sal que contiñan 64 alimentos procesados, entre os que se atopaban embutidos, diferentes pans, conservas, solubles de cacao, galletas, produtos de aperitivo e distintos produtos precociñados. Os resultados colocaron as anchoas en conserva, os paquetes de xamón curado, as salchichas e os chourizos como os alimentos procesados con máis sal. De feito, superaron folgadamente a cantidade de sodio recomendada. Seguíanos as olivas, o kétchup, os queixos curados, as patacas fritidas, os cereais e mais o queixo en rebandas.
Curiosamente, un dos produtos máis temidos pola súa suposta excesiva achega de sal, a sopa de sobre, foi o alimento procesado menos salgado da análise. Outros sobre os que a sombra do sal non se adoita pender e que forman parte da dieta habitual de moitas persoas resultaron ter altas achegas de sodio, tamén por riba das cantidades recomendadas. Foi o caso dos cereais de almorzo, do kétchup, do paté e do xamón cocido.
Todos, sen excepción, deberían controlar a inxestión de sal, en especial quen padece hipertensión ou maior risco de problemas cardiovasculares. O gusto polo sal é adquirido e, por iso, é completamente posible modificalo e educalo. A medida que se inxire menos sal, a preferencia polo salgado tamén diminúe. Para iso, poden servir as seguintes suxestións:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI