Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Úlceras por presión: Unha epidemia baixo as sabas

Case 100.000 persoas padecen en España os efectos das úlceras por presión, un problema de saúde pública, silandeiro, ao que practicamente non se lle pon atención

  "Unha epidemia baixo as sabas". Así describía a enfermeira británica Pam Hibbs en 1987 os efectos das úlceras por presión. Esta definición segue vixente hoxe. As úlceras son lesións que afectan a partes da pel: os seus tecidos esgázanse e morren, ata o punto de que, en ocasións, os ósos se fan visibles. Estas úlceras prodúcense pola presión do corpo mantida ao longo do tempo sobre unha superficie, froito do esmagamento dos tecidos, e en pacientes de mobilidade reducida ou inmóbiles, como os lesionados medulares, os vellos e os grandes dependentes.

Cando se moven sen despegalos do leito ou do sofá no que botan longas horas, prodúcense unhas forzas de rozamento que tamén favorecen o desenvolvemento destas feridas. Ademais, hai outro ingrediente que acompaña a vellez, a incontinencia de ouriños ou de feces, que torna os anciáns máis fráxiles e menos resistentes a todas as forzas mecánicas descritas.

Un proceso de grande impacto

O impacto epidemiolóxico das úlceras é moi rechamante. En España hai entre 60.000 e 90.000 afectados por, polo menos, unha úlcera por presión e o 85% deles teñen máis de 65 anos, aínda que tamén poden aparecer en pacientes novos e nenos, segundo o Grupo Nacional para o Estudo e Asesoramento en Úlceras por Presión e Feridas Crónicas (Gneaupp), que dirixe José Javier Soldevilla.

As úlceras por presión son moito máis ca un dano colateral de permanecer encamado: son dolorosas -salvo para os lesionados medulares-, teñen un grande impacto na calidade de vida dos que as padecen, poden derivar en complicacións infecciosas e elevan entre catro e seis veces máis o risco de morrer fronte a quen non as sofre.

Os afectados morren con e por úlceras por presión. Así o demostrou un estudo no ano 2003 sobre o rexistro de defuncións, do profesor José Verdú, publicado na revista "Gerokomos".

O mellor tratamento: previr

O drama destas úlceras é que son irreversibles. Unha mancha avermellada na pel nunha prominencia ósea é un sinal inequívoco da súa inminente aparición e, cando estas se fan visibles, pode ser demasiado tarde. Por este motivo, o mellor tratamento é a prevención, que permite evitalas no 95% dos casos e que se basea nos seguintes coidados continuados:

A MOBILIZACIÓN. A inmobilidade é unha das causas do seu desenvolvemento e, polo tanto, débese invitar o paciente a moverse de maneira autónoma, se pode, ou mudalo de postura cada dúas ou tres horas e, se está sentado, cada hora.

AS SUPERFICIES ESPECIAIS. Superficies ou colchóns especiais melloran a presión corporal sobre elas. Poden ser estáticas ou dinámicas; neste último caso, as celas que forman parte dos colchóns vanse inchando de xeito alterno para ir variando os puntos de apoio do corpo.

  COIDADOS DE HIXIENE. A hixiene dos pacientes con risco de úlceras por presión debe ser exquisita, complementarse con coidados de hidratación da pel, para facela máis resistente, e extremarse se coinciden a incontinencia urinaria ou fecal. Hoxe existen unhas cremas con ácidos graxos hiperosixenados que melloran a hidratación e que contrarrestan a falta de rega sanguínea das zonas baixo presión, que actúan contra as lesións incipientes froito do esmagamento, e os produtos de barreira que combaten o exceso de humidade e suor.

COIDADOS NUTRICIONAIS. A nutrición é outra peza fundamental na prevención das úlceras. Debe ser adecuada en macronutrientes, aumentando o contido de proteínas, e en oligoalimentos.

APOIO DE PERSOAL SANITARIO. Os coidadores de pacientes inmóbiles poden solicitar o apoio de enfermeiras expertas en avaliar o risco de úlceras por presión e actuar en consecuencia. En España, actualmente hai tres escalas validadas para utilizalas que permiten calcular este risco, en función da situación de cada paciente (valorando a perda de peso, a nutrición, a incontinencia, entre outras). Son as escalas de Braden, Norton e Emina.

Consecuencias e curas

A prevención é un acto de fe, xa que os seus resultados non se ven, pero si o seu fracaso. As úlceras por presión, que tardan en pechar, están expostas aos xermes do ambiente, polo que é doado que se sobreinfecten. As curas, a miúdo, son dolorosas: hai que limpar ben e retirar o tecido morto ou non viable. Non obstante, nos últimos anos melloraron coa administración de anestésicos locais, de ansiolíticos e co concepto de curas en ambiente húmido. Este consiste en aplicar produtos tópicos que impiden que as feridas se resequen (proporcionan a humidade e a temperatura axeitada para as células implicadas no proceso de cicatrización), que controlan a hemorraxia, eliminan substancias estrañas así como o tecido desvitalizado, protexen de traumatismos e xermes e resultan máis confortables para os pacientes xa que diminúen a dor.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto