Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Fernando Roch, catedrático de urbanismo: "Os adosados son lugares sen futuro"

 Construír cidades nas que as persoas sexan felices. Non se lle pode negar nin atractivo nin dificultade a esta meta, que é, ou debería ser, o obxectivo dos urbanistas, unha disciplina oculta ao gran público polas bambolinas da arquitectura. Fernando Roch, catedrático de Urbanismo, coida que a deriva urbana actual non conduce precisamente a ese fin. Por iso defende a recuperación da cidade como teatro cívico e crisol social, funcións ambas as dúas feridas, ao seu xuízo, pola especulación e a cultura do adosado.

Que labor realiza un urbanista?

É unha boa pregunta. Algún diría que somos os colaboradores indispensables do desastre nacional, desta especie de festival do ladrillo no que nos embarcamos. E pode que haxa algún urbanista que o fixese. Sempre hai unha colaboración necesaria en todo crime. Pero eu penso que non, que a maioría non exercemos ese papel. Un urbanista trata de facer boas cidades. Que é unha boa cidade? Aquela onde os cidadáns son felices. Nós traballamos a dimensión espacial dunha sociedade (vida pública, relacións sociais, relacións produtivas...), un obxecto por certo extraordinariamente complexo. Se un non sabe navegar nel, pérdese. Os urbanistas, ou somos bos navegantes ou afogamos nun océano demasiado complicado.

De que se compón ese océano?

De todo. É o mundo, a vida mesma, trufada, e hoxe por hoxe dominada, por intereses económicos. O principal problema que temos é que a economía se converteu na única disciplina que fala da cidade. Convertemos un fenómeno social, a cidade, nun fenómeno económico.

E a economía non pensa precisamente na felicidade dos cidadáns!

Pensa no beneficio. As cidades neste momento son o espazo principal do poder. Houbo un tempo no que era o campo, ou unha combinación dos dous ámbitos. Agora non, agora só o é a cidade. E iso acontece en todo o mundo. Ata en África, nas zonas con menor desenvolvemento, aparece un mundo francamente urbanizado. As poboacións rurais van á cidade como sexa, ás cidades de alí ou ás cidades de aquí, e xogan a vida se cómpre. Isto creou un problema mundial de difícil solución, que son estas megacidades, rodeadas de periferias informes onde se acumulan millóns e millóns de persoas.

Que consecuencias ten?

As nosas cidades debúxanse máis e están ao servizo dos cidadáns medios, xa estratificados e agrupados por niveis de renda e patróns de consumo. En lugar de ser unha cidade de cidadáns libres, un gran teatro cívico no que se discute, no que a diversidade é a norma, falamos dun mundo estratificado, estanco, que empeza xa na vivenda, porque a vivenda é o primeiro espazo de habitación e a primeira maneira de consumo. Na vivenda debúxase o teu xeito de vivir.

Como é ese xeito de vivir?

Ben, xa case non hai nin comedor, porque se come rápido ou fóra. Hai dormitorios, moitos cuartos de aseo e un lugar para ver a tele. Iso é unha vivenda moderna. Hai 40 anos fun a París a cursar o doutoramento e había no metro uns carteis que dicían "metro, traballo, tele e a durmir". Eu non vin nos tratados de urbanística unha mellor descrición da vida do cidadán medio. E non só segue a ser así, penso que se acrecentou. Agora, os fins de semana incluíuse a churrascada co cuñado, que forman un tándem inseparable. Onte vía un programa de televisión fantástico sobre as periferias destes adosados interminables. E os seus propietarios estaban encantados de vivir alí, malia que nin o xardín é un xardín, nin a piscina é unha piscina... Todo é simbólico, ideolóxico. A única compensación que tiñan estas persoas, que todos os días tiñan que percorrer cen quilómetros en coche atravesando Madrid, era a churrascada coa familia.

É tan nociva a cultura do adosado?

O primeiro que hai que dicir é que quen goberna a construción da cidade é o sistema inmobiliario, unha máquina de crecemento que non se pode deter. Este é o grave problema. Construímos un mundo físico que está por riba das nosas necesidades. É como eses cans que están de moda, que teñen unha pel que parece dun irmán maior e que se prega polo seu corpo. A min intranquilízanme moito porque cando os vexo, vexo o sistema inmobiliario. O sistema inmobiliario español está baseado na creación de vivenda nova, que conduce á creación de máis periferias, de máis infraestruturas de transporte... Madrid debe ter como 2.000 quilómetros de autovías para abastecer todo un sistema metropolitano que está a 30, 40, 50 quilómetros da cidade. E que acontece? Que un terzo dos pisos de Madrid están baleiros. Isto fíxose aquí, pero non se fixo en Francia. O 60%-70% das licenzas de construción que se conceden en Francia son para rehabilitar vivendas. Aquí iso supón un 10%. Esa é a diferenza. Eles recuperan un patrimonio urbano que xa ten as rúas, a iluminación e os servizos feitos... É moi barato e eficiente, é un capital social que tes á túa disposición. Fronte a iso, a persoa que ten que ir a 25-30 quilómetros, que mira ao seu arredor e ve un deserto. Sabes cal é a clave desas vivendas? A neveira. Sen un espazo de acumulación de produtos, estás perdido.

Vostede non vivirá nun adosado?

Non, non. Vivo preto da facultade. Veño a andar a traballar. Vivo ben porque non teño un adosado e ao meu cuñado véxoo pouco. Isto último é broma.

E neste sistema inmobiliario do que fala, que papel xoga o urbanista?

É quen asina. Agora ben, todas estas periferias non teñen un proxecto urbano. Vivimos un paradoxo. Nunca a Humanidade dispuxo de mellores medios, pero o progreso material non se corresponde co progreso das cidades. Non temos as mellores cidades da Historia, nin moito menos. As nosas cidades distan moito, pero moito, de seren as mellores que podiamos ter.

E iso é porque aos urbanistas non se lles ten en conta?

Home, houbo un usurpamento de poder. Hai un crecemento inmobiliario que me parece patolóxico. Por fortuna, parece que hai un cambio de actitude xa en Europa a favor de recuperar a cidade. Intentemos que as cidades volvan ser habitables.

Como se pode conseguir?

  Hai que cambiar a fiscalidade, as leis do chan... As leis do chan actuais son leis de crecemento, para seguir ampliando o perímetro das cidades.

A construción converteuse no problema e non na solución.

Si, e a diferenza do que aconteceu na crise de 1929. Esa crise curiosamente tivo unha saída inmobiliaria. Así foi nos Estados Unidos. A construción é unha locomotora que arrastra o resto da economía. Certo. E para iso crearon algo tan particular como o suburbio, ese que sae en películas e que se fixou no imaxinario colectivo.

E que chega ata a cultura do adosado que vivimos no noso país.

Si. Poderiamos dicir que é un corolario degradado, castizo, daquela historia, que por certo deixou as cidades baleiras. É verdade que o suburbio xa existía daquela, pero estaba limitado á gran burguesía, que vivía na cidade xardín. Pero aquí o que se fixo foi masificar o fenómeno, porque a industria funciona con masas. Foi perfecto. A cuestión era tamén vender un automóbil. Non podes vivir na periferia se non tes un vehículo para te moveres. Consecuencia: os centros históricos das cidades baleiráronse un 80%. Houbo que cambiarlles o seu imaxinario. Non sei se o cinema, o cinema negro, tivo moito que ver nese plan de converter a cidade nun escenario inseguro. A inseguridade é importante. Ti a unha persoa créaslle inseguridade nun espazo determinado e acaba abominándoo e marchando a outro. Ademais, construíronse suburbios estancos. Se na cidade histórica as clases vivían máis ou menos mesturadas, no suburbio non se mesturan. Hai unha descomposición social que adquire forma espacial. E os centros históricos ocúpanos os sectores máis marxinais.

E iso é o que está a acontecer aquí?

En certo modo. Fálase das cidades mediterráneas, como a dieta. Creo que a xente pensa que teñen menos colesterol. Bromas á parte, si é verdade que vivir nunha cidade goza en España aínda de certo prestixio.

Como se poden recuperar entón os centros históricos?

Cambiando o imaxinario colectivo, o prestixio. Se o melloras, prodúcese un movemento, sobre todo das clases medias profesionais, de revalorización de espazos, que arrastra o resto.

Algunha idea para atraer de novo os cidadáns ás cidades?

Hai que reelaborar o patrimonio edificado. Temos unhas cidades cun parque de vivendas que precisa melloras. Precisa, entre outras cousas, pisos máis amplos, xusto o contrario do que se está a facer. Constrúense pisos máis pequenos porque saen máis rendibles, claro. Un amigo xustificábao dicindo que cada vez hai máis divorcios. Claro, como non se van divorciar dúas persoas que teñen que convivir décadas en 40 metros cadrados. O que é milagreiro é que se manteña a unión. Ademais, nun espazo así non caben nenos. Como vas favorecer a natalidade se non teñen espazo. Un neno significa o desterro, porque na periferia é no único sitio no que pode ter un cuarto para el. Ademais, as nosas dotacións urbanas non están pensadas para ter nenos. Saes á rúa e o neno asfíxiase, non teñen parques, non hai garderías... Fixemos que a vida dun neno sexa moi difícil na cidade tradicional, porque antes non o era. Eses son os problemas. Nós necesitamos recualificar os nosos espazos históricos. Necesitamos albaneis para rehabilitar edificios, non para construír adosados a 50 quilómetros.

A cidade garante a integración social?

Nas cidades históricas, o substrato material aínda está moi mesturado. Vén de sociedades onde esta práctica social non adquirira a precisión coa que hoxe se constrúe ese espazo, e que se reflicte nesas fileiras de adosados. Por iso hai que reivindicar unha cidade complexa, mesturada. Se hai algo diso que aínda pervive, hai que buscalo no centro das cidades, non nas periferias. Cal é o papel dos urbanistas? Rescatar eses espazos, esa fórmula espacial. Se non é así, a cidade estáncase, e con ela a sociedade. É unha utopía, pero marca a dirección.

En lugar do teatro cívico que vostede citou, a cidade converteuse nun espectáculo.

Si. A cidade deixou de ser un teatro social para converterse nun espectáculo propagandístico no que se compite para ver quen acumula un maior número de obras de arquitectos de renome. E que conste que non teño nada en contra dos arquitectos, eu mesmo son arquitecto e lévome ben comigo mesmo.

A relación entre arquitectos e urbanistas é a desexable?

Non. O certo é que non hai unha relación fluída. E estaría ben que a houbese.

No cambio que vostede propón, que pasaría coas periferias que xa se crearon?

As periferias actuais repletas de adosados son lugares sen futuro ideados para un home medio uniforme, todo o contrario á diversidade social que está na esencia da cidade. Hai que rematar con iso, pero non é doado, en primeiro lugar porque as persoas que viven nesas periferias non queren. A solución pasaría por reconvertelas en cidade, habería que reintroducir nelas a cidade que falta. Nestes adosados non hai cidade, non hai comercio...

Queda vida nas cidades?

Nas cidades queda vida, pero moi pouca porque se saqueou. Tiróuselles a vida ás cidades.

Vivimos cada vez máis persoas en cidades cada vez menos habitables.

Vivimos máis persoas en cidades a custa de destruír a vida cidadá. Así e todo, hai que diferenciar o concepto de cidade das estruturas urbanizadas.

Non só se está a maltratar o medio natural, tamén o social.

Exacto. Non só se esquilma a natureza, esquílmanse as cidades, que representan a natureza social, o máis complexo que a Humanidade foi capaz de crear.

Hai algunha cidade no noso país que estea ben urbanizada?

Non o sei. Adóitase falar de Vitoria como exemplo. É unha cidade agradable para vivir, e esa é a mellor proba da súa boa urbanización. Unha cidade ben comunicada, na que se a persoa quere acceder á cultura ou á práctica deportiva pode facelo, do mesmo xeito que pode quedar cos seus amigos para conversar ou para tomar algo sen que estea marcado por compartimentos ou urbanizacións estancas. É dicir, na que a diversidade social é real.

O tamaño importa?

Si. O tamaño inflúe. Canto máis grande é a cidade, é máis difícil que sexa habitable.

Cales serían os límites?

Entre o medio millón de habitantes e o millón estaría o límite.

Vostede vive en Madrid, unha cidade que, segundo ese criterio, non sería habitable.

É certo. Non vivo nunha cidade habitable, pero vivo nun barrio, barrio, no que a diversidade social é un feito.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto