Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

8 pans de molde, brancos e integrais, analizados: O pan de molde integral é máis saudable e barato ca o branco

Para un consumo frecuente, o pan de molde, en xeral, é menos saudable ca o pan común: ten máis graxa, máis azucre e máis sal e numerosos aditivos

  Analizáronse catro pans de molde brancos e catro integrais de Bimbo, Panrico, Moldipan e La Hornada Casera. O seu envase era unha bolsa de plástico de entre 295 e 545 gramos e o número de rebandas ía de 14 a 25. Os máis baratos, de Moldipan, saían a 1,5 euros o quilo e os máis caros, de Bimbo, a 5,02 euros o quilo de pan de molde branco e a 3,58 euros o integral. O pan de molde pertence á categoría de pans especiais e os seus ingredientes son fariña de trigo, sal, lévedo, auga potable, aditivos e outros como aceites e graxas vexetais, azucre, lácteos e fariña de leguminosas ou malte.

A primeira conclusión é de tipo xeral. Os pans de molde, aínda os de mellor composición nutricional, son menos saudables para un consumo frecuente ca o pan fresco do día. Teñen máis graxa, dende o 2,7% ata o 6,1%, que se incorpora para lle dar sabor, tenrura e textura ao produto; o pan común ten só o 1,5% de graxa. Tamén levan máis sal (de media, o 1,3% de sal e algúns superan o 1,5%, cando o pan fresco ten o 1%) e empregan numerosos aditivos (todos autorizados) dos que o pan fresco carece. Iso si, o de molde é só un chisco máis enerxético (235 a 275 calorías cada cen gramos) ca o fresco (250 cal/100 g). O que lle proporciona moitas calorías e graxa saturada ao sándwich non é o propio pan, senón os alimentos que van dentro: embutidos, touciño entrefebrado, queixo, maionesa, hamburguesas, manteiga. A vantaxe do pan de molde é a súa conservación, moi superior á do pan do día, e que é máis bo de mastigar.

O pan común ten entre o 2,2% e o 3,5% de fibra, segundo variedades; os de molde brancos evidenciaron no laboratorio entre o 1,6% e o 3,9% e os integrais dende o 4,3% ata o 6,5% de fibra. Outra constatación: os de molde integrais son máis saudables ca os brancos (máis do dobre de fibra, menos caloríficos e menos graxa saturada) e máis baratos. O integral Panrico sae a 3,03 euros o quilo cando o branco desta marca sae a 4,69 euros/kg. Os únicos incumprimentos coa lexislación, pouco relevantes, afectaban á etiquetaxe de dúas mostras (véxase "Un por un"). En realidade, o único parámetro regulado especificamente para o pan de molde é a humidade, que non debe superar o 40% nos brancos e o 42% nos integrais, e as oito mostras analizadas (tiñan entre o 33% e o 38% de humidade) cumprían. Por outra banda, o estado hixiénico dos oito pans era correcto e ningún contiña ingredientes modificados xeneticamente. Comprobouse que algúns fabricantes de pans de molde empregan aceites vexetais (oliva, xirasol, soia), máis saudables por conteren menos graxas saturadas, mentres que outros recorren ás graxas vexetais, cun perfil lipídico menos saudable polo seu exceso de graxas saturadas. En Panrico branco e nos dous de La Hornada Casera, a graxa saturada representa arredor do 50% da graxa cando nas outras cinco mostras esta proporción vai do 20% ao 26%.

Non son iguais, hai que elixir

Son ben diferentes, a cantidade de graxa déixao claro: vai dende o 2,7% de Bimbo branco ata o 6,1% de Panrico integral, e entre os brancos hai tres de preto o 5% de graxa. En fibra, os integrais teñen máis ca os brancos, pero entre estes últimos hai un co 1,6% (La Hornada Casera) e outro que roza ao 4% (Panrico). En poder enerxético, os pans de molde apenas difiren: os extremos ocúpanos os brancos Moldipan e La Hornada Casera -case 275 calorías cada cen gramos- e Bimbo integral, con 235 cal/100 g. En sal houbo diferenzas importantes: do 1,1% de Panrico branco ata o 1,5% de Panrico integral e o 1,6% de Moldipan branco; lembremos que un alimento é demasiado salgado cando supera o 1,5% de sal.

O nutriente fundamental do pan de molde son os hidratos de carbono e dentro destes, o amidón. Os pans de molde estudados neste comparativo teñen, de media, un 45% de hidratos de carbono (o branco, o 47%; o integral, un 42%), proporción similar á do pan común (ten o 47% de hidratos, dos cales o 2% son azucres engadidos). Amais do amidón (hidrato de carbono complexo) que procede das fariñas, os oito pans de molde conteñen azucre (hidrato sinxelo), engadido no proceso de elaboración coa finalidade de favorecer a fermentación e mais o torrado. Os pans de molde analizados conteñen de media un 3,6% de azucres engadidos, un chisco máis os pans brancos ca os integrais. O de molde branco Panrico (6,1%) é o de máis azucre, e o integral La Hornada Casera (2,4% de azucre) o que menos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto