Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

As úlceras de estómago xa non son para sempre

Tanto as úlceras de duodeno como as gástricas pódense tratar de xeito eficaz unha vez diagnosticadas

  Os avances da ciencia médica están a xerar moitos estómagos agradecidos. As úlceras de estómago xa non teñen por que ser dolorosas compañeiras de viaxe para toda a vida. Este falso mito pode desaparecer porque xa se coñecen as súas causas e pódense sandar. O seu tratamento esixe reflexionar sobre as dúas enfermidades distintas ás que se refire o xenérico úlcera de estómago: as úlceras de duodeno que, na súa maioría, son benignas e as úlceras gástricas ou de estómago, que, nunha pequena proporción de casos, son malignas e se relacionan co cancro de estómago ulcerado.

As úlceras gastroduodenais desenvólvense máis a miúdo así que vai aumentando a idade, en especial a partir dos 40 anos. Niso inflúen certos fármacos, como os antiinflamatorios Non Esteroideos (AINES), entre os que se inclúe a aspirina e que consumen máis habitualmente entre as persoas maiores. Outro factor que desencadea esta doenza é a infección por Helicobacter pylori (H. pylori), que tamén afecta aos vellos e que se relaciona coas condicións hixiénicas e sanitarias. A súa mellora nos países desenvolvidos permitiu que esta infección diminúa entre os máis novos.

  Estímase que o 50% da poboación mundial está infectada por H. Pylori. A poboación afectada varía dende un 20% entre os adultos novos dos países desenvolvidos a máis do 50% (en ocasións ata o 90%) nos países en vías de desenvolvemento. En España, o 50% da poboación sofre esta infección, aínda que só entre o 15% e o 25% rexistra unha úlcera péptica.

Pódense previr?

A infección por H. pylori e mais as úlceras asociadas non se poden previr, pero si tratar unha vez diagnosticadas. Pola contra, nas úlceras asociadas ao consumo de antiinflamatorios si é posible fixar pautas de prevención. Os grupos de risco entre as persoas que toman AINES son os que teñen antecedentes de úlceras, hemorraxias dixestivas, máis de 60 anos e consumen máis dun AINE ao día. Cando os pacientes precisan medicamentos para calmar a dor, pódese recorrer a outros analxésicos non antiinflamatorios e, en caso de que precisen ineludiblemente un antiinflamatorio, pódese optar por elixir o menos lesivo para o aparato dixestivo, xa que canto máis potente é un antiinflamatorio, maior é a súa capacidade de danar a mucosa gastroduodenal. Para previr as lesións causadas por estes fármacos, aconséllase a súa inxestión acompañada dunha substancia que protexa ao estómago do desenvolvemento de úlceras ou hemorraxias. Os máis habituais son os inhibidores da bomba de protóns (o popular omeprazol, un protector gástrico que se toma pola mañá en xaxúas, 20 minutos antes do almorzo), ou os análogos das prostaglandinas (misoprostol).

Sinais de alarma

Non todas as úlceras duodenais ou gástricas xeran os mesmos síntomas. ?0 máis, a miúdo poden agocharse silandeiras durante moitos anos. A Asociación Española de Gastroenteroloxía non deixa de insistir en que o H. pylori se adquire durante a infancia e que pode vivir durante moitos anos no estómago, onde causa unha pequena inflamación que non sempre se manifesta. Esta bacteria só contribúe a que se desenvolva úlcera en unha de cada dez persoas que se infectan con ela.

A dor característica localízase na zona alta do abdome, na parte central, e cálmase despois de comer. Por iso dise que os afectados sofren unha sensación de "fame dolorosa". Agora ben, cando a dor non se produce e as úlceras permanecen silentes é posible que a súa primeira materialización sexa a través dunha hemorraxia, perforación da úlcera ou estenose pilórica (estreitamento do píloro, a porta de entrada do estómago ao duodeno).

A endoscopia, a proba estrela

  A fórmula para diagnosticar as úlceras de estómago é a endoscopia; introdúcese un tubo flexible a través do intestino delgado que lle permite ao especialista visualizar a zona que desexa explorar en busca da úlcera. Este tipo de endoscopia das vías dixestivas altas denomínase gastroduodenoscopia. Unha das súas principais vantaxes é que ao mesmo tempo que se realiza pódese extraer unha pequena mostra de tecido para analizalo. Aínda que é unha proba invasiva, o paciente non sofre ningunha dor, xa que se practica baixo sedación.

Xunto á endoscopia, outras probas útiles para diagnosticar as úlceras son as radiografías con contraste -aínda que a sensibilidade das exploracións radiolóxicas é moi inferior á da endoscopia-, a proba do alento, que analiza a actividade metabólica do paciente e detecta os metabolitos relacionados cunha úlcera duodenal ou estomacal, a analítica de sangue e a detección nas feces dos antíxenos da bacteria H. pylori.

'Helicobacter pylori': o inimigo

  A erradicación desta bacteria é fundamental para previr o desenvolvemento de cancro de estómago, posto que a Organización Mundial da Saúde (OMS) identificouna como un axente carcinóxeno. O tratamento estándar para eliminar a súa infección consiste nunha combinación de dous antibióticos xunto a un protector gástrico (inhibidor da bomba de protóns). A combinación máis habitual é a que está formada polos antibióticos amoxicilina e claritromicina e o omeprazol. A súa erradicación precisa que se tomen dúas veces ao día durante unha semana ou dez días, segundo a pauta médica.

  Agora ben, cando este tratamento liña non funciona é posible administrar outras combinacións de antibióticos, de xeito que logo de tres ciclos de tratamento, o 99% dos pacientes portadores da infección por esta bacteria sandan.

Un caso diferente é o das úlceras de estómago inducidas polo consumo de AINES. Neste suposto o tratamento convencional baséase na toma dun inhibidor da bomba de protóns dúas veces ao día entre catro e oito semanas, o tempo necesario para que cicatricen as úlceras. Neste proceso de cicatrización, con independencia de se a úlcera é duodenal ou gástrica, o tabaco e o alcohol atrasan o proceso de curación.

Tras o tratamento

Sempre que o axente causal da úlcera sexa o H. pylori, é posible que, tras o tratamento, se detecte de novo a presenza da bacteria. Non se trata dunha nova infección, senón da persistencia da infección que non se detectou ben nada máis finalizar a terapia. Por esta razón, unha vez concluída, é importante que as probas se repitan entre tres e catro semanas despois para comprobar se o "H. pylori" se eliminou.

Nas úlceras gástricas, unha vez concluído o tratamento, hai que se asegurar de que se cicatrizou por completo. Para iso repetirase a endoscopia e a toma de mostras de biopsias da marxe da úlcera. O obxectivo é confirmar que non se agache ningún tumor. ?0 unha exploración nada dolorosa que permite analizar co microscopio as mostras de tecido co fin de descartar o desenvolvemento dun cancro de estómago.

O futuro

As úlceras de estómago son infeccións moi frecuentes en todo o mundo e a causa dunha gran morbilidade (desenvolvemento de enfermidades). Ante esta situación, investíganse estratexias de vacinación non só para evitar contraer a infección por esta bacteria, senón para combatela nas persoas que xa a padezan mediante a indución dunha resposta inmunolóxica efectiva.

Outra liña de investigación activa é a busca de AINES que non sexan tan lesivos para o estómago, xa que as alternativas actuais, como os inhibidores da cicloosixenasa 2 (coxib), non funcionaron tan ben como era de esperar e, ademais, algúns deles relacionáronse con efectos adversos cardiovasculares.

Ante os primeiros síntomas ou sospeitas:

Acudir ao médico. Non se hai que conformar cunha "úlcera para toda a vida", xa que se pode tratar e eliminar o seu axente causal, o Helicobacter pylori.

O tratamento das úlceras non obriga a seguir unha dieta especial. As únicas restricións dietéticas que requiren son as do sentido común ou sufrir outras enfermidades como a diabete ou a hipertensión arterial.

Se unha persoa ten úlcera ou se lle prescribiu un tratamento para ela, este é un bo momento para deixar de fumar ou para reducir o consumo de tabaco, xa que este hábito nocivo atrasa a cicatrización. Os antiinflamatorios para as úlceras débense tomar de acordo coas necesidades clínicas e en ningún caso por indicación propia nin en doses superiores ás recomendadas. Non hai que automedicarse. ?0 obrigatorio cumprir coa medicación prescrita, xa que non o facer é unha das principais causas do fracaso do tratamento para eliminar o Helicobacter pylori.

Fonte: Ignasi Elizalde, consultor do Servizo de Gastroenteroloxía do Hospital Clínic, de Barcelona


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto