Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

A videocámara minguante

As novas cámaras de vídeo dixitais dispoñen de mellores condicións técnicas en dimensións cada vez menores

  As videocámaras constitúen a mellor ferramenta para conxelar parte da nosa vida a un prezo e tamaño cada vez máis reducido. Esta é a razón de que nos últimos anos as cámaras fotográficas dixitais atoparan nestes dispositivos a súa perfecta compañeira en viaxes, actos familiares e cuestións de traballo. Pouco máis grandes que unha cámara compacta, as actuais videocámaras, lixeiras e portátiles, popularizáronse e perfeccionaron ata dotarse da máis alta definición, grazas á cal se poden captar imaxes para ser vistas con todo luxo de detalles en televisores de planos de última xeración. Estas non son as únicas virtudes que caracterizan ás novas xeracións de videocámaras para usuarios. O seu prezo é outra das súas vantaxes, pois se poden conseguir videocámaras a partir de 250 euros e un máximo en torno aos 1.500 euros. O maior ou menor desembolso condicionarano, entre outras prestacións, a calidade da imaxe gravada e o sistema de almacenamento.

Criterios que priman na elección dunha videocámara

Un usuario medio -que quere gravacións de calidade pero sen aspirar a obter resultados artísticos ou profesionais- debe buscar o equilibrio entre funcionalidade e prestacións. Funcionalidade no momento de gravar as imaxes e tamén cando desexe editalas. En canto ás prestacións, convén diferenciar o necesario do accesorio. Así se poderá ponderar se paga a pena ou non pagar un maior prezo.

Sistema óptico

No tocante á vertente óptica, un dos aspectos máis importantes é o tipo de zoom que utiliza a cámara. Hai dous sistemas de calidade e de prezo moi distinto: o zoom óptico e o dixital. Como nas cámaras fotográficas dixitais, o zoom óptico baséase nun xogo de lentes físicas. É a mellor alternativa, pero tamén é a máis cara. O zoom dixital é un sistema electrónico cuns resultados inferiores e que, sempre que se poida e que o noso orzamento o permita, convén rexeitar.

Outro factor é o sensor. Trátase do sistema encargado de captar a imaxe e de transformala en dixital. Disponse de dúas tecnoloxías de sensores no mercado, a CCD e a CMOS. Ambas as dúas proporcionan calidades de imaxe moi similares, polo que non son un factor determinante. A CCD, non obstante, contén un sistema chamado 3 CCD que capta a imaxe con maior sensibilidade.

Agora ben, o máis importante non é como se capta a imaxe, senón a calidade do resultado final. Noutras palabras, a definición que ofrece a videocámara. Nestes momentos os modelos máis económicos proporcionan unha calidade 720p, tamén chamada HD Ready, que posibilita visualizar a imaxe cunha definición de 1280 x 720 pixeis. Pódense conseguir por prezos arredor dos 400 euros. Se se desexa calidade Full HD, que implica unha maior definición da imaxe (1920 x 1080 pixeis), o prezo é superior.

Parámetros físicos

Pero non só o apartado óptico é determinante no funcionamento e resultados dunha videocámara dixital. Unha vez capturada a imaxe, o modo en que se almacena na videocámara determinará se é cómodo ou non de manipular, de reproducir noutro aparello ou de editar cun programa de ordenador. Durante moito tempo foron moi populares as cintas de vídeo, e hoxe en día aínda hai cámaras que as usan. Así e todo, non é un sistema propicio para visualizar a gravación nun ordenador, xa que precisa de adaptadores especiais. Outras utilizan un disco DVD, pero a imaxe tampouco é boa de extraer.

O máis práctico son as cámaras que conteñen un disco duro ou as que usan tarxetas de memoria SD, xa que abonda con inserir un cable USB entre a cámara e o ordenador para transferir a gravación, ou ben introducir a tarxeta SD na rañura correspondente no PC. A súa capacidade de memoria é, en xeral, elevada, xa que un rexistro de imaxe ocupa moito espazo.

Canto maior sexa a capacidade do disco duro, máis horas de gravacións se poderán almacenar, aínda que esta opción carrexa inconvenientes. O primeiro é que un disco duro con capacidade elevada implica máis peso da videocámara e un maior tamaño, o que inflúe negativamente na portabilidade da videocámara. O mercado ofrece modelos con discos duros de gran capacidade e pouco peso, pero en xeral correspóndense cos aparellos máis caros. A opción da tarxeta SD non condiciona o peso nin as dimensións do aparello, pero o seu límite de memoria son 32 xigabytes. Se se desexa obter máis capacidade, a única opción é levar enriba tarxetas de reposto.

Unha vez que se deu descargado a gravación ao disco duro do ordenador, pódese proceder á súa edición, pero antes hai que se asegurar de que o formato de compresión que utiliza a videocámara para rexistrar a imaxe é compatible cos reprodutores multimedia que se usan no ordenador. Os formatos de compresión máis habituais, e que recoñecen tanto reprodutores como programas de edición, son Theora, DivX, MPEG-2, MPEG-4, WMV ou FLV.

Se a cámara grava nun formato diferente, pódense atopar en Internet os códigos adecuados para ler o devandito formato e reconvertelo a outro aceptado polo programa de edición. Non obstante, esta práctica pode incidir nunha menor calidade da imaxe.

Para rematar, hai que se asegurar do tipo de conexións que admite a videocámara, xa que delas dependerá que a poida conectar directamente a un ordenador, a unha pantalla de televisión ou a calquera outro aparello. Debe dispor como mínimo dun porto USB e de conectores Super Vídeo ou Vídeo composto. Se grava en HD é imprescindible que conteña un conector HDMI como porto de saída de vídeo que permita a súa conexión a un televisor HD.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto