Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Canceiras: analizadas as instalacións xestionadas, contratadas ou subvencionadas en 18 capitais españolas: As canceiras ofrecen un servizo aceptable, pero precisan melloras en información e servizos

- A limpeza e a seguridade, o mellor destas instalacións.
- O abandono dun animal pódelle custar ao seu dono ata 210 euros e a adopción, 85 euros.
- Atopáronse grandes diferenzas entre unhas cidades e outras.
- Só en catro centros dos 18 visitados recoñecen sacrificar os animais.

  As canceiras non gozan de boa imaxe. Asócianse a lugares insalubres nos que os animais ouvean amoreados e cotrosos mentres agardan o momento do sacrificio. Agora ben, a realidade non sustenta este prexuízo. En liñas xerais, as súas infraestruturas son amplas e as mascotas (a maioría cans, pero tamén gatos e, nalgún caso, ata cabalos ou loros) dispoñen de espazo, alimento e hixiene suficientes. O seu estado é aceptable, aínda que as deficiencias son significativas. As principais: unha información e atención ao cidadán escasa e unha dotación de servizos mellorable (unha de cada catro non conta con controis veterinarios periódicos e unha de cada tres non segue un calendario de vacinas). Así o comprobou CONSUMER EROSKI na análise dos 18 centros de referencia xestionados, contratados ou subvencionados polos concellos doutras tantas capitais. Tamén se constatou que, aínda que poida resultar paradoxal e contrario ao fomento de actitudes cívicas, deixar un can nestes centros non sae gratis. Se unha persoa decide desprenderse da súa mascota e acode a unha canceira, en seis das 18 cidades deberá desembolsar unha cantidade que vai dende os 25 euros ata os 210 euros. En dúas de cada tres das capitais tamén terá que pagar quen desexe adoptar algún dos animais depositados nestas instalacións (dende 10 euros ata 85 euros) ou aqueles propietarios que extraviaron o can, que foi recollido e coidado polos servizos municipais (o custo depende, entre outros factores, do número de días que permaneceu na canceira).

Traballo non falta nas canceiras. Segundo datos da Fundación Affinity, en España recolléronse no 2008 case 120.000 cans sen fogar e só un de cada catro foi adoptado. Estes números reforzan a conveniencia dos máis de 300 centros de protección animal en funcionamento en España. CONSUMER EROSKI visitou 18 centros xestionados, contratados ou subvencionados pola autoridade municipal na Coruña, en Alacante, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Solicitóuselles información aos 18 concellos e os técnicos da revista, facéndose pasar por cidadáns interesados en adoptar un gato ou un can, visitaron as instalacións no mes de xullo. Deste xeito, púidose comprobar o seu estado, mantemento e limpeza e mais o dos animais que alí se aloxaban. Tamén se avaliou a dotación de servizos e de persoal, as rutinas de alimentación dos animais e mais a atención sanitaria que se lles brinda.

  Os centros con mellor valoración ('moi ben') foron os de Barcelona, Madrid e San Sebastián. Séguenos, cunha cualificación de 'ben', Murcia, Sevilla, Valencia, Vitoria e Zaragoza. Os de Valladolid, Málaga, Pamplona, Granada, Cádiz e Alacante quedan nun mediocre 'aceptable', mentres que as peores valoracións corresponden aos centros da Coruña, Bilbao, Córdoba e Oviedo, que suspenden cun 'regular'.

Os animais precisan coidados especiais cada día (hixiene, vacinas, alimentación, etc.) e os centros de protección animal deben ter un equipo suficiente para atendelos correctamente. Malia iso, ningunha ordenanza establece unha relación do número de coidadores e veterinarios precisos. O habitual é que nestes centros traballen entre un e tres veterinarios, aos que se suman coidadores, persoal de administración e gardas de seguridade. A súa dotación varía dunhas cidades a outras, aínda que a maioría se sitúa entre cinco e dez persoas. O seu labor compleméntase coa colaboración de voluntarios, particularmente destacada en Barcelona (50 persoas) e, en menor medida, en Madrid e Vitoria (7 persoas).

Os centros estudados con maior capacidade son os de Madrid (500 animais), San Sebastián (440), Oviedo (350) e Málaga, Córdoba e Barcelona (con 300 prazas en cada un deles). Os máis atenden menos de 150 mascotas (o centro máis pequeno dos visitados foi o de Bilbao, onde só se dá acollido unha trintena, aínda que se atopa en proceso de ampliación). Esa capacidade vese superada en ocasións polo número de animais que quedan sen dono. Así acontecía en cinco centros: Granada, Sevilla, Valladolid, Alacante e Valencia. Nos dous últimos casos, o número de cans e gatos duplicaba o de prazas dispoñibles.

Sacrificar ou non os animais

  Que facer cando se ven desbordados? Só en catro concellos ou refuxios consultados (Córdoba, Murcia, San Sebastián e Zaragoza) admiten que sacrifican os animais. Os outros optan por pór en marcha unha campaña de adopción urxente (A Coruña, Oviedo e Vitoria) ou trasládanos a outros centros (Barcelona, Bilbao, Madrid, Málaga, Pamplona, Valencia e Valladolid). En Granada e Sevilla non facilitaron esta información, pero as súas ordenanzas establecen que así que se cumprira o tempo máximo que poden estar no centro se levará a cabo a doazón ou o sacrificio. Iso si, en todos os refuxios se sacrifican os animais cando estes son agresivos ou teñen enfermidades graves e/ou infecciosas ou sofren feridas graves por maltrato.

O sacrificio dos animais de compaña é unha decisión que xera controversia. As máis das veces, o destino dunha mascota cando a abandonan e ningunha familia a adopta é a morte. Malia iso, sábese dalgunhas iniciativas pioneiras, como a do Concello de Barcelona, onde por lei se prohibiu o sacrificio dos animais domésticos na canceira municipal, potenciando así outras medidas como campañas de concienciación e controis para evitar os abandonos. Segundo os datos obtidos a través dos concellos e os encargados dos refuxios, no 2008 sacrificáronse 10.362 animais de compañía nos 12 centros onde proporcionaron esta información (no resto das ocasións, indicaron que non lles estaba permitido facilitar os datos).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto