Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Dunha soa ollada permiten comparar ofertas de contas correntes, hipotecas, depósitos, seguros e outros produtos financeiros
A crise fulminou a compra á primeira vista. O consumidor prefire investir tempo e esforzo en comparar varios prezos co aforro como meta. Se iso sucede nos gastos rutineiros, que dicir de decisións como a contratación de seguros ou da propia hipoteca. Internet converteuse na canle idónea para ver dunha ollada cales son as mellores ofertas en prezo, servizos, coberturas e comisións de produtos tan variados como contas correntes, depósitos, empréstitos e seguros de todo tipo. O seu principal reclamo é que son gratuítos e permiten ver en poucos segundos un cadro comparativo coas ofertas máis interesantes para o usuario. Son unha guía orientativa para o cliente, pero sen perder de vista que non abranguen o 100% das entidades do mercado, co que os resultados, en ocasións, poden ser parciais.
Bankimia.com, elsuperdeldinero.es, iahorro.com ou elcomparador.com son algúns dos "rastreadores" financeiros que ofrecen comparativas sobre contas, depósitos a prazo ou hipotecas. No eido dos seguros, Segurosbroker, lapoliza.com, Arpem, Asesorseguros e Rastreator son só algúns dos máis coñecidos.
A súa principal característica é que permiten comparar de xeito rápido, gratuíto e ben sinxelo os principais instrumentos de aforro do mercado. Son unha guía útil para localizar os produtos máis interesantes nun momento no que a guerra de prezos e a competencia entre entidades financeiras é moi forte.
O usuario só ten que decidir que categoría quere consultar e a continuación despregarase unha clasificación encabezada polos produtos que ofrecen maior rendibilidade ou mellor prezo. Ademais, as comparativas complétanse con información sobre condicións de vinculación e outras esixencias, comisións...
Nos seguros, os comparadores ofrecen listaxes nas que unha mesma póliza pode ser ata un 50% máis cara nunhas entidades ca noutras. Nos produtos financeiros, en contas correntes pódense atopar ofertas con rendibilidade de entre o 1 e o 3,5%, unha diferenza salientable.
As súas peculiaridades e o seu funcionamento, así e todo, difiren segundo se trate dun comparador de produtos financeiros ou de seguros.
Os comparadores de produtos financeiros, como Bankimia ou elsuperdeldinero.es, están especializados en ofrecer comparativas sobre instrumentos bancarios, como contas correntes, depósitos ou hipotecas. O internauta só ten que escoller a categoría que lle interesa e en breves segundos despregarase unha listaxe coa clasificación dos produtos máis atractivos do mercado.
Nas contas e depósitos, os comparadores son útiles porque permiten ver que entidades comercializan os produtos con maior xuro. Ademais, despregan varias categorías: contas correntes, contas nómina e contas de aforro. Outro punto de valor engadido é que estes comparadores complétanse coas características de vinculación e comisións que aplican as entidades.
No eido das hipotecas, o criterio é o tipo de xuro aplicado. O usuario pode visualizar así as hipotecas máis competitivas e coas que o usuario terá que pagar cotas máis baixas. Ademais, nalgúns casos, como Bankimia, as posibilidades de elección son moi variadas: este comparador permite consultas máis específicas: hipotecas para xente nova, hipotecas ponte, que financian o 100%, para pagar menos ao comezo, a xuro fixo, 40 anos, a 50 anos, con carencia, subrogación...
Se o que o usuario busca é o axente de bolsa máis barato, estes comparadores tamén son útiles. En iahorro.com, por exemplo, permiten consultar os intermediarios bolsistas que cobran comisións de compravenda de valores máis baixas.
No caso dos seguros, os comparadores pódense dividir en dous grupos. Por unha banda, os que funcionan como corretaxes de seguros, como Segurosbroker e lapoliza.com. Amais de daren os servizos do comparador, permiten contratar on-line a póliza elixida polo cliente. Por outra banda, páxinas web como as de Arpem e Rastreator, que se limitan a ofrecer datos comparativos de prezos e coberturas das entidades, pero non permiten contratar os seguros por medio das súas páxinas web.
Os primeiros rastreadores creáronse co obxectivo de despregar comparativas exclusivas sobre pólizas de automóbil. Pero a oferta foise incrementando de xeito paulatino. Na actualidade pódense comparar prezos sobre seguros de auto, moto, fogar, vida, saúde, maquinaria agrícola, comunidades de veciños, decesos e ata de animais de compañía.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI