Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
A proporción de suspensos baixou do 54% do 2004 ao 19% do 2009, pero a valoración media non pasa dun discreto 'aceptable'
Unha rúa peonil debe ter un mobiliario urbano axeitado. Son imprescindibles papeleiras, farois e sumidoiros, e considérase conveniente contar con árbores e xardineiras. En liñas xerais, os técnicos que visitaron o cento de vías peonís valoraron o mobiliario urbano cun 'aceptable'. Valencia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Vitoria e Zaragoza cualificáronse cun 'ben', pero Almería, Barcelona e Murcia suspenderon cun 'mal' nos dous primeiros casos e cun 'regular' na capital murciana.
Este tipo de vías, pola maior frecuencia de paso dos peóns, requiren un mantemento do mobiliario e unha limpeza de residuos máis frecuente ca outros espazos urbanos. Unha mala conservación ofrece unha imaxe de abandono que reduce o atractivo e que aumenta a sensación de inseguridade. A valoración global non pasou dun 'aceptable'. As cidades mellor valoradas son Córdoba, Madrid, Pamplona, San Sebastián e Valladolid (obteñen un 'ben'); mentres que Almería, Barcelona, Málaga e Zaragoza suspenden cun 'regular'. O resto, na media xeral.
Nun 20% das rúas atopouse sucidade nalgunhas zonas (excrementos, lixos, papeis e outros desperdicios) e nunha de cada tres vías o pavimento amosaba irregularidades, baldosas e lastras soltas ou ben buratos que propician a formación de pozas, ou que poden supor un risco de caída para os peóns (este problema percibiuse especialmente en Barcelona, Zaragoza, Alacante e Oviedo). Neste último aspecto, a situación variou moito en cinco anos, xa que no 2004 só o 16% das vías presentaba este tipo de irregularidades, a metade ca na actualidade. Como elemento positivo, o pavimento era antiescorregadizo no 86% das rúas analizadas.
No tocante ás papeleiras, só nun 59% das rúas peonís visitadas o seu número se considerou apropiado. En Almería, por exemplo, dúas das cinco vías analizadas non contaban con ningunha papeleira. Con todo, hai cinco anos a situación era aínda peor, xa que esta proporción descendía a un 40%. Atopar papeleiras de reciclaxe (con dous ou tres espazos para dividir o papel e o cartón, o plástico, os envases e o lixo orgánico) non foi doado: só se localizaron en Almería e en Sevilla. En unha cada de cada cinco rúas observáronse papeleiras estragadas por actos vandálicos (pintadas), lixo e roturas, e nun 15% había lixo guindado a carón das papeleiras (atopouse especialmente en Barcelona).
Outra cuestión importante (por seguridade e comodidade) é a iluminación: ao igual ca no 2004, máis do 90% das vías peonís incluídas no estudo conta coa suficiente e só nun 4% se atoparon farois en mal estado. Ademais, o 70% das rúas dispoñen de farois específicos para as zonas peonís (unha porcentaxe similar á de hai catro anos).
Menor é a dotación de bancos. Ao igual ca no estudo do 2004, no 60% das rúas non había (destacan Granada e Murcia, onde non se atopou ningún) e en unha de cada dez onde si había, algúns estaban estragados. Así e todo, cómpre aclarar que, igual que acontece co resto do mobiliario urbano (agás coas papeleiras e farois, sempre imprescindibles), a ausencia de bancos nalgunhas zonas peonís vén motivada pola carencia do espazo necesario para colocalos de xeito que non dificulten ou entorpezan o tránsito dos peóns.
O mesmo acontece coas árbores, ausentes en máis da metade das rúas. Nun 37% das vías onde se atoparon, algunhas estaban danadas e, só na metade, contaban con enreixados na súa parte inferior para evitar tropezos e facilitar a conservación do espazo no que están plantadas (en todas as vías de Córdoba, Madrid, Pamplona, Sevilla, Valladolid e Vitoria).
As fontes de auga potable tamén son elementos relevantes. Non obstante, non se viron nun 85% das rúas visitadas, unha porcentaxe superior á do informe do 2004 (un 77%), aínda que as que existían se atopaban en bo estado xeral. Tamén é moi útil contar cun aseo público. Agora ben, só se atopou nunha rúa coruñesa. Iso si, o seu estado era óptimo e non había que pagar para facer uso del.
O tópico asegura que tornar peonís as áreas urbanas está cheo de vantaxes. Diminúe o risco de atropelos, reduce o nivel de ruído e de contaminación e promove a humanización da vía pública. Tamén se benefician os comerciantes, malia as incomodidades iniciais polas obras que precisa esta transformación.
Así e todo, non todos están de acordo coa peonalización ou coas súas consecuencias. As rúas peonís melloran a calidade de vida dos viandantes, pero, e a dos residentes? Para eles, xorden inconvenientes que dilúen a convivencia 'idílica' nesas zonas. Entre os principais, a indisciplina de estacionamento, o incumprimento do horario de carga e descarga, a supresión de prazas de aparcamento ou o cambio na tipoloxía de comercio, que se reduce a negocios de equipamento persoal, servizos e profesións liberais e mais locais de ocio e restauración. | Cidade | Limpeza e mantemento(1) | Mobiliario Urbano (2) | Sinalización, accesibilidade e seguridade(3) | Infraccións (4) | Valoración final (5) | Valoración 2004 |
|---|---|---|---|---|---|---|
| A Coruña | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Moi ben |
| Alacante | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Regular | Aceptable | Aceptable |
| Almería | Regular | Mal | Bien | Moi ben | Regular | Mal |
| Barcelona | Regular | Mal | Bien | Bien | Regular | Mal |
| Bilbao | Aceptable | Aceptable | Bien | Aceptable | Aceptable | Aceptable |
| Córdoba | Bien | Aceptable | Bien | Moi ben | Bien | - |
| Granada | Aceptable | Aceptable | Regular | Bien | Aceptable | - |
| Madrid | Bien | Aceptable | Bien | Bien | Bien | Regular |
| Málaga | Regular | Aceptable | Regular | Bien | Regular | Mal |
| Murcia | Aceptable | Regular | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Mal |
| Oviedo | Aceptable | Bien | Bien | Bien | Bien | Bien |
| Pamplona | Bien | Bien | Bien | Mal | Regular | Aceptable |
| San Sebastián | Bien | Bien | Bien | Regular | Aceptable | Bien |
| Sevilla | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Moi ben | Aceptable | |
| Valencia | Aceptable | Bien | Moi ben | Regular | Aceptable | Mal |
| Valladolid | Bien | Aceptable | Bien | Aceptable | Bien | - |
| Vitoria | Aceptable | Bien | Bien | Regular | Aceptable | Aceptable |
| Zaragoza | Regular | Bien | Bien | Bien | Bien | - |
| MEDIA | Aceptable | Aceptable | Bien | Bien | Aceptable | Aceptable |
1. Limpeza e mantemento: neste apartado, analizouse o estado de mantemento no que se atopaba a rúa peonil, así como o seu pavimento, sinalización e mobiliario urbano.
2. Mobiliario urbano: comprobouse se a dotación de papeleiras, farois, bancos, sumidoiros, árbores, fontes de auga potable, etc. era a axeitada.
3. Sinalización, accesibilidade e seguridade: estudouse se existía a sinalización imprescindible nunha rúa peonil (sinais de circulación restrinxida, semáforos sonoros en caso de cruzamento, sistemas para delimitar as rúas peonís, sinal de velocidade máxima, permitida, etc.), se o mobiliario urbano, terrazas ou obras non obstaculizaban o paso de peóns, se existía algún perigo para o peón (tránsito de vehículos, pavimento con irregularidades, etc.).
4. Infraccións: observouse se había vehículos aparcados fóra do horario de carga e descarga (no caso de que existise) nas rúas peonís. Realizouse unha proba práctica, na que os técnicos da revista comprobaron se era posible circular co coche polo cento de vías peonís seleccionadas para o estudo.
5. Valoración global: Media das valoracións dos catro apartados.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI