Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

Λ

Sal da miña vida

Hipertensión arterial, isquemia cerebral e aumento do risco de sufrir un ataque cardíaco son algunhas das consecuencias de abusar deste condimento

  Alegrar a comida a golpe de saleiro é un xesto tan cotián e popular como o de beliscar o pan antes de xantar. Nin pementa, nin especias nin herbas aromáticas. O sal é o condimento estrela. Un chisco para aliñar a ensalada, outro para aumentar o sabor dun guiso, un máis para potenciar o gusto dun filete... E así ata chegar aos 9,7 gramos de sal que, segundo un recente estudo da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) no que se analizan 1.200 alimentos para saber cal é o seu contido en sal, consumen de media cada día os españois, practicamente o dobre dos cinco gramos recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Só o 25% do sal que se toma procede do saleiro das nosas cociñas, o resto provén de alimentos non frescos, senón procesados fóra do fogar como latas de conserva, produtos precociñados, embutidos... É o que se coñece como "sal oculto", xa que o comensal descoñece a cantidade exacta de condimento que inxire nestes pratos. O problema é que o exceso de sal continuado na dieta pasa factura. A relación entre o seu consumo elevado e un maior risco de sufrir hipertensión arterial está de sobra probada por numerosos estudos e ensaios clínicos. E isto si que nos debería preocupar; cada ano falecen en España unhas 124.000 persoas por enfermidades cardiovasculares, das que o 5% están directamente relacionadas coa hipertensión.

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) estima que a redución da inxestión deste condimento á metade podería evitar milleiros de mortes cada ano. Agora o 33% das mortes acontecidas en España atribúense ás enfermidades cardiovasculares -123.867 falecementos no 2004-. Unha de cada tres persoas padece hipertensión arterial, proporción que aumenta a 2 de cada 3 en maiores de 65 anos. E con só reducir o consumo de sal poderían evitarse milleiros de falecementos cada ano. Polo tanto, non hai dúbida de que o sal dá sabor pero tamén resta anos de vida. Por iso, os expertos en saúde e nutrición de EROSKI CONSUMER recomendan revisar certos hábitos culinarios co fin de reducir o consumo deste condimento e proporcionan as claves que orientan sobre os alimentos procesados que máis sal conteñen. O positivo é que nesta particular cruzada contra o sal hai algo ao noso favor: o sentido do gusto co tempo acaba afacéndose. Co tempo, a sensación de que a comida sen tanto sal resulta insípida desaparece.

Os perigos de salgar de máis

  As persoas adultas conteñen de maneira natural no organismo entre 250 e 300 gramos de sal. Cando nun determinado momento nos excedemos co sal ao comermos vinte olivas, unha lata enteira de anchoas ou un bo cacho de xamón curado, este exceso non transcende dun modo inmediato na saúde, xa que en condicións normais o superávit de sal é eliminado doadamente polo organismo. Non obstante, se o abuso se realiza a miúdo ou ben o organismo non dá eliminado ese exceso -circunstancias que coinciden en moitas persoas-, as consecuencias poden chegar a ser moi graves para a saúde. Amais da hipertensión arterial, un consumo excesivo e prolongado do sal asóciase tamén cun risco maior de sufrir infartos cardíacos ou unha isquemia cerebral.

A retención de auga, co conseguinte aumento de peso e coa esixencia que lle deriva ao corazón, ao fígado e aos riles de manexar maior volume de líquido e de traballar por riba das súas posibilidades é outra das consecuencias de inxerir sal en exceso. E non só iso. Fumadores, diabéticos e obesos ven agravada calquera disfunción do seu organismo se non coidan que a inxestión do condimento sexa a axeitada. Ademais, o seu consumo excesivo asociouse tamén a enfermidades tan graves como a isquemia cerebral ou ictus -é a primeira causa de mortalidade na muller española, con máis de 19.000 falecementos ao ano e a segunda causa de morte en España, con 125.000 persoas afectadas cada ano, das que 80.000 falecen ou quedan minusválidas- e o cancro de estómago e a osteoporose, xa que unha alta inxestión de sal aumenta a excreción de calcio polos ouriños, o que favorece a desmineralización do óso.

Agora ben, reducirmos o consumo de sal na nosa dieta non debe significar rematarmos drasticamente con el. O organismo precisa do sal, pero na súa xusta medida. As razóns? Este mineral axuda a manter o nivel de líquidos corporais, permite a transmisión de impulsos nerviosos, a actividade muscular e a axeitada absorción de potasio. Tamén facilita a dixestión e compensa as perdas orixinadas polo exceso de suor, vómitos e diarreas. Nos adultos, a cantidade de sal diario recomendado non debe superar os 5 gramos ao día, 3 gramos nos nenos menores de 7 anos e 4 gramos para os que se atopan entre os 7 e os 10 anos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto