Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Adolescentes: no limbo legal

Os menores de idade non teñen capacidade para asinar contratos de financiamento, mais poden realizar outras operacións contractuais sen o consentimento dos seus proxenitores

  Idade: 16 anos. Menores para faceren unha tatuaxe en Vitoria, pero maiores para practicaren unha operación de cirurxía estética sen o permiso dos pais. Aínda que o Código Civil recolle que a maioría de idade comeza aos 18 anos cumpridos e que ata ese momento os pais teñen a representación legal dos seus fillos, con 14 anos os menores son independentes en numerosos ámbitos, o que lles permite, entre outras accións, facilitar os seus datos persoais á Axencia Española de Protección de Datos. O Código establece ademais que os menores de idade non poden prestar consentimento para contratar un ben. Non obstante, hai materias nas que segundo a idade -maiores de 16 anos e emancipación de feito- os contratos realizados por estes menores son válidos. Pero non sempre e en todos os casos.

Que contratos asinados por un menor son válidos?

En termos xerais, todos os contratos asinados por menores son válidos, aínda que os pais ou titores poden anulalos. O feito de que os menores non emancipados non poidan prestar consentimento para contratar non significa que non poidan contratar, senón que non poden facelo en determinados supostos sen a asistencia dos seus pais.

Daquela, con 16 anos poden consentir unha intervención de cirurxía estética?

Aínda que os menores de idade precisan o consentimento dos pais para unha intervención cirúrxica, a Lei de autonomía do paciente indica que as persoas a partir dos 16 anos poderíanse someter a unha operación sen consentimento paterno se se considera que teñen a suficiente madureza. Neste caso os pais serán informados e a súa opinión terase en conta se a intervención implica un grave risco para a súa saúde.

Non obstante, a Sociedade Española de Cirurxía Plástica Reparadora e Estética (SECPRE) considera que non se debe operar cando o paciente aínda está en período de crecemento e desenvolvemento. E os máis dos cirurxiáns disque se negan a facelo. Ademais, os menores de 18 anos non teñen capacidade para asinar contratos de financiamento, e como non dispoñen de responsabilidade para se endebedaren, atópanse cun obstáculo importante se non median o consentimento e mais os cartos dos pais.

O auxe da cirurxía estética entre os adolescentes fixo que algunhas comunidades autónomas abordasen unha regulación nesta materia. Na Comunidade Autónoma de Andalucía xa se obriga a que os menores de idade que desexen operarse teñan que superar antes un exame psicolóxico para avaliar o seu grao de madureza.

As tatuaxes tamén están reguladas?

Regúlase por comunidades autónomas. No País Vasco os establecementos dedicados a esta actividade teñen a obriga de solicitaren o consentimento do representante legal se é menor ou se sofre algún tipo de minusvalidez. Este documento débese asinar diante do aplicador e acompañarase da fotocopia do DNI do titor.

En Cantabria, e dende o ano 2006, os menores de idade con madureza abonda poden prestar por escrito o consentimento informado. Agora ben, esta madureza cómpre acreditala mediante un escrito asinado polo pai, nai ou titor. Nos menores de idade que non amosen madureza abonda, corresponderalle ao seu pai, nai ou titor certificar por escrito o oportuno consentimento informado. En Murcia os menores deben ir acompañados dun adulto e o seu representante está obrigado a asinar o consentimento, igual ca en Navarra, en Galicia e nas Illas Baleares.

Un menor pode contratar telefonía móbil?

  O contrato débeo asinar o seu pai ou titor. Non obstante, se o menor asina o contrato, en principio é válido, aínda que os pais están no seu dereito de anulalo despois, salvo que se valide por chegar á maioría de idade. As operadoras débense asegurar de que os seus clientes cumpriron os 18 anos e solicitar o DNI de teren algunha dúbida.

O vendedor está obrigado a comprobar a capacidade de obrar das persoas que pretenden adquirir bens e servizos e negarlles esta pretensión a quen sexa menor de idade. Así se pronunciou a Audiencia Provincial de Santa Cruz de Tenerife, en sentenza do 30 marzo do 2007, na que declarou a nulidade dun contrato de compravenda dunha moto por parte dun menor de idade.

Disponse dun criterio único?

Hai que distinguir entre unhas compras e outras. Os menores de idade non poden adquirir tabaco e a lei esixe asegurarse da idade do cliente. Noutros casos non queda tan claro. Poderían mercar roupa pola súa conta, aínda que un pai pode solicitar a anulación dunha compra desta natureza.

Podería un menor apuntarse a unha academia ou a un curso?

Si, pero é preciso que os pais asinen o contrato. No tocante á contratación dun curso de ensino, a Audiencia Provincial de Madrid, en sentenza do 8 xuño do 2007 declarou non a anulación senón a inexistencia do contrato por falta de consentimento da nai dunha alumna menor de idade. E aínda que se pagaran as primeiras cotas do curso, a Audiencia considerou que non se podía deducir o consentimento materno destes pagamentos. A falta da sinatura dos pais impedía, segundo esta sentenza, o nacemento do contrato.

Se non se anula o contrato e o menor cumpre os 18 anos, o contrato xa é válido?

Se desexan anular o contrato, os pais ou titores débenlle notificar ao establecemento vendedor ou ao prestador do servizo as circunstancias do contrato e acordar a súa anulación, mesmo chegando aos Tribunais de ser preciso. Se non o fan e o menor tampouco o anula ao acadar a maioría de idade e cumpre coas súas obrigas de pagamento, enténdese que "sanea" o contrato, é dicir, que o valida.

  O Tribunal Supremo, en sentenza do 21 de xaneiro do 2000, defende que o consentimento dun menor de idade dotado de discernimento abondo é un consentimento cara a un tempo futuro, xa que ao ser maior de idade pode efectuar a súa ratificación confirmatoria e xustificar o consentimento prestado. ?0 o que aconteceu nunha compra a domicilio por parte dunha menor de idade que cando cumpriu os 18 anos efectuou un pagamento parcial. Acolleuse ao mecanismo de confirmación do Código Civil e saneou, con efectos retroactivos, a compravenda realizada.

Que se precisa para vender o piso dun menor ou do que un menor é copropietario xunto a un adulto?

Este tipo de contratos réxense por outra regulación. Para que os pais dun menor poidan vender en nome do seu fillo un ben inmoble deste, o Código Civil esixe que a venda se leve a efecto logo da autorización do xuíz, con audiencia do Ministerio Fiscal.

O artigo 166 do Código Civil recolle que as alienacións de bens de menores realizadas polos seus pais, sen previa autorización xudicial, son inexistentes e nulas de pleno Dereito. A xurisprudencia establece que os negocios xurídicos que se outorgan respecto de actos de disposición de bens de menores, sen autorización xudicial previa, adoecen dunha falta de consentimento nos contratantes.

Para anular un contrato subscrito por un menor cómpre:

  1. Notificarlle ao prestador do servizo ou ao establecemento vendedor a anulación do contrato realizado polo menor sen consentimento dos pais ou titores, solicitar a devolución dos importes pagados e ofrecer a devolución do produto.
  2. Acudir a unha Oficina Municipal de Información e Orientación ao Consumidor (OMIC) para tramitar unha reclamación e solicitar a mediación desta co fin de que se anule o contrato.
  3. En defecto de acordo, pódese acudir a un avogado ou a unha asociación de consumidores para optar pola vía xudicial. Nos contratos valorados en menos de 900 euros non é obrigada a defensa por parte dun avogado nin a representación por un procurador.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto