Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Augusto Cury, psiquiatra: "Os profesores deberían cobrar o dobre e traballar a metade"

 Augusto Cury fala e escribe con paixón sobre a educación. Pero no discurso deste psiquiatra brasileiro non asoman nin a xeografía, nin as matemáticas, nin a física, nin a historia... Prefire centrarse na empatía, na liberdade creativa, no que define como humanización do coñecemento. Alerta de que o sistema actual, envorcado en depositar cantidades inxentes de información, perpetúa persoas enfermas para unha sociedade que se converteu nun grande hospital psiquiátrico. A solución non radica na promulgación de leis, senón, entre outras fórmulas, en prestixiar a figura do profesor, na súa opinión a máis importante para un país, e en estreitar a relación entre pais e fillos. "Os pais débenlles contar aos seus fillos os seus éxitos, pero tamén os seus fracasos e frustracións"

En España xerouse un debate sobre a autoridade dos profesores. Ata se propuxo reforzar a súa figura por medio de leis. Vostede cre que os docentes perderon autoridade?

Os profesores en todo o mundo, non só en España, están a perder a autoridade, pero isto non se lles pode achacar aos nenos ou adolescentes. Estes nenos e adolescentes padecen unha nova síndrome, que se chama Síndrome do Pensamento acelerado. Convertéronse en consumidores de produtos e servizos, e non de ideas ou sensibilidade. No pasado, o volume de información duplicábase cada 200 anos, agora duplícase cada cinco anos. Ese exceso de información conduce ao desenvolvemento de ansiedade, irritabilidade... e á falta de respecto das regras, pero unha lei non vai resolver o problema da autoridade. O que se ten que facer é cambiar a educación por completo, cunha educación máis humanizada.

A autoridade debe marcar a relación profesor-alumno?

Si, pero a autoridade non imposta, a autoridade que promove a protección da emoción, a liberdade creativa, a aventura intelectual. A autoridade que controla é un problema, pero non hai dúbida de que os os mestres e profesores deberían ser máis valorados e respectados pola sociedade. Na miña opinión, deberían gañar dúas veces máis e traballar a metade. Os profesores deberían ser tratados con dignidade, ter máis liberdade, non para controlar, senón para estimular a arte de pensar, para provocar a intelixencia, para que os mozos deixen de ser as vítimas da historia para pasar a ser os protagonistas da historia.

Defende formar persoas activas, non cidadáns pasivos.

Si, é que estamos a formar unha xeración de persoas pasivas. As herdanzas negativas que imos deixar son pésimas, e ademais non estamos a formar unha casta de pensadores que poidan dar respostas intelixentes a estas cuestións.

Nesa transformación, que relación se debería establecer entre alumnos e profesores: respecto, distancia, amizade...?

Unha combinación entre autoridade e afecto. É unha fórmula na que é difícil atopar o punto intermedio: ou se ten moita autoridade e pouca sensibilidade, ou tense moita sensibilidade e pouca autoridade. No caso dos pais falta en moitas ocasións o intercambio de experiencias, un aspecto clave. Os pais débenlles expor os capítulos máis importantes da súa vida aos seus fillos. Os seus fillos deben coñecer os seus éxitos, pero tamén os seus fracasos, as súas frustracións... para que os fillos constrúan na súa mente unha imaxe real dos seus pais, desmitificándoos e creando un novo modelo: o dunha persoa que sofre, que loita... para que os fillos poidan realizar os seus soños. Moitos pais baséanse en manuais de comportamento, de regras, pero os manuais serven para manexar máquinas, non persoas.

E cal debe ser a relación entre pais e profesores?

O enfrontamento entre pais e profesores é a tónica xeral en todo o mundo. En todas as nacións hai máis agresividade: máis agresividade entre pais e profesores, entre pais e fillos, e entre os propios alumnos. Segundo distintos estudos, entre o 6% e o 40% dos nenos ou adolescentes de todo o mundo sufriron nalgunha ocasión algún maltrato psíquico ou físico. Isto débese a que a sociedade moderna se converteu nun gran hospital psiquiátrico. O normal é estar irritado, nervioso, tenso, non ter paciencia, non colocarte no lugar do outro... O contrario é o anormal: ser empático, abrazar máis, facer de cada día un momento máxico... Os pais deben preparar os seus fillos para que entendan o teatro da vida. Sinceramente, paréceme que moitos pais están a preparar fillos enfermos para unha sociedade enferma. Os bos pais danlles aos seus fillos regalos, os pais brillantes danlles aos seus fillos a súa historia persoal. Os bos profesores preparan os alumnos para o éxito, os profesores brillantes preparan os alumnos para os días máis difíciles, para transformar o negativo en enerxía creativa. Todas as persoas pasamos na nosa vida por situacións moi estresantes e imprevisibles. Temos que aprender a protexer as nosas emocións.

Como?

As claves son varias: aprender a dar sen agardar algo a cambio, a entender que detrás dunha persoa que fere hai unha persoa ferida, non esixirlles demasiado aos outros e ser máis flexible. Moitos líderes, moitas persoas de éxito non saben protexer as súas emocións porque non son flexibles. Teñen a necesidade neurótica de ter sempre a razón e de que todos graviten ao seu redor. Iso é moi prexudicial. A capacidade de recoñecer os nosos propios erros é fundamental.

Vostede defende que a figura do profesor é sagrada. Pero a realidade é que o soño de moitos docentes consiste en se xubilar o máis axiña posible.

Este é un problema mundial. A educación convértese, en máis ocasións das que desexariamos, nun dos poucos ámbitos nos que hai un vendedor e non hai un comprador. E iso que vivimos nun momento dunha oferta ilimitada de información. Hoxe, un neno de sete anos ten máis información da que dispuña un emperador romano. Pero estas informacións non se transformaron en coñecemento, coñecemento en experiencia e experiencia en sabedoría. Son informacións que producen estrés, inquietude, ansiedade. Prodúcese unha hiperactividade funcional, aprendida por este sistema enfermo. É o que denominei con anterioridade como Síndrome do Pensamento acelerado. Padecen dor de cabeza, dores musculares, falta de concentración, insatisfacción crónica, irritabilidade, flutuación emocional, desprezo das regras... E eles reflícteno nun consumo desaforado de produtos e servizos. Convértense en ditadores que queren todo decontado e rápido.

En que debe mudar daquela o estilo de vida?

É importante asumir que cómpre tempo para adestrar o cerebro. Unha persoa é máis rica dende o punto de vista psiquiátrico e psicolóxico canto máis valora as pequenas cousas como un regalo para a súa emoción e como un adestramento, unha preparación para a vida. Nunca se desenvolveu tanto a industria do entretemento e nunca foron as persoas tan tristes e depresivas. A depresión vaise converter en 20 anos na doenza máis importante.

E que se pode facer nas escolas?

Debemos tratar de que os nenos teñan máis contacto coa natureza, que se potencien os traballos manuais, que aprendan música... A música clásica é moi boa para desacelerar o pensamento. Por iso, estamos a preconizar que as aulas deben ter música ambiente durante a exposición e que se coloquen en semicírculo arredor do profesor, coma se fose unha platea. Só con estas dúas medidas tan sinxelas, o estrés de nenos e profesores se reduciría á metade. Nós xa o probamos e comprobamos en escolas conflitivas do meu país, de Brasil. Xunto a esas técnicas e outras, logramos en tres meses que nestas escolas xa non teñan que chamar acotío á policía e que os alumnos amosen interese e ilusión polo coñecemento. E este cambio non require grandes investimentos. É barato.

Precisamente, nunca se investiu tanto na educación e, con todo, os resultados están lonxe de seren os desexados.

É certo. Insisto: os profesores son, ao meu xuízo, as persoas máis importantes dunha sociedade, pero están dentro dun sistema educativo enfermo. Estamos a producir persoas enfermas para unha sociedade enferma. Vou pór un exemplo: no sistema educativo non se humaniza o coñecemento, e iso é un crime intelectual porque os nenos, adolescentes e universitarios crerán unha falsa verdade, a de que producir coñecemento é unha tarefa de superheroes, de xigantes. E non é así. Todos os grandes produtores de coñecemento atravesaron crise, sufriron dilemas, foron rexeitados... Amais de humanizar o coñecemento, hai que potenciar a imaxinación fronte á información. A escola comete un erro cando se centra en tratar de que os alumnos acumulen información e máis información. Máis do 90% da información que se acumula no córtex cerebral non se rescata. É máis importante organizar dun novo xeito os datos, desenvolvendo o pensamento imaxinativo, para pensar con exemplos, desenvolver o raciocinio esquemático, a invención...

A clave é potenciar as ferramentas de pensamento.

Exacto. É fundamental. A capacidade de almacenamento de datos é limitada, pero a capacidade creativa é inesgotable. Pretender encher a cabeza de datos e datos e máis datos produce ansiedade e irritabilidade.

Redes sociais, chats, foros... Internet converteuse na praza pública na que os mozos establecen relacións. Que actitude deben adoptar os pais?

É certo que Internet permite ampliar o mundo dos mozos, pero tamén incrementa a superficialidade das relacións e, con ela, a falta de confianza e unha dificultade enorme para intercambiar experiencias de vida profunda. Creo que debe haber un límite e que os límites os deben establecer os pais, pero, na medida do posible, sen imposicións, con diálogo. As regras deben ser comprendidas antes de ser aceptadas.

Convén, polo tanto, que as relacións presenciais que manteñen os mozos prevalezan sobre as virtuais.

As relacións físicas son insubstituíbles. Producíronse nas últimas décadas dous fenómenos que cambiaron as relacións humanas. O primeiro foi a televisión. Os pais e fillos poñen máis atención nas imaxes que aparecen na pantalla e o diálogo mutuo silénciase. A familia convértese nun grupo de estraños vivindo nun mesmo lugar. O segundo fenómeno é Internet. É moito mellor ca a televisión, xa que o espectador xa non é pasivo. É activo. Con Internet coñecemos moitas persoas, pero, e velaí o problema, coñecemos só a súa sala de visita, non os seus cuartos máis íntimos. Ademais, a vida non dá para ter ducias, centos de amigos íntimos, que é a ilusión que pode facer crer Internet. É imposible. Os bos amigos pódense contar cos dedos dunha man, ou de dous como máximo. Para iso deben ser cultivados na realidade presencial.

Os pais deben ser amigos dos seus fillos?

Os pais teñen que ser os mellores amigos dos fillos. Tamén teñen que pór límites, pero a ecuación entre límites e amizade é a cuestión. Cómpre sorprender aos nosos fillos, saír da rutina, contar as nosas perdas e frustracións, para que os nosos fillos entendan que a través das nosas experiencias vitais, que non sempre foron positivas, nos facemos máis sensibles, máis humanos, máis xenerosos.

Non cre que esa amizade cos pais pode confundir os seus fillos sobre a natureza desta relación?

A amizade que eu defendo non é ser previsible, non é ser permisivo cos fillos, non é sobreprotexer os fillos ou deixar que os fillos manipulen aos pais. Hoxe os fillos están a manipular os pais. Ser amigo significa construír unha imaxe excelente nos fillos, abrazar máis, ser máis cariñoso e máis xeneroso; e, ao mesmo tempo, saber colocar os límites, aprender a dicir non... É dicir, establecer unha equilibrio entre autoridade e afectividade.

Ese equilibrio non parece doado.

Non o é. Pero se non o facemos, como imos preparar os nosos fillos para enfrontarse aos desafíos da vida, ás crises, ás angustias, ás decepcións... se non preparamos os nosos fillos para se relacionaren con outros seres humanos? Non o facemos se nos baseamos nun manual de regras moi estrito e superficial, e tampouco o facemos se somos moi permisivos e lles mercamos todo. Así, só formamos consumidores que só son números dunha tarxeta de crédito.

O fracaso escolar, o acoso, o 'bullying' son problemas antigos e comúns a todas as sociedades. Por que se lles concede tanta importancia na actualidade?

  É cada vez máis habitual a crueldade entre nenos e mozos e a falta de sentimentos ante a dor dos demais. Hai unha crecente falta de empatía, de pórse no lugar do outro. É unha das funcións máis importantes da intelixencia e non está sendo traballada. Que se debería facer? Pais e profesores deberían acompañar aos nenos e aos adolescentes e amosarlles a vida das persoas menos favorecidas: desempregados, anciáns, persoas enfermas... Se non adestramos aos nosos fillos centos de veces niso, esa capacidade non se desenvolve. Producirán así líderes que serán auténticos desastres, que mirarán só para o seu embigo. Non todas as persoas podemos ter nin grandes carreiras nin grandes traballos nin grandes recoñecementos.

Como se pode ensinar na sociedade do triunfo a vivir sen el?

A sociedade actual está obsesionada polo triunfo, polo podio, polo número un. Pero tan só algunhas persoas poderán chegar. Pero podemos ser o número 10, o número 100 ou o número 1.000 con dignidade e felicidade, e iso pódese e débese ensinar. Por desgraza, a axenda paranoica da sociedade estimula o contrario.

Vostede ten fillos?

Teño tres fillas ás que adoro.

Aplica con elas o que predica?

Aplico e en ocasións teño que recoñecer erros, pedir desculpas... porque quero que as miñas fillas entendan que unha persoa madura é aquela que recoñece os seus erros. Algúns anos atrás, a miña filla máis vella botoume en cara que tiña moitos pacientes, que daba moitas conferencias, pero que ultimamente non tiña tempo para falar con ela. Mireina aos ollos, aperteina e díxenlle: "é certo". E cambiei.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto