Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > O máis práctico > Consellos

Λ

Banca electrónica: Crise: a banca on line perde os seus sinais de identidade

Acabou o todo gratis. As entidades comezaron a cobrar algúns servizos básicos e as mellores ofertas de depósitos e hipotecas xa non se concentran en Internet

  Cómoda, aberta as 24 horas, dispoñible dende o mesmo salón de casa e máis barata. Velaquí tan só algunhas das características máis gabadas dos bancos on line, un tipo de entidades financeiras que gaña adeptos de modo exponencial. Segundo un informe da consultora Nielsen, a peche do 2008 os bancos on line españois contaban con 18 millóns de usuarios, que realizaron 1.200 millóns de transaccións en todo o ano e 125 millóns de operacións ao mes. O peche de oficinas físicas no que está inmersa a gran banca española e a promoción dos seus servizos virtuais explican o maior interese, en ocasións incentivado polos propios bancos, que senten agora os clientes por faceren as súas operacións a través de Internet. A piques de cumprir o seu vixésimo aniversario en España, a banca on line segue fiel ás súas orixes: comisións cero ou máis baixas ca a media do mercado, facilidade de uso e dispoñibilidade case absoluta a calquera hora do día. Non obstante, estas entidades tamén adoptaron estratexias específicas para se axustaren aos vaivéns da crise: xa non é posible atopar altas rendibilidades coma noutrora, aplícanse comisións en determinados servizos e, en ocasións, recorren ao respaldo das súas matrices para ofrecer algunhas prestacións. Coñecer cales son as limitacións actuais destas entidades invita a reflexionar sobre as verdadeiras vantaxes de operar con elas.

Acabou o todo gratis

  Dende que se instalaron en España, as entidades on line presumiron de prestar servizos a un custo máis reducido ca as convencionais. E así era nas entidades on line iniciais, aquelas que baseaban o seu modelo de relación co cliente en Internet e a través do teléfono e que, como canle secundaria, abriron algunhas oficinas. Neste grupo pódense citar ING Direct, Uno-e, Inversis Banco, Openbank, Activobank, Ibanesto, Oficina Directa (do Banco Pastor), Bancopopular-e..., entidades que durante moito tempo non aplicaban comisións polos servizos básicos bancarios: realizar transferencias, manter unha conta corrente, apuntamentos, ingresar cheques ou sacar cartos dos caixeiros. Agora ben, dende hai uns meses, coa crise, o seu buque insignia de "comisións cero" pasou a mellor vida.

En xeral, aínda que as comisións que cobran son menores ca as da banca tradicional, o "todo gratis" acabou e as entidades xa cobran por algúns servizos considerados básicos. ING Direct establece comisións por sacar cartos a débito en caixeiros da Rede 6000 cando esta era unha operación gratuíta case durante os seus primeiros dez anos de vida (a entidade comezou a operar en España en maio do 1999). A comisión mínima por realizar unha operación deste tipo é de 2 euros, o que implica que por extraer 20 euros nun caixeiro Euro 6000 o usuario paga unha comisión do 10%. En Openbank ata hai pouco non cobraban por facer ingresos en conta. Non obstante, dende mediados deste ano cobran unha comisión de 1 euro cando se superan os tres ingresos ao mes, sexa cal sexa a súa contía.

? marxe das entidades puras on line (que se crearon co obxectivo de operar exclusivamente a través de Internet e do teléfono), os grandes bancos tamén crearon liñas específicas co fin de que os seus clientes operen a través da rede. Nestes casos, o cobramento de comisións é máis habitual, á parte de elevado. Como exemplo, abonda con citar a La Caixa, que a mediados do ano pasado comezou a cobrar polos correos electrónicos enviados aos seus clientes para informalos de que realizaran unha transferencia. Trátase do cobramento dun servizo inxustificado, xa que, polo xeral, o correo electrónico é unha prestación gratuíta en múltiples plataformas virtuais.

A banca on line sóbese así ao carro de cobrar comisións por servizos de todo tipo. Por iso, antes de subscribir unha conta nun destes bancos convén consultar as taxas aplicadas. En ocasións, os servizos bancarios poden estar exentos, pero poden cobrar comisións por prestacións de uso habitual non mencionadas.

Rendibilidades máis modestas

Os termos de supercontas e superdepósitos que acuñaron os bancos on line a mediados da década dos 90 perderon a súa razón de ser coa crise actual. En calquera ámbito de mercado (mesmo coa crise das puntocom do ano 2000), as entidades financeiras que operaban con Internet caracterízaranse por ofreceren unha maior rendibilidade ca a media do mercado cos seus produtos de pasivo (cartos que non se van utilizar a curto prazo). Na actualidade, a dureza da desaceleración económica e a forte redución de ingresos que rexistran fai que sexan menos xenerosas nas súas remuneracións de pasivo. Nestes momentos ata se fan promocións con ofertas máis agresivas en bancos tradicionais (sobre todo en bancos estranxeiros con sucursal en España, como Citibank, Barclays e Deutsche Bank) ca na propia banca on line. Os xuros medios dos depósitos que ofrecen as entidades por Internet andan arredor do 2%. Non obstante, en Citibank dan un 4% a un ano e en Barclays, un 3,53%. Con todo, nalgúns casos si que se dan localizado ofertas de captación, de promoción ou de benvida con tipos interesantes, aínda que son moi puntuais.

Nas hipotecas tamén se nota a menor agresividade destas entidades. A crecente morosidade levou a banca, en xeral, a ser máis cauta na concesión dos seus empréstitos. Como estratexia de defensa, amais de aplicar unha rigorosa análise de risco, a banca on line optou por elevar os diferenciais aplicados aos seus préstamos. En ING Direct pasaron de conceder hipotecas a Euríbor máis 0,33% a facelo a Euríbor máis 1,25%. En Ibanesto agora cobran Euríbor máis 0,74 (antes Euríbor máis 0,35). En Openbank promocionaban súa hipoteca a Euríbor máis 0,39 e agora esixen o pagamento de Euríbor máis 0,54. Os exemplos son abondos e poñen de manifesto que a banca on line perdeu parte da súa competitividade e forza comercial na actual crise. Se ben ata hai pouco se podía xeneralizar que as mellores ofertas estaban na rede, na actualidade esta máxima perdeu sentido. Este é un momento no que convén comparar entre todo tipo de entidades, xa que a banca on line non sempre ofrece a mellor oferta.

Por outra banda, a súa limitación para atraer clientes co trato persoal que si permite a banca tradicional levou a banca virtual a apostar por abrir sucursais. Sen deixaren de lado a súa esencia -incentivar a contratación por Internet-, asumiron que o cliente require un trato próximo e personalizado, un obxectivo que só se acada coa apertura de oficinas e con comerciais de carne e óso, de xeito que o investimento en oficinas físicas é a fórmula que se impón no sector. Esta práctica contrasta, de novo, cun dos sinais de identidade cos que naceron estas entidades: prescindir do alto custo que supón abrir sucursais a pé de rúa.

O necesario apoio das entidades tradicionais

Outra das limitacións da banca on line é que a recuperación dos cartos non sempre é doada e inmediata. Nas entidades que esixen contratar contas asociadas noutros bancos hai que lles remitir a estes as transferencias pertinentes para obter o diñeiro. Se os aforros se gardan nunha conta de aforro, o cliente deberá agardar a que se liquide a transferencia no seu outro banco para dispor do seu capital. Xa que logo, se a transferencia se realiza un xoves pasadas as 16:00 horas, o diñeiro non estará dispoñible ata o martes seguinte. O tempo de liquidación supera a miúdo o das entidades tradicionais.

A lentitude na tramitación de operacións sinxelas inflúe na decisión de traballar con estas entidades invisibles. Cando un usuario desexa incrementar o seu saldo nunha entidade on line, se a entidade esixe dispor dunha conta asociada, obrigarano a imprimir un documento que o cliente poderá descargar da web e que haberá de enviar por correo ordinario. O proceso para ingresar novo diñeiro en conta, por exemplo para contratar un depósito ou calquera outro produto de aforro, pódese prolongar durante máis de quince días.

Operativa limitada

A dispoñibilidade 24 horas é outro dos puntos febles da banca on line. ?0 certo que calquera cliente pode acceder ás súas contas e consultar o seu saldo e movementos a calquera hora do día. Agora ben, a operativa, é dicir, a posibilidade de contratar produtos ou de realizar transferencias, é máis limitada.

Cos avances tecnolóxicos e a necesidade de controlar a seguridade, hai bancos que realizan operacións internas de compensación e liquidación de saldos durante a noite, o que impide que os clientes poidan nese intre contratar algún produto financeiro ou realizar transferencias. Escúsanse con mensaxes do tipo: "Sentímolo, pero debido a cuestións técnicas de control e supervisión interna o cliente non poderá operar nestes momentos". A partir das 22:00 horas, algunhas entidades xa dan problemas e piden desculpas de maneira sistemática pola imposibilidade de prestar este tipo de servizos.

Consellos para operar coa banca on line

Malia ás devanditas limitacións, a banca on line pódese cualificar como competitiva, fiable, máis barata en comisións por servizos básicos ca a tradicional e máis cómoda. ?0 apta para usuarios familiarizados co uso de Internet e para diversificar os cartos entre varias entidades. Malia todo, o aconsellable é dispor polo menos parte do aforro nunha entidade tradicional con sucursais a pé de rúa e outra parte en entidades on line, de grande utilidade para realizar operacións fóra do horario habitual das oficinas. Así e todo, antes de apostar pola banca virtual convén coñecer os seguintes aspectos para aforrar desgustos e malentendidos:

  • Mecánica habitual para ingresar e sacar o diñeiro: O apropiado é realizar transferencias sen a obriga de abrir outras contas asociadas. Convén consultar cantos días pasan para que o cliente dispoña dos seus cartos, sobre todo se non conta con tarxetas para extraer efectivo en caixeiros.
  • Comisións. ?0 aconsellable preguntar o custo das comisións por utilizar os servizos máis básicos: envío de correos electrónicos, sms ou por realizar un determinado número de ingresos ou de transferencias ao mes.
  • Horario. O cliente debe saber o horario no que non poderá operar e mais o horario no que a entidade adoita liquidar posicións (en xeral faino de noite) para evitar a operativa nese momento.
  • Oficinas físicas. Aínda que estea familiarizado con Internet, proporciona máis seguridade saber que a entidade conta con sucursais. Nalgúns supostos son necesarias, como o cobramento ou abono da Declaración da Renda mediante esa conta on line.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto