Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Verteduras no mar: Illas de lixo e plástico

O crecente volume de refugallos de plástico vertidos ao mar pon en perigo a supervivencia dos peixes, o seu crecemento e a súa alimentación, o que podería repercutir na cadea alimentaria

  O mar é o último gran colector no que se mesturan os refugallos, moitos deles plásticos, que por unha razón ou por outra eludiron o seu destino prefixado. Recipientes ou bolsas que deberían formar parte do proceso de reciclaxe forman no mar grandes illas de lixo que perturban o ecosistema. O problema adquiriu un cariz novo dende que se descubriu que as grandes correntes oceánicas, coñecidas como xiros, arrastran os lixos ata acumularen grandes extensións de residuos, fundamentalmente plásticos. O primeiro achado detectouse hai 12 anos, cando se descubriu unha grande illa de plásticos no Xiro Central do Pacífico Norte. Trátase dunha gran corrente oceánica que circula no sentido das agullas do reloxo e que forma unha espiral lenta entre a costa oeste de Norteamérica e as costas de Xapón. E o lixo que entra nese inmenso remuíño queda atrapado.

Boa parte destes residuos son pequenas partículas de plástico que, coma se fosen confeti, se mesturan co zooplancto, de xeito que os peixes os inxiren xunto co plancto. O inconveniente é que moitos contaminantes que non se disolven na auga (como os PCB ou o DDT) poden ser absorbidos polos plásticos que, á súa vez, son inxeridos polos peixes e, a través deles, entrarían na cadea alimentaria.

Un problema que medra

  Esta illa de lixo, tamén coñecida como sopa de plástico, non é visible dende avións ou satélites, xa que boa parte dos refugallos se atopan baixo a superficie do mar, razón pola que as estimacións do seu tamaño varían; dende os 700.000 quilómetros cadrados ata os 15 millóns de quilómetros cadrados, dúas veces o tamaño dos Estados Unidos. Varios datos dan conta do seu impacto.

En 1999 un estudo realizado pola fundación Algalita, fundada polo descubridor da illa de lixo, revelou que había máis de 334.000 anacos de plástico flotante por cada quilómetro cadrado de océano e rexistrou seis quilogramos de plástico por cada un de plancto, o alimento básico de moitos dos organismos mariños. Descubriuse ademais que numerosos peixes tiñan plástico nos seus estómagos: un exemplar de Medregal inxerira ata 84 pezas de plástico no seu estómago. E unha expedición realizada por un xornalista hai uns poucos meses, financiada en parte por cidadáns a través de Spot.us, descubriu que as mostras de auga transportaban dúas veces máis residuos plásticos ca en 1999.

Pero, de onde proceden os residuos? Estimouse que o 20% do que se atopa no mar provén dos residuos desbotados por barcos, e o resto das costas. No mundo prodúcense 100 millóns de toneladas de plástico cada ano e delas arredor do 10% acaban no mar. A produción de plástico iniciouse a grande escala na década dos 50, así que todo o plástico acumulado na natureza comezou hai 50 anos. Se se ten en conta que este material pode durar centos de anos, adivíñanse as dimensións que pode alcanzar o problema se non se lle pon freo.

No tocante ás partículas de plástico tipo confeti, os tamaños varían: dende as de máis de 5 milímetros de diámetro ata as micropartículas. A súa orixe son pezas de plástico fragmentadas, pero tamén as micropartículas de polietileno que incorporan algúns xabóns faciais e corporais con efecto exfoliante. Traballos moi recentes, como o publicado o pasado mes de agosto na revista Marine Pollution Bulletin e realizado por investigadores de Nova Zelandia, alertan dese risco crecente. Esas partículas que se incorporan aos produtos cosméticos, que poden ser do tamaño de menos de 100 microns (ou de menos de 0,1 mm de diámetro), non son retidas polas plantas depuradoras e acaban no océano, cunha gran probabilidade de seren inxeridas polos peixes.

No ano 2004, un traballo da Universidade de Plymouth (Reino Unido) estudou as mostras de auga e de sedimentos de 18 rexións da costa británica, así como o plancto e os organismos recollidos en Escocia e Islandia. Todas as mostras contiñan fragmentos microscópicos de plásticos, incluíndo nailon, polietileno e poliéster. As partículas máis pequenas que podían detectar eran de 20 microns de diámetro (0,02 mm), polo que era posible que ata houbese partículas máis pequenas que non se observaron.

Agora ben, aínda non se avaliou en profundidade ata onde alcanza o dano deses plásticos no ecosistema. "Os plásticos en si non son tóxicos", dicía un dos investigadores de Plymouth. O problema é que se descoñece se poden causar dano a longo prazo nos animais que os consumen. A inquietude céntrase en se eses plásticos incorporan ou están recubertos doutros compostos químicos tóxicos. Ademais, hai outros riscos coñecidos: tense conciencia do perigo de inanición que corren os organismos se parte do seu alimento se ve substituído por un nada nutricional plástico, do risco de asfixia se os plásticos bloquean as vías respiratorias, ou do risco de malformación se os plásticos ou outros materiais quedan encaixados no animal, que medra de xeito deficiente co elemento alleo incorporado.

En busca dun remedio

  Hai probas abondas para crer que a illa de plástico no Xiro Central do Pacífico Norte non é a única. Simplemente, é a única que ata agora se puido ver de preto e tocar. Pero o número podería aumentar xa que hai ata dez grandes xiros nos océanos do planeta (o máis próximo a España é o xiro subtropical do Atlántico norte) e deles considérase que os que toquen as costas de países desenvolvidos son os que conterían máis residuos en circulación. De xeito que parte da solución pasaría por detectar esas acumulacións de plástico nos océanos e os seus efectos sobre o ecosistema. É o que fan proxectos como Seaplex, que lidera a Institución Scripps de Oceanografía (EE.UU).

Outros proxectos tamén buscan solucións de recollida e limpeza. A Fundación Algalita nas súas expedicións deu recollido parte do plástico, incluídas partículas finas, con mallas de rede, coa idea de analizalo. Pero é moi pouco relevante fronte aos miles de quilómetros de plástico espallados polo océano, así que se precisan iniciativas con maior capacidade. A Unión Europea, consciente do reto, promove a investigación para abordar solucións. E o Proxecto Kaisei, iniciado en marzo do 2009, estuda a viabilidade comercial de recoller e transformar o plástico do mar en combustible, para o que levaron áncora nunha expedición experimental os barcos Kaisei e New Horizon. Pero no que parece haber acordo unánime é en que o máis urxente é concienciar a poboación da situación para que se free a vertedura de plásticos ao mar. Se os consumidores e as administracións son coidadosos, un volume importante dese plástico non tería por que acabar no océano.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto