Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Mediación familiar: Profesionais do acordo familiar

Aínda que centrada en divorcios, a mediación familiar tamén se aplica a conflitos con fillos, entre irmáns ou con persoas maiores

  A familia é unha das institucións que máis evolucionou coas transformacións sociais e legais nas últimas décadas, primeiro pola aprobación da lei que permite a separación e o divorcio e, despois, polas novas formas de convivencia: unións de feito, familias monoparentais, familias compostas por membros que proveñen de rupturas previas e con fillos e fillas por unha ou por ambas as dúas partes. Non obstante, o novo clima familiar, máis igualitario e menos xerárquico, non reduciu os conflitos, senón que propiciou outros novos, de natureza máis complexa e ante os que á vía xudicial, máis lenta na asunción das transformacións, lle custa aínda adaptarse. Por iso, a tendencia en Europa é, dende hai anos, a busca de vías alternativas, complementarias e pacíficas, de resolución dos conflitos no ámbito familiar. Así o entenden tamén a maioría das nosas comunidades autónomas que aprobaron leis de mediación familiar.

Así e todo, aínda non se aprobou unha regulación única para todas as comunidades españolas. A modificación do Art. 770 da Lei de axuizamento civil para suspender os procesos xudiciais de separación e divorcio permite someterse a mediación cando as partes o soliciten. As comunidades de Canarias, Cataluña, Galicia, Valencia, Castela-A Mancha, Castela e León, as Illas Baleares, Asturias, o País Vasco, Madrid e Andalucía xa optaron por dotar a norma con rango de lei. Agora ben, noutras comunidades onde non se regulou esta figura, ofrécese a mediación por vía institucional, como sucede na Rioxa, en Aragón, en Estremadura, en Navarra e en Murcia, nesta ultima a través dos puntos de encontro. Deste xeito, as familias poden optar, sempre que o soliciten, por someter as súas diferenzas a procedementos extraxudiciais consensuados para a resolución dos seus conflitos.

Que é a mediación familiar?

  É a intervención dunha terceira persoa, aceptada de común acordo, neutral e imparcial que, sen poder de decisión, pretende axudar ás partes enfrontadas por un conflito para que elas mesmas cheguen a un consenso que responda ás necesidades de todos os membros da familia, en particular dos fillos. Foméntase así a responsabilidade das persoas implicadas por situacións de ruptura ou de conflitos familiares mediante a busca dun compromiso aceptado de maneira voluntaria no marco da Lei.

En que casos se pode acudir á mediación? É válida só para rupturas de parella?

Ata agora o ámbito de aplicación da mediación familiar centrouse nas separacións, tanto matrimoniais como de unións estables, e nos divorcios. Así e todo, tamén é aplicable noutras situacións onde a convivencia estea marcada polos conflitos cos fillos menores e mozos, por problemas entre irmáns ou polos derivados do coidado e atención aos maiores, polas visitas dos avós aos netos e ata polas dificultades familiares orixinadas pola repartición de herdanzas.

A figura do mediador familiar tamén se concibe como unha axuda ao crecente número de familias con fillos adoptados nas que nace o desexo destes fillos de buscar as súas orixes. Neste ámbito a mediación pode posibilitar o contacto entre as partes e preparar a familia adoptiva e mais a biolóxica e mais o fillo ou filla adoptado de maior de idade para afrontar este encontro de xeito óptimo. Agora ben, non todos os conflitos familiares se poden someter á mediación.

Cando non se pode recorrer a este servizo?

Non é conveniente xestionar dende a mediación familiar certos conflitos nos que haxa un desequilibrio grave de poder, patoloxías mentais, situacións de ameazas e violencia sistemática nas relacións, asuntos penais ou drogadicción. A Lei de violencia de xénero veda a posibilidade de acceder á mediación.

Por que?

Nas familias onde se sufran episodios de violencia machista, as partes, comprometidas a cumprir as obrigas que se deriven do pactado, non se atopan en plenas condicións de igualdade para negociar e asumir compromisos. Tamén se alega que a mediación é unha institución de axuda para resolver situacións de conflito e desavinzas, pero non situacións delituosas. Non obstante, tamén hai opinións contrarias que consideran que a mediación, especialmente se se acompaña de asistencia terapéutica previa para reestablecer a igualdade das partes, podería ser de grande axuda.

Por outra banda, a mediación é voluntaria, non se pode impor, dado que o seu éxito depende precisamente de que as partes a soliciten por propia convicción e voluntariamente. Se o que se pretende é alcanzar acordos voluntarios, non é lóxico impor que os implicados se sometan ao procedemento.

Se se iniciou xa un xuízo de divorcio, pódese acudir á mediación?

Si, pódese mediar antes, durante e despois da separación ou divorcio. No suposto de que a mediación se realizase unha vez que a parella comezase o proceso xurídico, este poderíase suspender temporalmente por tres meses. Despois poderíase continuar, con independencia de que se chegase a un acordo ou non. Se non se iniciou o proceso xurídico, as partes dun proceso civil, de común acordo, débenlle pedir ao xuíz que este se suspenda por un prazo máximo de sesenta días para se someteren á mediación e trataren de acadar unha solución consensuada.

Cal é o papel do mediador?

O mediador é un terceiro imparcial, con formación axeitada (en dereito, psicoloxía, traballo social, etc.) que ha de tratar o conflito de xeito obxectivo, con equidade, sen tomar partido por ningunha das partes e sen impor o acordo. Busca que o consenso resultante sexa realista, duradeiro e favorable a ambas as dúas partes.

O mediador está obrigado a manter o segredo profesional e a confidencialidade, polo que a súa tarefa non se pode delegar, debe levala a cabo en persoa, do mesmo xeito que é necesario que as partes asistan persoalmente ás reunións de mediación.

A mediación familiar é un servizo gratuíto?

Cada comunidade autónoma regula a figura de xeito similar pero cos seus propios matices. Aínda que nas máis das comunidades autónomas ten carácter gratuíto para as persoas que teñan dereito á xustiza gratuíta, non sempre é un servizo sen custo para as persoas afectadas.

Que requisitos hai que cumprir para acceder de maneira gratuíta?

Segundo a lei, o requisito básico é que os recursos e ingresos económicos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, non superen o dobre do salario mínimo interprofesional (SMI) vixente no momento de efectuar a solicitude. Aínda que a Lei, do ano 1996, establece o dobre do salario mínimo interprofesional, hoxe en día o indicador de referencia é o IPREM (indicador publico de renda de efectos múltiples), que se fixa en 7.381 euros anuais no 2009.

Pero non é igual en todas as comunidades. No País Vasco manteranse os servizos públicos integrais gratuítos de mediación familiar que priorizarán as persoas derivadas dende outros servizos sociais ou dende a Administración de Xustiza. En Castela-A Mancha a Lei regula un servizo social especializado de mediación familiar prestado pola Administración Rexional directamente ou mediante convenios con entidades publicas ou privadas, servizo que é gratuíto.

Se se opta pola mediación, interesa saber que:

  •   As entidades de mediación familiar englóbanse, en xeral, dentro do campo de actuación dos servizos sociais especializados no sector da familia. Xa que logo, sométense a un réxime de responsabilidade e de rexistro administrativo.
  • Nas comunidades autónomas nas que se regulou, disponse dun rexistro de persoas ou de entidades mediadoras no que se teñen que inscribir obrigatoriamente.
  • Os servizos de mediación poñen á disposición dos interesados a lista de mediadores inscritos nos seus rexistros á súa elección, de mutuo acordo.
  • Hai que asinar un documento ou contrato de mediación e indicar cal é o seu obxecto.
  • A duración máxima é de tres meses, con posibilidade de prórroga se o mediador o considera necesario.
  • Se se alcanza un acordo, este documentarase mediante contrato ou acta expresiva dos seus termos.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto