Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Administración Electrónica: analizada a sección de trámites virtuais de 18 páxinas web municipais: Administración electrónica municipal: máis información ca xestión efectiva de trámites

· Ningunha das 18 oficinas municipais en Internet permite xestionar dunha maneira completa os dez trámites dos que constou o exame de CONSUMER EROSKI
· Só na páxina web de Madrid se puideron efectuar máis da metade das xestións
· O certificado de empadroamento e mais o rexistro dunha incidencia son os trámites máis comúns

  Achegarse ao concello para obter un documento oficial ocasiona, cando menos, tedio: longas colas, volta e revolta polo documento que falta, datos incorrectos, etc. Para se botar a tremer! A solución, polo menos sobre o papel, atópase, como non, en Internet. Iso aseguran a teoría e a publicidade dos gobernos locais. Pero a realidade rebaixa as expectativas. A administración electrónica municipal ofrece máis información ca xestión efectiva de trámites. Así o constatou CONSUMER EROSKI logo de analizar o deseño, funcionamento e accesibilidade da oficina ou portelo virtual de 18 concellos. Limítase nos máis dos casos á obtención do certificado de empadroamento e a rexistrar unha incidencia, e en non poucas ocasións o usuario da páxina web municipal pérdese entre a profusión de información institucional.

Para este estudo, elaborado nos sitios web dos concellos da Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza, realizouse unha proba práctica, na que técnicos da revista cursaron, a primeiros de outubro, 360 xestións sobre dez trámites on line:

  • Acadar o certificado de empadroamento.
  • Inscribirse nunha actividade cultural.
  • Reservar instalacións deportivas para uso particular.
  • Obter o carné de transporte urbano.
  • Concertar cita previa (para resolver un asunto municipal).
  • Consultar o estado das multas.
  • Pedir permiso para unha obra no domicilio.
  • Realizar unha solicitude para unha voda civil no Concello.
  • Inscribir o animal de compaña no censo de animais perigosos.
  • Rexistrar unha incidencia na vía pública.

  Durante a proba, realizada por usuarios de nivel medio de Internet (o perfil máis común dos cidadáns que recorren a estes servizos), os técnicos utilizaron un certificado dixital de ámbito nacional (un documento que serve para identificar de modo seguro un usuario cando se conecta a un sistema informático e mais para asinar documentos e correos electrónicos) na xestión dalgúns trámites, aínda que nos máis sinxelos non se precisou documentación dixital ningunha. En Barcelona, Valencia, Alacante, Bilbao, Vitoria e San Sebastián o certificado requirido é o que expide a correspondente comunidade autónoma (ONA ou Izenpe no País Vasco, Idcat en Cataluña e Clau-ACCV na Comunidade Valenciana). O certificado nacional ou autonómico serviu na maioría das webs municipais analizadas, agás en Logroño e Oviedo, onde houbo que solicitarlles aos concellos unha clave e identificación persoal.

A carencia principal das oficinas virtuais é a súa limitada eficacia. Aínda que abunda a información, en ningunha das 18 web municipais se puideron completar en Internet os dez trámites administrativos dos que constaba a proba práctica. Só na web de Madrid se deron xestionado on line de comezo a final seis dos dez trámites: obter o certificado de empadroamento, reservar unha instalación deportiva para uso particular, pedir cita previa, consultar as multas, inscribir un animal no rexistro de animais perigosos e rexistrar unha incidencia. Ademais, para inscribirse nunha actividade cultural e solicitar un permiso de obras no fogar permitíase descargar unha solicitude. No resto dos trámites, informábase polo miúdo sobre como realizar a xestión. Por iso, recibe a mellor valoración, un 'moi ben'. Nas páxinas municipais de Barcelona e Zaragoza xestionáronse os dez trámites, aínda que a maioría de modo parcial, unicamente coa posibilidade de descargar unha solicitude ou de solicitar información sobre a xestión para realizala a posteriori de xeito presencial. O número de trámites efectivos nas dúas capitais non pasou de tres. Algo similar aconteceu en Málaga e en Vitoria, onde nos portelos virtuais o único que non se deu feito foi concertar unha cita previa (nin sequera se atopou información).

As peores oficinas virtuais foron as de Córdoba, Oviedo, Valladolid, San Sebastián e Murcia, posto que nas cinco os técnicos non puideron xestionar, aínda que fose só en parte, a metade dos trámites testados e nin sequera atoparon información sobre os pasos que hai que seguir para a súa xestión presencial. Cando o trámite se realiza satisfactoriamente por Internet, as páxinas web de Barcelona, Madrid, Oviedo, Pamplona e Vitoria amosan unha mensaxe na que se especifica que o trámite se completou, amais de facilitaren un número ou código de referencia por se houbese que facer algunha reclamación. A análise concentrouse no apartado de trámites e servizos (ou oficina virtual), polo que se considerou como non dispoñible aquel que non se atopaba nesta sección e que tampouco contaba cun enlace nesta área que levase á páxina axeitada.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto