Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizadas nove galletas para o almorzo: As María de toda a vida, as galletas máis saudables

Para o almorzo de acotío, as María son máis apropiadas ca as douradas e ca outras moi consumidas: a súa graxa é máis saudable, teñen máis fibra e menos calorías. E na cata quedaron ben

  O almorzo é a primeira comida do día e a máis importante para os nenos e para os mozos. Un almorzo ideal conterá leite ou derivados lácteos que acheguen calcio, froita e zumes, como fonte de fibra e vitaminas, e cereais cos seus hidratos de carbono e proteínas. Pero unha cousa é o almorzo ideal e outra o máis común nos fogares, no que as galletas son protagonistas estelares. É por iso que CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e a cata 9 galletas de almorzo: dúas do tipo básicas (Petit, de Río, e La Buena María, de Fontaneda), catro douradas (Marbú Dorada, de Artiach; La Buena María Ilustrada, de Fontaneda; María Oro, de Cuétara, e Creme Tropical, de Gullón) e tres especiais (Marie Lu de Lu; Chiquilín, de Artiach, e Yayitas de Lu).

Segundo a lexislación, todas son "Marías, torradas e acuñadas" e están elaboradas con fariñas, azucres e graxas comestibles, con ou sen adición doutros produtos alimenticios para o seu mellor enriquecemento, formando unha masa elástica a consecuencia do desenvolvemento do glute. E córtanse polo sistema de prensa ou de rolo acuñado. As douradas sometéronse a un baño de aceite vexetal tras o enfornado e as especiais teñen unha forma diferente ás básicas ou algún ingrediente que as torna peculiares (o ovo en Marie Lu e Chiquilín, o mel e o coco en Chiquilín). As Yayitas tamén son douradas, xa que recibiron un baño de aceite vexetal. Os prezos van dende os 2,04 euros o quilo de Petit de Río ata os 3,52 euros do quilo de Marie Lu As máis baratas son as básicas (2,04 e 2,18 euros o quilo) e as máis caras, as especiais, saen entre 2,99 e 3,52 euros o quilo. As douradas custan entre 2,21 euros o quilo e os 3,01 euros o quilo das de Fontaneda.

Galletas fronte a sobaos, madalenas, croissants e cereais

Estas galletas de almorzo case non conteñen auga (entre 1,5% e 3% de humidade), pero si bastante, aínda que moi distinta, cantidade de graxa (dende o 10% de Petit de Río ata o case 25% de María Oro de Cuétara) e, sobre todo, unha gran riqueza en hidratos de carbono, cunha media do 72% do produto, que chega nalgunha galleta ata o 79%. A importancia da proteína é menor, pero representa entre o 5,5% e o 7% do produto. En contra do que se poida pensar, a cantidade de fibra que estas galletas lle achegan ao almorzo é pouco significativa: dende o estimable 3,2% de fibra de Petit, de Río, ata o conciso 1,1% de Marbú dourada, de Artiach. Non lle sorprenderá a ninguén que a análise comprobase que a estas galletas se lles engadiron importantes cantidades de azucre (de media o 17%), que representa o 18% do produto en tres mostras e o 21% nunha. Si chama a atención, non obstante, que estas galletas sexan máis ben salgadas: os valores de sal son de entre o 1,2% de Marie Lu e o 0,3% de Chiquilin. Un alimento considérase demasiado salgado para a saúde cando supera o 1,5% de sal.

Con este perfil nutricional (pouca humidade, moitos hidratos de carbono e bastante graxa) era previsible que as galletas resultasen enerxéticas: de media, 465 calorías cada cen gramos; algo menos as básicas (432 cal/100 g) e un chisco máis as douradas (482 cal/100 g). De aí que o consumo de galletas entre comidas non sexa aconsellable; mellor limitalas ao almorzo.

Por outra banda, procede comparar as galletas con outras opcións saborosas e doces para o almorzo, pero convén facelo distinguindo as maría básicas dos outros dous tipos. As maría básicas son máis saudables: teñen case a metade de graxa e (por iso e porque o seu perfil lipídico -proporción entre graxas saturadas e insaturadas- é algo mellor) menos graxas saturadas ca as douradas e ca as especiais. Ademais, teñen máis fibra e son menos caloríficas. Tamén son máis convenientes ca os sobaos e croissants, que teñen máis graxa e graxas saturadas e que resultan máis caloríficos. Ante as madalenas (máis graxa, o 25%, pero só o 16% da súa graxa é saturado, fronte a case o 50% das maría; e moito menos sal), as maría básicas perden, se ben por pouco, neste hipotético combate de méritos nutricionais. Se se cotexan estas maría cos cereais de almorzo básicos, saen malparadas: os cereais teñen menos graxa (entre 2% e 6%), moita máis fibra (entre 15% e 25%) e achegan 365 calorías cada cen gramos, cando as maría suman arredor de 430. Comparándoas agora coas galletas dos outros dous tipos, constátase que son menos saudables para o almorzo ca as madalenas e, sobre todo, ca os cereais. E tan pouco aconsellables coma os croissants e os sobaos para as colacións matutinas cotiás: aínda que teñan menos graxa, non poden presumir de mellor perfil lipídico, debido a que case a metade -ou máis- da súa graxa é saturada; e tanto en sal coma en azucre, fibra e achega calorífica os seus valores son similares.

Para elixir a mellor galleta de almorzo

  A análise microbiolóxica comprobou que, aínda que o estado hixiénico das galletas era correcto e o risco sanitario nulo, había pequenas cantidades de B. cereus en oito mostras e de enterobacterias en dúas mostras. Só unha galleta carecía destas bacterias: Creme Tropical, de Gullón. O estudo da etiquetaxe revelou que seis mostras a tiñan incorrecta por diversos motivos. O máis grave foi o de Marie Lu: declárase "fonte de fibra" (é obrigatorio un 3% de fibra) cando tiña só un 1,7% de fibra, menos ca sete das oito galletas restantes.

Dito queda que as maría básicas son máis saudables. Pero as outras sete non son todas similares, hai unha que destaca e en positivo: María Oro, de Cuétara, achega menos graxas saturadas, a pesar de que é a de máis graxa (case o 25% do produto). A razón é a calidade desa graxa (só o 21% é saturada, fronte ao 50%-70% das outras seis), que é aceite vexetal e non graxa vexetal, coma nas demais galletas. Cada cen gramos, María Oro contén 5 gramos de graxa saturada (o mesmo ca as básicas), mentres que as hai que rozan os 15 gramos, como Creme Tropical, de Gullón, e os 10-11 gramos, o caso de tres mostras. A única pega de María Oro é o seu poder enerxético, 505 calorías cada cen gramos, cando as básicas non chegan a 440 cada cen gramos.

Pero non todo é nutrición, as galletas, case por definición, deben ser saborosas e apetecibles. Para valorar o organoléptico, realizouse unha cata con 45 consumidores, cada tipo de galleta por separado. Os resultados da análise sensorial evidenciaron que, entre as básicas, La Buena María de Fontaneda era a preferida, que nas douradas non había ningunha que destacase, e que nas especiais, Chiquilín era preferida por riba das outras dúas. En valoración global, ningunha mereceu puntuación mediocre e destacaron Chiquilín (7,7 puntos) e La Buena María de Fontaneda (7,3 puntos). A ser esta última, básica, a segunda máis barata e unha das dúas mellores no nutricional, La Buena María de Fontaneda acada o galardón de mellor relación calidade-prezo. Tamén Petit de Río é unha galleta axeitada para os almorzos. Sobra dicir que se á galleta maría básica se lle bota unha capa de manteiga ou de margarina, a cousa cambia moito, e non para mellor. Os que prefiran galletas con máis graxa e sabor teñen en María Oro, de Cuétara, a mellor opción para un almorzo cotián: non destaca na cata e é a máis calorífica, pero é a única con aceite vexetal, o que fai que a súa graxa sexa a máis saudable, e, por riba, é unha das máis baratas.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto