Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
· Ningunha das 18 oficinas municipais en Internet permite xestionar dunha maneira completa os dez trámites dos que constou o exame de CONSUMER EROSKI
· Só na páxina web de Madrid se puideron efectuar máis da metade das xestións
· O certificado de empadroamento e mais o rexistro dunha incidencia son os trámites máis comúns
Os cidadáns queren que a tecnoloxía lles aforre colas para xestións tan sinxelas como obter un volante de empadroamento, pero tamén queren que o seu Concello os manteña informados dos asuntos de importancia do lugar onde viven, é dicir, dispor ao instante de información útil sobre cuestións prácticas como o transporte público, os rueiros, o estado do tráfico, etc. Por este motivo e para comprobar a eficacia da e-administración, CONSUMER EROSKI tivo en conta tres aspectos fundamentais para lles proporcionar un bo servizo on line aos cidadáns en cada unha das 18 páxinas webs municipais seleccionadas: o uso de ferramentas multimedia (mapas interactivos das rúas, cámaras para o tráfico, mapas das liñas de autobuses, tranvía ou metro e información actualizada sobre os aparcadoiros cidadáns poden ser de grande axuda para o cidadán), a información para dispositivos portátiles (teléfonos móbiles ou axendas electrónicas) e a presentación da páxina. Este último apartado engloba a facilidade de navegación polo sitio web e a súa usabilidade, concepto que pode entenderse como as posibilidades que brinda unha páxina para que o usuario atope o que busca. Os factores que se tomaron en consideración foron cinco: se se pode acceder á páxina principal dende o logotipo (isto facilita o retorno ao inicio cando se rematou unha xestión ou non se escolleu o camiño correcto), se se pode atopar dunha simple ollada o apartado de trámites (afórralle moito esforzo visual ao cidadán), se a información de interese está ben visible, se se pode cambiar de idioma con facilidade e se o buscador se atopa visible.
A conclusión principal é que só Barcelona ten un nivel aceptable de optimización de recursos. Séguea Madrid, pero falla no apartado multimedia. O resto, a excepción da Coruña, vai moi por tras. As máis das web municipais acollen unha sección ou varias dedicadas á administración electrónica, pero non todas a amosan nunha zona preferente. Doutra banda, case a totalidade das páxinas web estudadas informan sobre a súa política de protección de datos, pero case ningunha sobre os protocolos de seguridade aplicados. O que non falta, e de feito sobra, é a información corporativa, sen interese para o cidadán e que só vai destinada a reforzar a imaxe do equipo xestor do momento.
Tamén se realizou un estudo de accesibilidade das web analizadas que amosou que a maioría cumpren cuns requisitos ou condicionantes mínimos para que poidan ser consultadas por usuarios con minusvalidez ou dende dispositivos como teléfonos móbiles ou PDA. As webs locais da Coruña, Granada, Logroño, Oviedo e Valladolid amosan as deficiencias máis significativas no que atinxe á análise da accesibilidade. No extremo contrario, cómpre salientar os exemplos de Zaragoza, Valencia, San Sebastián, Pamplona, Murcia, Madrid, Bilbao e Alacante (estas oito últimas páxinas webs son as mellores en niveis de accesibilidade). //
| Ciudade | Padrón(1) | Actividade cultural(2) | Reserva instalacións deportivas(3) | Carné transporte público(4) | Cita previa(5) |
|---|---|---|---|---|---|
| A Coruña | Moi ben | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible | Aceptable | Regular |
| Alacante | Ben | Moi ben | Aceptable | Regular | Trámite non dispoñible |
| Barcelona | Moi ben | Mal | Mal | Ben | Moi ben |
| Bilbao | Ben | Aceptable | Trámite non dispoñible* | Regular | Aceptable |
| Córdoba | Ben | Ben | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible |
| Granada | Ben | Regular | Trámite non dispoñible* | Mal | Trámite non dispoñible |
| Logroño | Ben | Trámite non dispoñible | Aceptable | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible |
| Madrid | Moi ben | Aceptable | Moi ben | Aceptable | Moi ben |
| Málaga | Moi ben | Regular | Regular | Regular | Trámite non dispoñible |
| Murcia | Aceptable | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible | Regular | Moi ben |
| Oviedo | Aceptable | Trámite non dispoñible | Ben | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible |
| Pamplona | Aceptable | Moi ben | Trámite non dispoñible | Aceptable | Trámite non dispoñible |
| San Sebastián | Aceptable | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible* | Regular | Trámite non dispoñible |
| Sevilla | Ben | Ben | Trámite non dispoñible | Aceptable | Trámite non dispoñible |
| Valencia | Moi ben | Regular | Regular | Aceptable | Trámite non dispoñible |
| Valladolid | Aceptable | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible* | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible |
| Vitoria | Ben | Moi ben | Moi ben | Aceptable | Trámite non dispoñible |
| Zaragoza | Ben | Aceptable | Regular | Aceptable | Moi ben |
| Ciudade | Consulta multas(6) | Permiso obras(7) | Vodas civís(8) | Licenza animais perigosos(9) | Incidencias(10) | Valoración final** |
|---|---|---|---|---|---|---|
| A Coruña | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible | Aceptable | Aceptable | Moi ben | Aceptable |
| Alacante | Trámite non dispoñible | Aceptable | Aceptable | Regular | Regular | Aceptable |
| Barcelona | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Ben | Aceptable |
| Bilbao | Trámite non dispoñible | Ben | Aceptable | Trámite non dispoñible | Aceptable | Aceptable |
| Córdoba | Moi ben | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible | Aceptable | Aceptable |
| Granada | Ben | Regular | Aceptable | Regular | Mal | Aceptable |
| Logroño | Ben | Aceptable | Regular | Trámite non dispoñible | Regular | Aceptable |
| Madrid | Moi ben | Aceptable | Regular | Moi ben | Moi ben | Moi ben |
| Málaga | Ben | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Ben | Ben |
| Murcia | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible | Regular | Moi ben | Regular |
| Oviedo | Trámite non dispoñible | Aceptable | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible | Aceptable | Aceptable |
| Pamplona | Trámite non dispoñible | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Aceptable |
| San Sebastián | Trámite non dispoñible | Aceptable | Ben | Trámite non dispoñible | Aceptable | Regular |
| Sevilla | Ben | Aceptable | Trámite non dispoñible | Trámite non dispoñible | Aceptable | Ben |
| Valencia | Trámite non dispoñible | Ben | Aceptable | Aceptable | Moi ben | Aceptable |
| Valladolid | Trámite non dispoñible | Regular | Trámite non dispoñible | Regular | Moi ben | Regular |
| Vitoria | Ben | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Aceptable | Ben |
| Zaragoza | Ben | Aceptable | Aceptable | Regular | Regular | Ben |
1. Padrón: analizouse se é posible obter o certificado de empadroamento.
2. Actividade cultural: comprobouse se é posible rexistrarse nalgunha actividade cultural.
3. Reserva de instalacións deportivas: estudouse se é posible reservar unha instalación deportiva para uso particular.
4. Carné de transporte público: observouse se é posible solicitar un carné de transporte público (xa sexa para estudantes ou para xubilados).
5. Cita previa: analizouse se é posible concertar cita previa para realizar algún trámite.
6. Consulta de multas: estudouse se é posible consultar o expediente de multas por infracción de tráfico.
7. Permiso de obras: comprobouse se é posible solicitar unha licenza de obras no fogar por Internet.
8. Vodas civís: estudouse se é posible obter on line unha solicitude para casar no Concello.
9. Licenza de animais perigosos: analizouse se é posible obter a licenza de animais perigosos.
10. Incidencias: comprobouse se é posible rexistrar unha incidencia.
* Trámite non dispoñible: en Bilbao, Granada, San Sebastián e Valladolid esta xestión pódese realizar a través doutra páxina web dedicada especialmente ás instalacións deportivas municipais.
** Valoración final: obtívose tendo en conta a información recibida en cada un dos trámites (se é necesario un certificado dixital para realizar a xestión, a documentación e requisitos necesarios, os prazos, os destinatarios, se informan sobre a Lei de protección de datos, a normativa concreta para levar a cabo ese trámite, a resposta por parte do Concello en concreto, etc.) e mais a súa eficacia (se se produciron problemas técnicos durante a tramitación de cada xestión, a sinxeleza dos pasos, etc.). Ademais, tívose en consideración o número de trámites que se puideron realizar cen por cen on line e mais aqueles dos que non se puido nin sequera obter a solicitude ou algo de información.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI