Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizados seis aspiradores-vasoira: Máis lixeiros ca os aspiradores tradicionais pero menos eficaces

Algúns modelos pódense pregar ou usar como aspiradores de man, pero as baterías duran só 24 minutos e teñen menos potencia de aspiración ca os convencionais

  Imaxine a tarefa cotiá de limpar o po cunha aspiradora que funciona con motor de gasolina, tirada por cabalos e aparcada fóra do edificio. Leva traballo, pero así era a Puffing Billy, un dos primeiros dispositivos que utilizou a técnica de facer un baleiro parcial para absorber o lixo. Décadas de innovación permitiron que os seus descendentes sexan aparellos cada vez máis pequenos que, mesmo con baixa potencia e moderado consumo eléctrico, retiran o lixo de case calquera recanto. Unha das últimas novidades é a das aspiradoras en forma de vasoira que se axudan dun cepillo rotatorio e que funcionan con baterías. A priori, son máis lixeiras e manexables ca os modelos convencionais, pero, limpan igual?

Para responder a esta pregunta CONSUMER EROSKI analizou seis modelos, de Rowenta, Electrolux, Hoover, Fagor, Solac e Ufesa e comparounos cun aspirador convencional. O prezo medio dos aspiradores-vasoira foi de 112 euros, con grandes diferenzas entre modelos, dende os 69,90 euros de Hoover ata os 179 euros de Rowenta. Entre os aspiradores convencionais tamén se rexistran notables diferenzas de prezo, pero unha mostraxe realizada por esta revista con 17 aspiradores de bolsa desbotable e con outros 17 de depósito extraíble comprobou que custan, de media, 120 euros. Polo tanto, a diferenza non radica tanto no tipo de aspirador senón no modelo.

Que vantaxes teñen?

Os aspiradores vasoira son máis liviáns ca os convencionais. Un estudo desta revista concluíu no 2006 que as aspiradoras tradicionais pesan, de media, algo máis de 5 quilos. As aspiradoras vasoira analizadas non chegan aos tres quilos de media, aínda que Rowenta alcanza 3,7 quilos.

Amais de pesar menos, dispoñen dun mango longo que evita malas posturas. O de Rowenta mide 120 centímetros de altura, o que facilita a limpeza pero dificulta a almacenaxe. Para salvar este inconveniente, Ufesa, Hoover e Fagor teñen mangos pregables. Outra vantaxe de Ufesa e Fagor, xunto co modelo Electrolux, é que o motor de aspiración se pode separar da estrutura e converter en aspirador de man, o que pode resultar moi útil para limpar o coche, por exemplo. Non obstante, este tipo de operación requiriría de baterías de certa autonomía e, de media, estes modelos só poden aspirar durante 24 minutos antes de apagarse. Destaca positivamente Rowenta, que aspira a plena potencia durante 32 minutos e, con menos forza, durante 14 minutos máis, 46 en total. Tamén consume máis electricidade, 7,9 vatios de media durante a carga (case tres veces máis ca Electrolux) e 104 vatios durante o aspirado (fronte a Ufesa, que consumía só 62 vatios). Aínda que maior consumo non significa necesariamente maior eficacia, o certo é que Rowenta é o aparato con maior forza de aspirado. O aire na boca do aspirador alcanza 15,9 metros por segundo, un resultado semellante ao de Electrolux (15,5 m/s) e moi por riba do de Ufesa (7,4 m/s).

Rowenta é, ademais, o único modelo con cabezal triangular para aspirar entre paredes e chans, mentres que Hoover e Fagor dispoñen de tubos alongadores. Outra vantaxe de Rowenta e mais do modelo Fagor é que teñen posición párking, é dicir, que poden manterse en pé cando interrompemos a tarefa de aspirado sen que cumpra buscarlles un apoio ou colocalas no seu soporte.

E os inconvenientes?

As aspiradoras-vasoira, ao non estaren conectadas á rede eléctrica, non son tan potentes coma as convencionais. Intentan suplir esa falta de potencia coa utilización dun cepillo xiratorio que axuda a que o cabezal despegue o lixo, pero, malia iso, as diferenzas son considerables. Así, cando se tentou aspirar pan relado dunha rañura creada entre dúas madeiras de contrachapado, tres dos seis aspiradores vasoira (Solac, Hoover e Fagor) non puideron recoller nin unha faragulla. Rowenta foi a mellor referencia, pero só deu recuperado o 18% do lixo, mentres que o modelo tradicional aspirou o 97%.

Agora ben, sobre a tea as prestacións foron similares. O aspirador convencional absorbeu os 10 gramos de talco vertidos e a vasoira aspiradora que peor resultado acadou, a de Fagor, deu aspirado o 87%. Algo semellante aconteceu co pan relado que se guindou nun mantel e coa area coa que se lixou a tapicería dun coche.

A aspiradora tradicional recolleu o lixo todo, mentres que o modelo de vasoira con resultados máis cativos, Fagor, retirou máis do 90% (98% no mantel e 91% na tapicería). A aspiradora tradicional tamén deu aspirado os 20 fíos que se guindaron sobre unha moqueta, mentres que Solac, co peor resultado da mostra, deixou cinco sen recoller. A maior diferenza entre vasoiras produciuse na proba sobre cemento: Hoover aspirou case o 100%, igual ca a aspiradora convencional, e Fagor unicamente o 29%.

Todas as mostras superaron as probas de seguridade eléctrica e ningunha sufriu problemas de funcionamento despois de deixalas caer cara a atrás e lateralmente. Os seis aspiradores teñen dous anos de garantía, aínda que Hoover non o indica no manual de instrucións, tan só na súa páxina web.

Nin Hoover nin Electrolux advirten nas súas instrucións de que non poden ser usados por persoas con capacidades físicas, sensoriais ou mentais minguadas e ambos os dous marcan o adaptador cun símbolo de corrente continua no canto de alterna.

Mellor relación calidade-prezo

Rowenta e Electrolux foron os modelos que máis lles gustaron aos seis usuarios, que os probaron todos. Ambos os dous obtiveron un 7,8, seguidos de preto polo 7,5 de Hoover e polo 7,3 de Solac. Algo máis discretos foron os resultados de Fagor (6,3) e Ufesa (6,6).

A mellor relación calidade-prezo é Hoover, a aspiradora vasoira máis barata e lixeira, que amosou unha eficacia parecida ao resto da mostra e que foi ben valorada na proba de uso. Para os que prefiran un modelo máis potente e non reparen no prezo, Rowenta (179 euros, a máis cara) é unha boa opción: mantense en pé cando non se utiliza, as súas baterías teñen a maior duración e é a aspiradora máis potente.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto