Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Préstamos sen bancos

O recurso á familia, aos amigos ou a outros particulares como vía de financiamento aforra xuros, pero a confianza non debe ser a única garantía de devolución

  A maiores restricións, menos non pagamentos. Este é o argumento que xustifica o crecente endurecemento das condicións crediticias ao consumo relativas a prazos de devolución e garantías, segundo apunta a Enquisa sobre Empréstitos Bancarios de outubro do 2009. As entidades argumentan que é a única alternativa para minimizar o impacto da morosidade sobre as súas contas de resultados. Ante o peche desta vía de financiamento, cobra forza o recurso aos empréstitos entre particulares. Solicitarlle cartos á familia segue a ser no noso país unha fórmula moi utilizada, en especial entre os máis novos, para saír dun apuro ou para afrontar con menos angustias a adquisición do coche ou o pagamento das necesidades imprevistas do seu novo fogar. Non é o mesmo deberlles cartos aos pais ca ao banco. E, polo xeral, os familiares prefiren prestar unha pequena, ou non tan pequena, cantidade de diñeiro que avalar o interesado ante o banco.

Outra formula alternativa á banca tradicional, e nova en España, é o P2P, prestamos entre particulares xestionados por portais en Internet.

< ladillo>É preferible prestarlle cartos a un fillo que avalar o seu empréstito bancario?

  Non hai unha resposta única a esta cuestión, hai que tomar decisións baseándose no importe do empréstito, se se pode ou non prestar diñeiro sen lle causar prexuízo á propia economía doméstica, atendendo ás circunstancias económicas, laborais, cargas familiares, etc., do que presta e tamén do que recibe. O aval ten a vantaxe de que o familiar avalista non achega ningunha cantidade de diñeiro do seu peto e se o fillo ou o familiar aboa as cotas co banco, non pasa nada. Pero se non pode pagar o banco recorrerá ao avalista, que para iso está. Neste suposto, o avalista, amais de ter que responder cos seus bens, atoparase con gastos engadidos e con xuros ocasionados por demora e por unha serie de tramitacións.

Un préstamo a un familiar hai que o facer perante notario?

Pódese facer perante notario ou nun documento privado, a elección das partes, pero é recomendable sempre non caer na informalidade de non o documentar de xeito ningún, como, por outro lado, acontece a miúdo. Como en moitas ocasións este tipo de empréstitos se acorda sen xuros, as familias non cumpren máis formalidades ca a entrega e o acordo verbal. E isto, co tempo, pódese tornar nun erro. Hai que asegurar a devolución dos cartos prestados e evitar desavinzas futuras na familia, particularmente para os supostos de falecementos e herdanzas.

Que é mellor, ante notario ou en documento privado?

O documento privado é máis económico, non hai que aboar custas notariais e é suficiente, sobre todo para pequenos importes. Agora ben, hai que ser claro ao redactalo, fixar os prazos para a devolución e as garantías que se establezan, de ser o caso. Por outra banda, o notario achégalles máis información ás partes sobre a operación. Ambas as dúas formas son legais, polo que non hai que ir ao notario para revestilo de legalidade.

Daquela, non hai diferenza?

Si, si a hai, especialmente no caso de non pagamento e da súa reclamación xudicial. A diferenza fundamental é que o documento público representa unha proba plena nun xuízo do seu contido, da súa data e da identidade das partes, mentres que os documentos privados só supoñen unha proba plena cando a súa autenticidade -as sinaturas- non sexa impugnada ou cuestionada pola parte que se vexa prexudicada. Para reducir este risco interesa que á sinatura do documento privado asistan testemuñas e mesmo que asinen en calidade de tales. Ou facelo ante notario, para maior seguridade.

Hai que lle pagar a Facenda?

Por pedir un empréstito, ben sexa a un familiar ou a un banco, non se pagan impostos, pero cando un particular lle solicita un empréstito ao banco, Facenda pode coñecer cal é a orixe dos cartos. Se o préstamo é familiar e a cantidade é elevada, Facenda pode apreciar movementos de diñeiro non xustificados que non se corresponden cos ingresos habituais. Por iso, é conveniente facelo constar en Facenda. É un trámite moi sinxelo do que informan nas axencias tributarias.

Hai que o facer constar en Facenda aínda que non haxa xuros?

Máis aínda, porque ademais podería entenderse que houbo unha doazón e polas doazóns si que hai que declarar e, no seu caso, pagar, o imposto de doazóns. Por iso, o mellor é evitar malentendidos.

Cales son as obrigas nestes préstamos?

As que regula o Código Civil nos artigos 1.740, 1.753 a 1.757 e no art. 1.170: devolver os cartos, con xuros se así se acordou. O Código Civil di que non se deberán xuros máis que de se pactaren expresamente.

Se se lle prestan cartos a un familiar, por exemplo a un curmán, e falece, como se recuperan os cartos?

Os herdeiros asumen a débeda, porque tamén se herdan as débedas. Este é outro motivo para documentar os préstamos a familiares. A débeda aboaríase coa propia herdanza, aínda que se o pasivo, as débedas, é superior ao activo, bens e diñeiro, os herdeiros aceptarían probablemente a herdanza a beneficio de inventario e pagaríase só ata onde cubran os bens da herdanza.

Que é un empréstito P2P?

P2P son as siglas da expresión inglesa 'peer-to-peer'. Son operacións de empréstito "persoa a persoa" entre particulares que se xestionan a través de plataformas exclusivamente en Internet sen bancos nin entidades financeiras. En España é de moi recente implantación, funciona unha dende este ano e polo de agora con escaso volume, pero xa está operativo. Trátase dunha nova fonte de financiamento para particulares e, para os prestamistas, é un sistema de rendibilizar os seus aforros. Os custos e xuros son máis baixos ca no mercado financeiro e o particular que pon os seus cartos pode obter unha rendibilidade maior polo seu diñeiro. Os dous saen beneficiados e sen acudir ao banco, aínda que ambos os dous haberán de lle pagar unha comisión ao portal de Internet.

Como funciona?

  Esta alternativa funciona cun sistema de poxa. As contías dos empréstitos están limitadas, non é posible acceder a prestamos superiores ao tope fixado (sobre os 15.000 euros) e a empresa xestora encárgase de estudar a solvencia dos que piden o empréstito e dos aspectos burocráticos e legais, como a solicitude da documentación (nóminas, copia do DNI, etc.) e da xestión de pagamentos mensuais. Consultan nas listas de morosos da asociación nacional de establecementos financeiros de crédito e din admitir só aos solicitantes cun grao de risco axeitado.

É seguro para o que presta?

A confianza é un dos principais problemas, pola súa novidade e porque en caso de non pagamento, a plataforma non asume a responsabilidade de pagamento, claro está, aínda que si se pode encargar da reclamación do pagamento a través de xestoras de cobramentos. Ademais, estas plataformas, ao non concederen créditos -o seu labor é intermediar entre particulares-, non están suxeitas á regulación do Banco de España. O prestamista debe coñecer moi ben os riscos, as propias plataformas aconsellan "non investir" nunha soa solicitude senón repartir os seus cartos en pequenas contías entre varias solicitudes de empréstitos para reducir os riscos de morosidade. En definitiva, o bo fin da operación non está asegurado.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto