Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Conectores ecolóxicos: Atallos para a fauna

Grandes infraestruturas como autoestradas ou vías férreas vólvense unha trampa mortal para condutores e animais que se atreven a cruzar, pero o seu perigo pódese reducir

 As estradas españolas son testemuñas cada ano da morte de máis de 10 millóns de animais arrastrados en accidentes que tamén se cobran vítimas humanas (uns 300 feridos graves cada ano, dos que polo menos dez falecen). Amais dun problema de seguridade viaria, supoñen un efecto negativo sobre o medio natural. Aínda que os máis dos animais atropelados son domésticos ou de granxa, cada vez hai máis cadáveres de corzos, cervos ou xabarís. O atropelo non é, ademais, a única consecuencia. As vías de comunicación fragmentan o territorio e moitas poboacións de animais quedan illadas en grupos cada vez máis pequenos. A imposibilidade de se desprazaren libremente repercute na busca de alimentos e de compañeiros para o apareamento, polo que aumenta o risco de extinción en especies vulnerables, aínda que estas se atopen nunha zona natural protexida. Como acadar que as infraestruturas de comunicación medren sen malograr os diferentes ecosistemas naturais e evitar estes perigos para a fauna e para as persoas?

A Unión Europea deseñou varias accións co fin de mitigar os efectos desta fragmentación. A Directiva de Hábitats, do ano 1992, que establecía as bases para a creación da rede de espazos protexidos Natura 2000, tamén incluía mecanismos para evitar os efectos negativos das grandes infraestruturas sobre eses enclaves.

 A rede europea IENE (Infra Eco Network Europe), formada por expertos, institutos e administracións de países europeos, tamén traballa para avaliar os efectos da fragmentación e para atopar mecanismos efectivos para mitigar os seus efectos. E a maneira de executalo é mediante a creación de vías férreas, de autoestradas, de estradas e de canles que dispoñan de pasos específicos para a fauna, o que se denomina, en termos técnicos, unha maior permeabilidade. Ademais, inténtanse preservar zonas (terreos rústicos, campos agroforestais, cursos fluviais...) que actúen como corredores ecolóxicos que lles permiten aos animais desprazarse dunha zona protexida a outra.

Permeabilizar as vías

 Entre as estruturas propostas inclúense dende viadutos (pontes elevadas soportadas sobre piares que permiten respectar o val ou o curso fluvial que queda embaixo) ata túneles perforados, falsos túneles (estruturas con forma de túnel que se recobren na súa parte superior de vexetación para permitir o paso da fauna) ou ecodutos ou pontes verdes (grandes pasos superiores sobre estradas ou autoestradas, acondicionados con vexetación que permiten conectar os dous hábitats adxacentes á vía). Pero tamén se aposta por obras máis sinxelas, como os pasos subterráneos, valados con pasos ou comportas específicas para animais, ou polo aproveitamento de infraestruturas xa dispoñibles, como os pasos subterráneos agrícolas ou as drenaxes para a auga.

 Tanto nas grandes estruturas como no caso das pequenas, o reto é acondicionalas para que funcionen como un paso efectivo e seguro para os animais. O obxectivo é descubrir os pasos con vexetación ou materiais naturais para que lles resulten familiares aos animais e se atrevan a pasar por eles; engadir nas drenaxes plataformas laterais que permanezan secas en caso de avenidas (e que poidan usar pequenos animais); e evitar a presenza no chan dos pasos para a fauna de materiais como o aceiro engurrado ou outros metais que os escorrentarían. A instalación de peches perimetrais que impidan o acceso dos animais ao interior da estrada ou da autoestrada e, en cambio, que os conduzan ata o paso específico para a fauna é outro dos proxectos nos que se traballa.

De modo paralelo, aconséllase conservar terreos agroforestais e zonas de matogueira e de bosque adxacentes ás grandes vías, aos núcleos urbanos ou entre os espazos protexidos, xa que aínda que en aparencia non teñan un gran valor, son inestimables corredores que poden utilizar os distintos tipos de fauna para os seus desprazamentos. No norte de Alemaña os lindes entre os campos de cultivo ('Knicks'), tradicionalmente formados por árbores e vexetación silvestre, convertéronse nunha gran rede de corredores verdes útiles para numerosas especies que viven alí.

Así e todo, a permeabilización das vías de comunicación para a fauna é unha fórmula recente. A penas se contabilizan vinte anos de experiencia en Europa, e en España as primeiras estruturas específicas para a fauna non se construíron ata 1997 e 1998, en Galicia. O problema é que boa parte das infraestruturas actuais non están dotadas de medios para solucionar este problema.

Unha rede de cinco millóns de quilómetros

Segundo datos da Comisión Europea, a Europa dos 27 dispón de 5 millóns de quilómetros de estradas pavimentadas, das cales 61.600 quilómetros son autoestradas, 215.000 quilómetros de vía férrea, a metade electrificados, e 41.000 canles navegables. Toda esa rede fragmentou o territorio nun mosaico, ao que habería que engadir os núcleos urbanos, que tamén rompen e dividen o territorio natural.

O informe da situación española realizado no 2003 (informe COST 341) cifraba en 665.000 quilómetros a rede de estradas, e en 15.000 quilómetros a rede de ferrocarril. A diferenza doutras infraestruturas, as obras da AVE si se desenvolven de acordo á permeabilización para a fauna.

A peculiaridade do caso español é que conta cunha diversidade paisaxística e de especies moi elevada: estímase que España acolle ata 60.000 especies de animais, algunhas das cales non se atopan en ningún outro lugar do mundo (agás en Portugal, onde viven algunhas especies ibéricas), como a aguia imperial ou o lince ibérico.

E aínda que se atopan en zonas protexidas, en ocasións móvense demasiado preto de vías que supoñen un risco: 5.500 hectáreas das designadas como áreas prioritarias da rede Natura 2000 atópanse a menos de 200 metros dunha estrada, e ata 150.000 hectáreas sitúanse a menos de 500 metros dun gran cinto. Por outro lado, 1.300 quilómetros de estrada atravesan áreas prioritarias Natura 2000, e preto de 4.000 quilómetros cruzan áreas sensibles cun alto valor. As zonas máis afectadas son Madrid, Cantabria, o País Vasco e A Rioxa.

Polo de agora, España construíu, como infraestruturas especificas para a fauna, 5 túneles, un falso túnel e 7 viadutos, amais de 5 pasos superiores e 56 pasos inferiores.

Dúas especies emblemáticas en perigo

 Entre as especies en perigo de extinción, o caso máis emblemático e coñecido en España é o do lince ibérico que, aínda que se atopa en diferentes áreas protexidas, como en Doñana ou en Gredos, tamén resulta afectado polas estradas.

Menos coñecido é o caso do oso pardo, na Cordilleira Cantábrica. Hai dúas poboacións de osos illadas, unha na área occidental e outra na oriental. Entre elas creouse un corredor biolóxico pero tamén varios núcleos urbanos, a estrada nacional N-630, a autoestrada de Huerna, a vía férrea de Pajares e, en construción, a liña da AVE.

O problema é que mentres que a poboación occidental contaba con 120 exemplares, a oriental apenas alcanzaba no 2008 os 30 exemplares e deles só tres eran femias, o que comprometía a capacidade de reprodución do grupo, razón pola cal a Fundación Oso solicita o establecemento de novos corredores que faciliten a comunicación entre estes dous grupos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto