Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Psicoterapia online: O diván virtual

É un tipo de tratamento máis, con maior demanda entre os que se enfrontan a dificultades na busca de axuda psicolóxica por mor da súa timidez ou dunha xeira laboral prolongada

  A terapia psicolóxica é, en esencia, un diálogo entre un profesional e mais un paciente. E como tal, non pode obviar a relevancia e a utilidade de Internet, a raíña das ferramentas de comunicación. Amais dunha fiestra aberta ao mundo, o ordenador tamén pode ser o diván no que superar fobias, desafogar penas e combater manías.

A psicoterapia online é unha realidade consolidada en países como os Estados Unidos. Non é o caso de España, aínda que comeza a se abrir camiño. A psicoterapia virtual é útil para os casos nos que o propio trastorno lle impide á persoa saír do seu domicilio (agorafobia ou timidez extrema), noutros nos que non se dispón do tempo necesario para acudir á consulta ou cando se desexa conservar o anonimato. Este tipo de atención supón tamén unha oportunidade para aliviar o malestar psicolóxico nas persoas que consideran a psicoterapia como unha actividade tabú e que son reticentes a falar cun profesional sobre cuestións íntimas.

  Esta é unha opción que atrae a quen aínda desconfía dos resultados da psicoterapia e que, polo tanto, teñen a oportunidade de tomar contacto con este tipo de asistencia persoal mediante chat, email ou videoconferencia. Ata hai hospitais que realizan asistencia para tratar algúns trastornos, como a Unidade de Trastornos da Alimentación do Hospital Universitario de Bellvitge, de L' Hospitalet de Llobregat (Barcelona), co fin de atender a pacientes con bulimia nerviosa. Isto supón unha vantaxe para non atrasar a asistencia polas longas listas de espera e permite atender os casos menos graves nos que a integridade física non periga, como a anorexia nerviosa.

Online ou presencial?

Se se elixen as sesións en persoa, convén continuar deste xeito, xa que o cambio ao outro tipo de psicoterapia podería desvirtuar o vínculo que se establece entre a persoa e o seu terapeuta, determinante para o resultado final. Esta só sería recomendable se o usuario cambiase de domicilio e lle fose imposible acudir á visita.

Pola contra, comezar as sesións por medio de Internet podería supor un primeiro contacto coa psicoterapia para acabar despois con sesións presenciais. Neste suposto, ata se podería interpretar como un bo sinal, xa que indicaría unha maior implicación no proceso por parte do paciente que, á súa vez, se beneficiaría da relación terapéutica co profesional, vinculada á efectividade do tratamento.

De feito, a psicoterapia por Internet ten as súas limitacións. O 70-80% da comunicación humana é non verbal. Polo tanto, a psicoterapia online só sería útil en casos nos que é difícil ou imposible acudir ás sesións. Pola contra, os episodios diagnosticados de enfermidade mental grave e de sufrimento intenso requiren de sesións presenciais.

No que atinxe á duración e periodicidade das sesións, non teñen por que ser distintas ás establecidas nas relacións presenciais. Agora ben, a relación terapéutica resulta máis débil nas online, e é posible que a psicoterapia se interrompa antes do debido. Por iso, persiste o debate sobre se é adecuado chamarlle psicoterapia á modalidade online, aínda que pode resultar útil se se realiza con profesionalidade e honestidade e se acada unha forte implicación entre o profesional e o cliente.

Garantías de seguridade

  Este tipo de terapia practícase por medio do correo ou do chat e algúns dos profesionais que a exercen ata sosteñen que, nun sentido amplo, tamén incluiría o uso do teléfono. Vulnérase así a seguridade e a confidencialidade do servizo? Que garantías de seguridade teñen as persoas que o contratan? Como se poden asegurar de que non son vítimas do intrusismo? Unha das comprobacións que deben facer os usuarios é fixarse en que os profesionais que exercen en liña publican os seus datos colexiais, que se poden verificar nos colexios de psicólogos.

Outra medida é consultar o Código Deontolóxico que usan os psicólogos na súa práctica profesional, accesible a través das páxinas web dos colexios. As normas éticas polas que se rexen todos os psicólogos, tamén os que exercen online, é a que sempre se aplicou á terapia tradicional. A única variación reside na canle de comunicación.

Tamén se lle pode prestar atención ao deseño da páxina web, posto que deben seguir todos os principios éticos establecidos polo HON (Health on the Net) e o Código de Conduta (HONcode) para sitios web de saúde e medicina.

O primeiro destes principios di que "calquera consello médico ou de saúde suxerido neste sitio web só será proporcionado por médicos ou profesionais da saúde especializados e cualificados, a menos que unha clara declaración exprese que unha parte da suxestión ofrecida non é dun profesional da saúde cualificado ou organización non médica".

O segundo deles afirma que "a información proporcionada neste sitio está dirixida a complementar, non a substituír, a relación que existe entre un paciente ou visitante e o seu médico actual".

E o terceiro sinala que "este sitio web respecta a confidencialidade dos datos relativos a pacientes e visitantes, incluíndo a súa identidade persoal. Os propietarios deste sitio web comprométense a respectar e exceder os requisitos legais de privacidade da información médica ou de saúde que se aplican nos países onde estean localizados tanto o sitio principal como as súas réplicas".

Outra medida de seguridade é asegurarse de que a modalidade de pagamento é segura. As sesións online poden ser algo máis económicas, pero algúns profesionais prefiren manter as súas tarifas para non desvirtuar o servizo nin o compromiso do cliente, considerando que se emprega o mesmo tempo de asistencia ca nas sesións presenciais.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto