Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Analizados 4 tampóns e 4 compresas: Compresas ou tampóns: cuestión de gustos, que non de eficacia

Exceptuando os 100% algodón, inferiores en calidade, tanto compresas como tampóns cumpren coa función que teñen asignada. Os tampóns prefírense compactos, pequenos e con aplicador de plástico

  Analizáronse catro compresas (Evax fina e segura, Evax, Ausonia e Silvercare) e outros tantos tampóns (Tampax Compak, Tampax, O.B. e Silvercare) para un fluxo "normal", "moderado" ou "regular". Nas compresas, só Evax fina e segura era "sen ás", as outras tres eran "con ás"; por outro lado, tres envases contiñan 16 compresas e a restante, Silvercare, só 10 unidades. Entre os tampóns había diferenzas no formato (o seu envase tiña dende 16 ata 40 unidades) e no prezo, saían dende 12,3 céntimos de euro a unidade (Tampax) ata 19,8 céntimos (Tampax Compak). Os dous produtos Silvercare son distintos aos demais porque están compostos exclusivamente de algodón. O resto dos tampóns fabrícanse con fibras de viscosa ou con mestura de viscosa e algodón e, salvo Sivercare, as compresas empregan celulosa mesturada con SAP, un polímero superabsorbente. Esta diferenza non é banal, está detrás dos inferiores resultados de Silvercare. Os prezos das compresas diferiron moito, sobre todo polos 29,5 céntimos de cada Silvercare, xa que nas outras tres o prezo foi máis parecido, dende os 12,2 céntimos de Evax fina e segura ata os arredor de 15 céntimos por unidade de Evax e Ausonia. Os tampóns non son en xeral máis caros ca as compresas, pero tampouco ao revés. Polo tanto, o criterio para inclinarse por un ou outro tipo de produto non é o prezo. Pero tampouco o é a eficacia.

Así o demostra este comparativo, que permite concluír que o que fai que as usuarias se decanten por tampóns ou compresas (aínda que non poucas combinan o uso de ambos os dous produtos) pertence ao ámbito do subxectivo, ás preferencias persoais. Comprobouse que tanto as compresas coma os tampóns están ben fabricados e etiquetados, que resultan seguros e que o seu deseño, composición, absorción e, en xeral, a súa eficacia son satisfactorios. Cunha excepción: os dous produtos Silvercare (únicos 100% algodón), que ofreceron resultados inferiores, particularmente a compresa, que absorbe a terceira parte das outras. Silvercare declara "algodón ecolóxico certificado, sen perfumes, libre de cloro e dioxín, sen viscosa, biodegradable e hipoalerxénico". Con estas alegacións parece indicar que os seus produtos son máis ecolóxicos, naturais ou saudables, pero CONSUMER EROSKI considera que non se pode asegurar que o algodón sexa máis compasivo ca a celulosa co medio nin coa pel. Os produtos Silvercare, iso si, poden ser útiles para as usuarias con intolerancia aos materiais que empregan as outras marcas.

A proba de uso revelou unha clara preferencia polos tampóns compactos, pequenos e con aplicador de plástico, como Tampax Compak. Na proba de compresas, as usuarias coincidiron na calidade inferior de Silvercare, mentres que as outras se valoraron de modo parecido. A análise confirmou que (en contra do que se especulou) os tampóns non conteñen dioxinas. Comprobouse que a calidade microbiolóxica de tres era correcta, pero a de Silvercare foi "mellorable": aínda que os seus microorganismos non eran patóxenos, a súa cantidade era superior ao que esta revista entende admisible (non hai normativa). A mellor relación calidade-prezo dos tampóns é Tampax Compak aínda que sexan os máis caros; e entre as compresas, Evax fina e segura, as máis baratas e pequenas, e ben valoradas polas usuarias na proba práctica.

Compresas e tampóns: os materiais

Pola súa estrutura e materiais, as compresas son similares aos cueiros para bebés, mentres que os tampóns teñen forma de cilindro e son de fibras prensadas de raión (viscosa) ou de algodón. As compresas máis vendidas teñen un núcleo de celulosa (airlaid) mesturada con SAP (polímero superabsorbente) que ao se mollar adopta a forma de xel e non deixa pasar o líquido aínda que se prema a compresa. A capa en contacto coa pel é dun tecido sintético que fai que o líquido pase cara ao núcleo. Así, non penetra nas fibras sintéticas, co que se logra que a pel da usuaria se manteña seca. Os tampóns son preferentemente de fibras como a viscosa. Os pequenos son máis preferidos polas usuarias e reducen custos de produción e impacto ambiental. A celulosa é, xunto co SAP, o absorbente máis usado nas compresas. O raión ou viscosa dos tampóns obtense da celulosa, pero tamén se pode utilizar só algodón nas compresas e mais nos tampóns, como fai Silvercare.

O SAP ou polímero superabsorbente é un dos materiais máis absorbentes que se coñece, retén 800 veces o seu peso en líquido, o que explica o seu uso en compresas; non se utiliza SAP en tampóns porque niveis de absorción tan elevados se vinculan (só en tampóns) á Síndrome do Shock Tóxico, enfermidade moi infrecuente que pode ser mortal. Os fabricantes, que deixaron de producilos con SAP, acordaron que os seus envases informarían sobre esta síndrome; as catro mostras, en efecto, incluían estas advertencias. O material de Tampax Compak e de O.B. é viscosa (raión), Tampax mestura viscosa e algodón; e Silvercare usa só algodón.

Tampóns

Se ben algunhas usuarias prefiren tampóns sen aplicador, son as menos. O máis común é que valoren que conte cun aplicador (pode ser de plástico e de cartón) que facilite a súa inserción. O de plástico non se estraga se se molla, polo que fai máis doada a introdución do tampón cando a usuaria está, por exemplo, na praia ou piscina. Os catro estudados son tampóns para fluxos intermedios, e cando o produto ofrecía dous niveis de absorción para fluxos moderados elixiuse o de capacidade inferior. Tres dos catro recomendan para fluxos moderados-lixeiros un nivel de absorción dúas pingas (6-9 gramos), sendo O.B. o único que suxire un tres pingas (9 a 12 gramos). Os catro absorben máis ca suficiente, polo que cumpren coa súa función principal. O de maior absorción era O.B, o que non constitúe unha virtude en si mesma, xa que o mellor tampón é o que coa menor capacidade de absorción satisfai as necesidades da súa usuaria. Destacou O.B., cun coeficiente de absorción de 4,9 gramos por cada gramo de tampón. Non obstante, o tampón máis pequeno é Tampax Compak, que mide 44 mm de longo cando os outros alcanzan 47, 48 e 50 mm, e só 10 mm de diámetro, cando os demais chegan aos 13 mm. O tampón ideal absorbería todo o fluxo sen se deformar practicamente, pero no mundo real todos aumentan de tamaño. Tampax Compak foi o tampón que máis aumentou o seu diámetro: medrou un 117%, mentres que Tampax, cun 28%, apenas o incrementou. En lonxitude, volveu ser Tampax Compak o que máis medraba (44%); e, no outro extremo, o de O.B. (3%) case non se alongou.

Outro elemento que se examinou foi o cordón, xa que a súa rotura pode converter en desagradable a experiencia de quitar o tampón. Comprobouse que os catro tiñan cordóns mesmo máis resistentes do necesario.

Tampóns con dioxinas, un conto

O dobre rumor, nacido hai anos, de que os tampóns poderían ter dioxinas (compostos tóxicos con posibles efectos nocivos, canceríxenos e sobre a reprodución) e de que os fabricantes poderían utilizar asbestos para promover o sangrado menstrual e aumentar así o seu negocio adquiriu certa relevancia en medios de comunicación dos EEUU. Tanta que a FDA (Food and Drug Administration) emitiu un documento no que aseguraba que na produción de tampóns non se utilizan asbestos e se advertía de que o seu emprego sería un delito. A FDA comunicou tamén que traballara cos produtores de celulosa para desenvolver métodos de branqueo que non xerasen dioxinas.

CONSUMER EROSKI, logo da análise, pode afirmar que a concentración de dioxinas nos catro tampóns é insignificante, e moi inferior ás 0,75 partes por trillón, o máximo máis esixente para produtos alimentarios.

As compresas

Considérase que unha compresa ideal será pequena e fina, pero na proba de uso non se anotaron preferencias por Evax Fina e Segura, a máis curta e estreita das catro comparadas. Se ben a maioría son xa bastante finas: as novas fibras e materiais superabsorbentes fixeron que as grosas compresas de celulosa pasasen á historia. Silvercare, a máis grosa (2,8 mm), foi a única criticada polo seu grosor na proba de uso.

Por outra banda, canto maior sexa a súa superficie adhesiva, con maior firmeza unirase a compresa á braga impedindo que se mova. En tres das catro esta superficie foi de 64 a 79 cm2, mentres que en Silvercare era só de 27 cm2. Esta compresa foi a única mal cualificada en "suxeición á braga". Tamén valoran as usuarias que a capa superficial, que entra en contacto coa pel, sexa suave. En todas menos Silvercare esta capa era de plástico. Na proba de uso Silvercare foi a única con mala nota en "suavidade de superficie".

A eficacia dunha compresa mídese atendendo ao seu comportamento en tres frontes: escapes, retorno e retención. Utilizáronse manequíns aos que se lles colocou en posición sentada e de pé, para deseguido liberar 12 gramos dunha solución que simula o fluxo menstrual e determinar o grao de eficacia da absorción. Evax, Evax Fina e Segura e Ausonia absorberon os 12 gramos de fluxo sen que escapase nada en ningunha posición, pero con Silvercare filtráronse 1,6 gramos en posición de pé e 1,5 gramos en sentada.

Unha compresa eficiente deberá, tamén unha vez absorbido o fluxo, retelo no seu interior impedindo a súa saída e mantendo seca a pel que permanece en contacto coa compresa. En Evax, Evax Fina e Segura e Ausonia, o retorno de fluxo cara á superficie apenas supuña un deses 12 gramos (resultado satisfactorio), pero en Silvercare representaba 7,5 gramos, o que revela que non pode reter o líquido no interior da compresa. Este retorno era superior cando a compresa se utilizaba en posición sentada.

Para rematar, canto maior sexa o fluxo retido, máis segura será a compresa e haberá menos risco de saída do fluxo, por exemplo, cando se dobra para desbotala. Evax, Evax fina e segura e Ausonia retiñan 6-7 gramos, mentres que Silvercare só podía con 2,3 gramos. Na proba de uso, Silvercare foi a única deficiente en "protección durante o uso". //

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto